Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2018 Páx. 3271

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2017 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para solicitar a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión e se abre o prazo de presentación de solicitudes.

O Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, establece no seu articulado a necesidade da aprobación dun protocolo de avaliación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), como órgano encargado de realizar a valoración previa, da actividade docente, investigadora e de xestión, necesaria para a asignación das retribucións adicionais reguladas polo mencionado decreto.

Mediante a Resolución do 10 de decembro de 2008, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, publícase o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Innovación e Industria, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, polo que se modifica o convenio do 30 de xaneiro de 2001 para a creación do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2009). A disposición transitoria terceira do citado convenio establece que, mentres que a CGIACA non adopte os procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación, acreditación e verificación a que fai referencia o artigo 23 dos estatutos, se seguirán aplicando os establecidos polas normas en vigor, no que non contradigan o establecido pola Lei orgánica 6/2001, de universidades, na súa redacción dada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a anterior.

En consonancia co anterior, a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais vinculadas ao recoñecemento polos cargos de xestión, levarase a cabo de acordo coas disposicións básicas contidas na Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 16 de outubro de 2006 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión (DOG do 26 de outubro).

Con respecto ao establecido no artigo 8.1 da devandita orde, por acordo da CGIACA do 10 de outubro de 2017, concretáronse os cargos que poderán asimilarse aos sinalados na citada Orde do 16 de outubro de 2006, que se incorporan a esta resolución como anexo I.

De conformidade coa citada normativa, o Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia convocará, mediante resolución, a apertura do prazo para a presentación de solicitudes para a asignación destes complementos retributivos.

Mediante a Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro) publícanse os acordos do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, polos que se delegan na súa presidencia a realización das convocatorias anuais de valoración previa á asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas,

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de instancias, para solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión establecido no artigo 2.4 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario (procedemento ED701C).

Segunda. Destinatarios

De conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, poderá solicitar a valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior, o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor en activo das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia (SUG).

Terceira. Requisitos

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, o artigo 6.4 da mesma disposición, así como co disposto polo artigo 2.2 da Orde do 16 de outubro de 2006 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión, para obter a valoración positiva será preciso:

1. Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Ter desempeñado algún dos seguintes cargos: reitor de universidade, vicerreitor ou secretario xeral da universidade, decano ou director de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria; vicedecano, subdirector ou secretario de facultade, escola técnica superior ou escola universitaria, director de departamento e secretario de departamento, director de instituto universitario, en calquera das institucións universitarias ou de educación superior públicas galegas, estatais ou europeas; e aqueles cargos directamente relacionados coa xestión académica ou da investigación equiparados, para efectos exclusivos deste complemento, pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación recollidos no anexo I desta resolución.

3. Ter cesado no cargo por causa legal non derivada da comisión de delito ou falta no desempeño das funcións propias deste.

Computaranse os períodos de tempo de ocupación dos correspondentes cargos desde a entrada en vigor da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria ata o 31 de decembro de 2016, sempre e cando nesta derradeira data xa se producise o cesamento efectivo.

Cuarta. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Os solicitantes deberán cubrir telematicamente a solicitude e a relación de cargos desempeñados ata 31 de decembro de 2016, nos modelos dispoñibles na aplicación informática da ACSUG á cal se deberá acceder a través da páxina web: http://www.acsug.es/convocatorias-abertas

Non se valorarán os méritos que non fosen incorporados telematicamente a través da aplicación informática da ACSUG.

2. Unha vez cuberta a solicitude do xeito indicado no punto anterior, xerarase o correspondente documento PDF e presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude en formato papel, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de presentación dos formularios na sede electrónica, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou enderezo electrónico 012@xunta.gal.

Quinta. Documentos necesarios para la tramitación do procedemento

1. Xunto coa solicitude, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

– En relación cos cargos de xestión universitaria desempeñados fóra das universidades pertencentes ao Sistema universitario de Galicia, deberá achegarse a súa documentación xustificativa (certificado oficial emitido pola secretaria xeral da correspondente universidade ou órgano equivalente ou, se é o caso, fotocopia dos boletíns ou diarios oficiais en que consten respectivamente o nomeamento e o cesamento).

– Outros documentos que a persoa solicitante considere relevantes.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. Non se admitirá a trámite nin se valorará ningunha documentación xustificativa dos méritos alegados que non cumpran co disposto nesta base.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia.

c) Cargos de xestión universitaria desempeñados nas universidades pertencentes ao Sistema universitario de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos, do xeito indicado na base quinta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Tramitación electrónica do procedemento

Os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Oitava. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada a notificación cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Prazo

O prazo para presentar as instancias solicitando a asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento polos cargos de xestión será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décima. Emenda e mellora da solicitude

1. Cando as solicitudes presentadas en prazo polos interesados non reúnan os requisitos exixidos pola normativa que lle resulte de aplicación, non se procedese ao cumprimento da solicitude, ou non se xuntasen os documentos, do xeito exixido nestas bases, a ACSUG requirirá o interesado para que, no prazo de 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, se emende a carencia, consonte o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015. No caso de non atender o devandito requirimento, entenderase que desisten da súa petición.

