Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2018 Páx. 5305

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2018 pola que se convocan cursos para empregados/as públicos/as das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito con data do 12 de xaneiro de 2018, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Consello Consultivo de Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócanse cursos para empregados/as públicos/as das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia.

RESOLVO:

Convocar os cursos que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Empregados/as públicos/as das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contado a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas, no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

Empregados/as públicos/as das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia.

Preferentemente, persoal habilitado nacional e funcionario da Administración local dos grupos A1 e A2, que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución relacionados coas materias dos cursos.

Criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contado a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e o Consello Consultivo de Galicia resérvanse o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o Consello Consultivo de Galicia garantirán na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV18002.

Área de coñecemento: comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades.

Nome do curso: Curso práctico sobre responsabilidade patrimonial das entidades locais.

1. Obxectivos.

Análise da normativa sobre a responsabilidade patrimonial, dos procedementos administrativos para a súa efectividade, das súas diferentes dimensións (polo funcionamento normal ou anormal do servizo público, de autoridades e persoal ao servizo das administracións, do estado lexislador, por actos de concesionarios e contratistas...).

Análise práctico dos diferentes supostos, partindo dos máis recentes pronunciamentos xurisprudenciais na materia e estudo de criterios específicos de órganos consultivos: Consello de Estado e Consello Consultivo de Galicia.

A materia presenta especial interese científico e técnico para aquel persoal funcionario que tramite calquera tipo de expediente relativo á exixencia de responsabilidade patrimonial perante o órgano ou dependencia en que prestan servizos.

O coñecemento desta materia redunda no mellor exercicio profesional da súa función na medida en que a materia presenta múltiples dimensións, na medida en que todos os órganos administrativos están suxeitos a eventual exixencia de responsabilidade patrimonial por parte dos cidadáns, calquera que sexa o servizo público que presten: por actos materiais, polo exercicio ordinario das súas competencias, por atrasos na prestación do servizo, por actos lexislativos, por actos de funcionarios.

Por outra banda, na regulación do procedemento de exixencia de responsabilidade patrimonial existen múltiples aspectos non resoltos na normativa tales como as causas e prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación, a función dos órganos consultivos, a cuantificación dos danos, o concepto de nexo causal, os propios requisitos para apreciar un funcionamento anormal dun servizo, o caso fortuíto ou forza maior… e que dan lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente teñen que coñecer aquel persoal funcionario que ordinaria ou eventualmente participa na tramitación deste tipo de expedientes. Así mesmo, é unha materia de gran interese xurídico e doutrinal.

2. Destinatarios.

Empregados/as públicos/as das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia.

Preferentemente, persoal habilitado nacional e funcionario da Administración local dos grupos A1 e A2, que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial

Duración: 27 horas.

Edicións: dúas.

– Primeira edición:

Lugar: Santiago de Compostela, sede da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4.

Datas: do 13 de febreiro ao 1 de marzo de 2018.

Proba final presencial: o día 1 de marzo, ás 18.00 horas.

Prazas: 30.

– Segunda edición:

Lugar: A Coruña, Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, rúa Vicente Ferrer, 2.

Datas: do 5 ao 21 de marzo de 2018.

Proba final presencial: o día 21 de marzo, ás 18.00 horas.

Prazas: 30.

4. Contido.

Sesión I. O Consello Consultivo de Galicia e as entidades locais: relacións e colaboración institucional.

Sesión II. Regulación actual, características e presupostos da responsabilidade da Administración.

Sesión III. Procedementos en materia de responsabilidade patrimonial.

– Procedemento ordinario.

– Procedemento abreviado.

Sesión IV. A responsabilidade de autoridades e persoal ao servizo das administracións públicas.

Sesión V. A responsabilidade de contratistas e concesionarios.

Sesión VI. A responsabilidade por actos de natureza lexislativa.

Sesión VII. A responsabilidade patrimonial por actuacións urbanísticas I.

Sesión VIII. A responsabilidade patrimonial por razóns urbanísticas II.

Sesión IX. Exame final.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as administracións públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,45 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.

Código: CV18003.

Área de coñecemento: comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades.

Nome do curso: Os recursos administrativos na nova Lei 39/2015, do 1 de outubro.

1. Obxectivos.

Análise da normativa sobre a revisión de actos firmes e os recursos administrativos, ordinarios ou extraordinarios, que poden interpoñerse fronte a todo tipo de resolucións administrativas.

A materia presenta especial interese científico e técnico para aquel persoal funcionario que tramite todo tipo de procedementos administrativos.

Todos os actos administrativos que finalizan un procedemento están suxeitos a posibilidade de revisión, xa sexa por medio de recursos administrativos ordinarios, ou xa sexa polas canles extraordinarias que as leis reguladoras dos procedementos poñen á disposición dos cidadáns, como trasunto do dereito á tutela xudicial efectiva (art. 24 CE), na súa modalidade de dereito a recorrer actos e resolucións que afecte desfavorablemente aos cidadáns.

O coñecemento desta materia redunda no mellor exercicio profesional da súa función na medida en que a materia presenta múltiples dimensións, na medida en que absolutamente todos os servizos públicos e, polo tanto, todas as actuacións, incluídas as puramente materiais ou de xestión están suxeitas a eventual recurso administrativo.

Por outra banda, a entrada en vigor da nova Lei 39/2015 é unha oportunidade para afianzar o coñecemento da normativa en aspectos tan esenciais e decisivos á hora de resolver un recurso tales como as causas e prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación, ou a función dos órganos consultivos.

Así mesmo, a resolución de recursos administrativos dá lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente teñen que coñecer aquel persoal funcionario que ordinaria ou eventualmente participan na tramitación deste tipo de expedientes.

Así mesmo, é unha materia de grande interese xurídico e doutrinal polo que no curso farase pausada referencia ás novidades xurisprudenciais na materia, facendo especial fincapé na doutrina do Tribunal Supremo e Tribunal Constitucional, do TSX de Galicia, así como tamén do Consello Consultivo de Galicia.

2. Destinatarios.

Empregados/as públicos/as das entidades locais e do sector público autonómico de Galicia.

Preferentemente, persoal habilitado nacional e funcionario da Administración local dos grupos A1 e A2, que teñan responsabilidades en materia de tramitación e instrución deste tipo de expedientes.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 21 horas.

Edicións: dúas.

– Primeira edición:

Lugar: A Coruña, Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, rúa Vicente Ferrer, 2.

Datas: do 2 ao 23 de abril de 2018.

Proba final presencial: o día 23 de abril, ás 18.00 horas.

Prazas: 30.

– Segunda edición:

Lugar: Santiago de Compostela, sede da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4.

Datas: do 7 ao 28 de maio de 2018.

Proba final presencial: o día 28 de maio, ás 18.00 horas.

Prazas: 30.

4. Contido.

Sesión I. A resolución dos procedementos administrativos.

Sesión II. Revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio.

Sesión III. Revisión dos actos en vía administrativa: declaración de lesividade.

Sesión III. Revogación de actos e rectificación de erros.

Sesión V. Recursos comúns: recurso de alzada e recurso de reposición.

Sesión VI. Recurso extraordinario de revisión.

Sesión VII. Exame final.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección, BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as administracións públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,40 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección, DOG núm. 77, do 22 de abril) sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.