Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 2018 Páx. 4294

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 26 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 381075.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de beneficiaria das subvencións obxecto da presente orde:

a) Organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura e/ou silvicultura.

b) Empresas ou industrias transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

2. Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais das beneficiarias reguladas no punto 1, os axentes cooperantes e poderán adquirir tal condición as seguintes entidades:

a) Produtores do sector agroforestal e as súas asociacións e outras organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria.

b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma.

c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.

d) Entidades asesoras na conservación ou uso sustentable dos recursos naturais.

e) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e convocalas para o ano 2018. O seu código de procedemento é MR331A.

En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental nin investigacións independentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 26 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

Cuarto. Importe

O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 13.02.561A.770.0, código de proxecto 201600217, por un valor total de 1.196.640 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 145.000,00 euros en 2018, 600.820,00 euros en 2019 e 450.820,00 euros en 2020.

De acordo co artigo 25.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión das subvencións.

2. Poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.

A determinación da contía das axudas realizarase en función do número de solicitudes presentadas e da dispoñibilidade orzamentaria, de acordo cos criterios de priorización establecidos no artigo 16 da orde.

A intensidade da axuda aos proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías será do 80 % dos gastos subvencionables.

A contía máxima subvencionada en cada iniciativa de cooperación será de 100.000 euros. Non se admitirán proxectos cuxa contía real de execución sexa superior a 150.000 euros.

Quinto. Obriga de relacionarse electronicamente

Tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes remata no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2017

Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural