Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2018 Páx. 4684

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 27 de decembro de 2017 pola que se procede á convocatoria pública da axuda, en réxime de concorrencia non competitiva, ás persoas inquilinas afectadas por execucións hipotecarias das vivendas arrendadas, no marco do Programa Aluga, no exercicio 2018.

BDNS (Identif.): 382214.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas integrantes de unidades familiares ou de convivencia afectadas por execucións hipotecarias e que reúnan os requisitos e as condicións sinalados no artigo 43.2 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Segundo. Finalidade

O obxecto desta resolución é convocar para o ano 2018, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas para o financiamento parcial da renda dos contratos de arrendamento formalizados no marco do Programa Aluga, dirixidas ao colectivo de persoas afectadas por execucións hipotecarias. Código de procedemento VI431F.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras da axuda prevista nesta convocatoria están recollidas no capítulo III do título IV (artigos 43 ao 46) do Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do alugamento no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 103, do 2 de xuño (corrección de erros no DOG núm. 114, do 17 de xuño). Así mesmo, debe terse en conta a Orde do 16 de maio de 2013 pola que se determinan como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga (DOG núm. 103, do 31 de maio).

Cuarto. Orzamento

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para os exercicios 2018 e 2019 é a 08.80.451B.480.2.

Os importes máximos, tanto das subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2018 como das imputacións para os exercicios orzamentarios 2018 e 2019, son os seguintes:

Aplicación orzamentaria

Proxecto

Importe máximo

2018-2019

Imputación

exercicio 2018

Imputación

exercicio 2019

08.80.451B.480.2

2013 00029

50.000,00 €

25.000,00 €

25.000,00 €

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. De conformidade co establecido no artigo 2 da Orde do 16 de maio de 2013, ás persoas afectadas por execucións hipotecarias non lles será de aplicación o límite establecido no artigo 44.1 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, relativo á parte da renda do alugamento que estas persoas deben asumir. As porcentaxes que se aplicarán sobre o prezo anual da renda para a determinación da contía máxima da subvención neste suposto, segundo os tramos de ingresos, son as seguintes:

Ingresos inferiores a 1 vez o IPREM: 100 % da renda anual do alugamento.

Ingresos entre 1 e menos de 2 veces o IPREM: 70 % da renda anual do alugamento.

Ingresos entre 2 e ata 2,5 veces o IPREM: 60 % da renda anual do alugamento.

5. A concesión da subvención ten efectos desde a data do primeiro día da vixencia do contrato de arrendamento ou da súa prórroga, por un período de ata doce (12) meses, que se pagará mensualmente, e a súa concesión pode acadar ata un período máximo de cinco (5) anualidades. Todo isto condicionado á vixencia do contrato de arrendamento e ao cumprimento do pagamento mensual da renda na parte correspondente á persoa arrendataria no prazo estipulado.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 45.3 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, as solicitudes de axuda ás persoas inquilinas deberanse presentar antes do día 10 do mes da data de efectos do contrato de arrendamento formalizado ao abeiro do Programa Aluga.

No caso de prórroga do contrato de arrendamento, a solicitude deberase presentar antes do día 15 do segundo mes anterior ao do vencemento da vixencia do contrato ou, de ser o caso, da súa prórroga.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo