Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 2018 Páx. 4134

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 15 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

A Constitución española no seu artigo 129.2 encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando neste sentido, considerou adecuado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación.

O Consello Galego de Cooperativas emitiu informe sobre as bases reguladoras dos premios á cooperación, así como sobre a súa convocatoria para o ano 2018.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Bases reguladoras dos premios á cooperación

Artigo 1. Finalidade

Os premios á cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega. O código do procedemento para a tramitación destes premios é o TR802Q.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Destinatarias

1. Poderán optar a estes premios as cooperativas galegas que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo.

2. Será requisito necesario para participar estar ao día nas obrigas rexistrais co Rexistro de Cooperativas de Galicia.

3. Non poderán resultar premiadas aquelas cooperativas que resultasen premiadas en anos anteriores nos premios á cooperación cando os méritos alegados sexan substancialmente os mesmos.

4. Tampouco poderán resultar premiadas as cooperativas nas cales concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Premios

Outorgaranse os seguintes premios:

– Premio aos valores cooperativos.

– Premio ao mellor proxecto cooperativo novo.

– Premio á traxectoria cooperativa.

Artigo 5. Premio aos valores cooperativos

1. Outorgarase á cooperativa galega que máis destacase no impulso dos valores e principios cooperativos.

2. O tribunal valorará a traxectoria das candidatas, especialmente as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos valores e principios cooperativos, a súa comunicación e difusión así como a súa adecuación ao marco socioeconómico galego. Os principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional son:

a) Adhesión voluntaria e aberta.

b) Xestión democrática por parte dos socios.

c) Participación económica dos socios.

d) Autonomía e independencia.

e) Educación, formación e información.

f) Cooperación entre as cooperativas.

g) Interese pola comunidade.

Os valores cooperativos son:

h) Axuda mutua.

i) Responsabilidade.

j) Democracia.

k) Igualdade.

l) Equidade.

m) Solidariedade.

n) Transparencia.

Artigo 6. Premio ao mellor proxecto cooperativo novo

1. Outorgarase á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade igual ou menor a corenta e dous meses e que destaque nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

2. O tribunal terá en conta a especial relevancia do proxecto, que pode vir determinada, entre outros, polo seu carácter innovador, a súa sustentabilidade, a súa repercusión positiva no seu contorno, especialmente nos eidos económico, social, cultural e laboral.

Artigo 7. Premio á mellor traxectoria cooperativa

1. Outorgarase á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade maior de corenta e dous meses e que destacase pola súa traxectoria no ámbito económico e social.

2. O tribunal terá en conta especialmente a solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Datos identificadores da cooperativa: data de constitución, número e clase de socios, número de traballadores, actividade e volume de negocio anual.

b) Memoria explicativa dos méritos que distinguen a candidatura que permitan apreciar os criterios de valoración correspondentes á modalidade ou modalidades ás cales se presente. Esta memoria non poderá exceder as 20 páxinas e deberá incluír un índice e unha ficha resumo.

c) Documentación xustificativa dos méritos alegados en formato texto, vídeo, fotografía, etc., de modo que o xurado poida obter unha visión o máis completa posible.

d) Documentación acreditativa da representación da persoa que asina como solicitante.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente, sempre que a persoa interesada exprese o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade.

b) DNI da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución e notificacións

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, teráselle por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Poderase requirir dos interesados aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados.

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia realizará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Tribunal

1. Para a concesión dos premios á cooperación actuará como tribunal a comisión permanente do Consello Galego de Cooperativas, que emitirá proposta razoada sobre as candidaturas segundo os criterios sinalados nos artigos 5, 6 ou 7 segundo corresponda.

2. O tribunal poderá propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de forma compartida.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. O tribunal fará pública a relación provisional dos premiados propostos na web
http://emprego.ceei.xunta.gal/

2. Contra ela poderase presentar reclamación dirixida á presidencia do tribunal, presentándoa na Secretaría Xeral de Emprego (Consellería de Economía, Emprego e Industria, Edificio Administrativo San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela), no prazo de dez (10) días hábiles contado a partir do día seguinte ao da súa publicación. Esta presentación deberá facerse unicamente por medios electrónicos.

3. Transcorrido o prazo, e de non existir reclamacións, a proposta converterase en definitiva. De existir reclamacións, o tribunal resolveraas e emitirá a proposta definitiva de adxudicación dos premios.

4. A persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a concesión dos premios que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. O prazo para ditar e notificar as resolucións será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

6. Unha vez publicada a resolución definitiva, as entidades premiadas disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Aceptación e pagamento

1. A entrega das distincións aos gañadores terá lugar no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do Día do Cooperativismo Galego.

2. O pagamento ás cooperativas gañadoras será realizado de oficio pola Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 15. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Emprego, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 16. Transparencia

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto para o envío ao Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Condicións xerais de participación

A participación nos premios supón a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo. Os seus efectos réxense polo establecido no seu articulado e na súa falta pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias, compatibilidade e reintegro

1. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

2. Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II
Convocatoria dos premios á cooperación para o ano 2018

Artigo 19. Convocatoria

Convócanse os premios á cooperación para o ano 2018.

Artigo 20. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comeza ao día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de abril de 2018. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Contía dos premios

Outórganse os seguintes premios:

– Premio aos valores cooperativos, cunha dotación económica de 5.000 euros.

– Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, cunha dotación económica de 5.000 euros.

– Premio á traxectoria cooperativa, cunha dotación económica de 5.000 euros.

Artigo 22. Financiamento

A concesión das axudas económicas e premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324C.472.1 do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2018, ata un importe máximo de 15.000 euros.

Artigo 23. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vai imputar o correspondente gasto.

Desta forma a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2018.

Disposición adicional primeira

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento, e publicación nos casos en que así o prevé a norma reguladora, autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file