2. Rematado o prazo para a presentación de solicitudes, as avaliacións faranse con base aos cargos alegados a través da aplicación informática da ACSUG, así como á documentación acreditativa dos cargos desempeñados que a persoa interesada achegase ou ben autorizase a consultar.

Décimo primeira. Procedemento

1. O procedemento de tramitación e avaliación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de outubro de 2006 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración e aos procedementos para solicitar a valoración previa e asignación dos complementos de recoñecemento á excelencia curricular docente e investigadora, e de recoñecemento polos cargos de xestión.

2. No suposto de que algún dos cargos desempeñados e alegados polos solicitantes non estivese incluído no anexo I desta resolución, a CGIACA será a encargada de decidir sobre a súa inclusión e valoración.

Décimo segunda. Acordos de avaliación

1. De conformidade co establecido no artigo 22 dos estatutos da ACSUG, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

2. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA serán notificados a cada solicitante persoal e directamente nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do disposto na disposición adicional vixésimo primeira da Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se modifica a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (BOE do 13 de abril). Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados, cando resulten positivos, serán notificados directamente pola ACSUG ás correspondentes universidades, para que procedan, se é o caso, os seus consellos sociais, á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Décimo terceira. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser obxecto de recurso de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Este recurso, unha vez cuberto deberá asinarse e presentarse telematicamente consonte o establecido na base sétima.

Décimo cuarta. Efectos económicos

Cando, de conformidade co disposto na base décimo segunda, se proceda á asignación dos referidos complementos polas universidades, o pagamento das correspondentes retribucións farase con efectos do 1 de xaneiro de 2017 e nas cantidades establecidas na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

Décimo quinta. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento, e publicación nos casos en que así o prevé a norma reguladora, autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «complementos retributivos» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a ACSUG, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Lamas de Abade, s/n, CIFP Compostela, 5º andar, 15702 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a acsug@acsug.es.

Décimo sexta. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2017

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

ANEXO I
Cargo académico* e equivalencias exclusivamente
para os efectos deste complemento

Cargo académico

Puntos/ano

Reitor/a

1,00

Conselleiro/a competente en materia de universidades

1,00

Vicerreitor/a, adxunto/a ao reitor/a

0,80

Director/a xeral ou equivalente en materia de universidades

0,80

Secretario/a xeral

0,80

Valedor/a universitario/a, presidente/a da comisión/tribunal de garantías

0,80

Representante/delegado/a na CIUG

0,80

Director/a ACSUG

0,80

Presidente/a ou vogal da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación**

0,80

Presidente/a da ACSUG

0,80

Decano/a e director/a de facultade/escola

0,50

Vocal do Consello de Dirección da ACSUG

0,50

Adxunto a secretaría xeral/vicesecretario xeral

0,40

Adxunto/a ao vicerreitor/a, vicerreitor/a adxunto/a e comisionado/a, director/a de área/director/a UTC

0,40

Director/a do centro de posgrao ou escolas de doutoramento

0,40

Director/a departamento

0,40

Vicedecano/a, subdirector/a de facultade/escola

0,30

Director/a de instituto universitario

0,30

Secretario/a facultade/escola

0,30

Presidente/a ou secretario/a do tribunal único das PAAU

0,30

Secretario/a departamento

0,25

Director/a do centro de linguas

0,20

Director/a centros propios ou adscritos docentes, escola de práctica xurídica, estación biolóxica, observatorio astronómico

0,15

Director/a IV ciclo, universidade sénior

0,15

Presidente/a comisión de doutoramento, posgrao

0,15

Presidente/a ou secretario/a das comisións delegadas das PAUU/director/a grupo de traballo da CIUG

0,15

Secretario/a instituto universitario

0,15

* As equivalencias dos cargos desempeñados nas administracións públicas autonómica, estatal ou europeas a que se refire o artigo 6.4.1 do Decreto 54/2004, do 4 de marzo, que regula os presentes complementos, serán decididas pola CGIACA individualmente, tendo en conta a relevancia do cargo e a súa relación coa xestión da educación superior, a investigación, o desenvolvemento e a innovación.

** En exercicio das funcións establecidas nos artigos 22 e seguintes dos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), aprobado pola Resolución do 10 de decembro de 2008 (DOG do 20 de xaneiro de 2009).

missing image file
missing image file