Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2018 Páx. 3380

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de decembro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición interposto contra a revisión do esbozo do monte veciñal en man común Caxigal, Gándara, Cotón e Seara, do concello de Castroverde.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 13 de decembro de 2017, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera, Antonio José López-Acuña Herrero e Carlos Vázquez Díaz e da secretaria Lucía Belver Quiroga, ditou a seguinte resolución:

Monte Caxigal, Gándara, Cotón e Seara (expediente 27/78) pertencente aos veciños da parroquia de San Miguel do Páramo, no termo municipal de Castroverde. Con data do 19 de maio de 2017, ten entrada escrito presentado por Ángel Manuel Díaz Castro interpoñendo recurso de reposición contra o acordo do Xurado do 15 de marzo de 2017, polo que se aceptou a revisión de esbozo proposta pola comunidade propietaria, solicitando con base nos fundamentos que expón o arquivamento do expediente de revisión. O recurso fundaméntase, de xeito resumido, nas seguintes consideracións:

• Que ten condición de comuneiro na comunidade antedita.

• Que respecto de tres parcelas que quedan dentro do esbozo resultante da revisión, manifesta ser titular hereditario dos ditos predios, que formaron parte do inventario de bens do falecido Eugenio Díaz Iglesias para a división de herdanza 379/2015 seguida ante o Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Lugo. As parcelas a que se refire son as que teñen as seguintes referencias catastrais: 27011A159002200000TS, 27011A159002970000TP e 27011A159002410000TO.

• No relativo a que estas parcelas queden dentro do esbozo, argumenta que implica unha clasificación encuberta e que esta non foi acordada na sesión extraordinaria celebrada o 26.6.2016 pola comunidade.

• Por outra banda, sinala que a D.T.13ª da Lei 7/2012, de montes de Galicia, no relativo á posibles revisións de esbozo, establece que «se no procedemento de revisión se expuxesen cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento sen máis trámite».

Con data do 23.6.2017, tivo entrada escrito de Miguel Roberto Rodríguez Fernández, como presidente da comunidade, no que, sendo coñecedor da interposición do recurso, manifesta, en resumo:

• Que non existiu pretensión de clasificar ningunha parcela catastral das citadas, senón que aquelas xa constaban no Catastro Inmobiliario de titularidade da comunidade, existindo precisamente un problema de acomodo entre a delimitación planimétrica existente no esbozo da Administración e a realidade. Neste senso, recorda a presunción de veracidade que outorga a lei aos datos catastrais.

• Que as parcelas a que fai referencia o recorrente pertencen ao MVMC de San Miguel do Páramo e aparece, no catastro histórico sen dividir e formando parte doutras de maior entidade que sempre foron de aproveitamento común entre os veciños (presenta fotos aéreas do Catastro Histórico de Rústica).

• Que as parcelas se atopan en zonas do monte en que non existe ningún enclave de propiedade particular diferente á dos veciños do monte.

• Que o recorrente se limita a afirmar ser o titular das parcelas sen presentar proba ningunha, facendo alusión unicamente á súa inclusión nun procedemento de división de herdanza, que constitúe un acto unilateral carente de apoio probatorio.

• Que na asemblea celebrada pola comunidade o 26.6.2016 foi votado por todos os presentes a favor da aprobación do novo esbozo do monte (achega copia da acta).

• Que cando a D.T.13ª sinala a posibilidade de poñer fin ao procedemento de revisión do esbozo no caso de que se susciten cuestións relativas á propiedade non se está referindo a meras manifestacións sen o máis mínimo indicio de proba.

• Que, ademais, o recorrente non manifestou oposición ao longo da tramitación do procedemento que deu lugar ao acordo de aprobación do novo esbozo.

Examinado o devandito recurso, o Xurado, por unanimidade, acorda non admitir o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación ou publicación, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.

Lugo, 21 de decembro de 2017

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo