Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2018 Páx. 4704

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e a resolución provisional do concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal estatutario licenciado sanitario, convocado pola Resolución do 23 de maio de 2017.

Mediante Resolución desta dirección xeral do 23 de maio de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 105, do 5 de xuño) convocouse concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal licenciado sanitario do Servizo Galego de Saúde.

Por Resolución do 18 de setembro de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 185, do 28 de setembro) publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as no dito proceso.

De conformidade co previsto na base décimo primeira da Resolución de convocatoria do proceso, do 23 de maio de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 105, do 5 de xuño), logo de finalizada a análise das reclamacións presentadas contra a listaxe de admitidos/excluídos e finalizada a validación e baremación dos méritos alegados e acreditados polos/as concursantes, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as no concurso de traslados para a provisión de diversas prazas básicas de persoal estatutario licenciado sanitario, convocado pola Resolución do 23 de maio de 2017.

Segundo. Declarar resolto provisionalmente o antedito concurso de traslados, coa publicación das puntuacións e destinos provisionalmente asignados.

Terceiro. As listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as por categoría, as puntuacións provisionais desagregadas por epígrafe do baremo e os destinos provisionais, se é o caso, asignados, están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a concursante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Cuarto. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas interesadas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Quinto. De conformidade coa base 11.4 da Resolución do 23 de maio de 2017, os/as concursantes admitidos/as disporán dun prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formular reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.

Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará a autoridade convocante e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2018

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos