Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2018 Páx. 2262

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2017 pola que se convoca proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal de tres prazas de titulado/a superior de xestor de proxecto para a Unidade de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, conta dentro dos seus obxectivos estratéxicos, co de xestionar e coordinar proxectos e programas de investigación en materia sanitaria desenvolvidos pola Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e outras institucións.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) en colaboración co Servizo Galego de Saúde e coa Consellería de Sanidade, coordinará o proxecto CODIGOMAIS, enmarcado no programa Interreg-V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, aprobado pola Comisión Europea na súa Decisión C (2015) 893, do 12 de febreiro de 2015, para o fomento da cooperación no espazo transfronteirizo entre ambos países.

A Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2017, no seu artigo 14, prevé a contratación de persoal laboral temporal para a realización de obras ou servizos concretos e dotados de orzamento.

Polo exposto, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos (DOG nº 157, do 19 de agosto), esta xerencia

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria dun proceso selectivo para a provisión mediante contrato laboral temporal de tres efectivos para traballar na execución e xestión do proxecto europeo CODIGOMAIS, enmarcado no programa Interreg-V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, aprobado pola Comisión Europea na súa Decisión C (2015) 893, do 12 de febreiro de 2015, para o fomento da cooperación no espazo transfronteirizo entre ambos países, e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases reguladoras do indicado proceso inclúense como anexo I desta resolución.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo II.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017

A Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde
P.S. (Acordo do 30.6.2017)
Luis Ángel León Mateos
Director da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria

ANEXO I
Bases da convocatoria

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 15 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 157, do 19 de agosto), a Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, no exercicio das competencias atribuídas, dispón publicar as seguintes bases para a selección de tres efectivos de persoal laboral temporal para traballar na execución e xestión do proxecto europeo CODIGOMAIS, enmarcado no programa Interreg-V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, aprobado pola Comisión Europea na súa Decisión C (2015) 893, do 12 de febreiro de 2015, para o fomento da cooperación no espazo transfronteirizo entre ambos países.

Primeira. Normas xerais

1. Número e características das prazas.

Ao abeiro do artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, convócase proceso selectivo para a contratación de tres efectivos (xestor de proxecto de innovación, xestor de proxecto de investigación e xestor de comunicación) persoal laboral temporal (grupo I, categoría 4) cunha das titulacións de grao (ou licenciado) recollidas no apartado 2.3 das presentes bases.

As persoas seleccionadas van traballar na execución e xestión do proxecto europeo CODIGOMAIS. O proxecto pretende a creación dun Ecosistema Transfronteirizo de Innovación no ámbito da saúde na área de Cooperación Galicia-Norte de Portugal, que impulse a cooperación segundo o modelo da cuádrupla hélice e a valorización da investigación orientada ao mercado.

Perséguense tres obxectivos específicos:

1º. Favorecer o fluxo de información de solucións tecnolóxicas, na área de cooperación, tanto do lado da demanda como da oferta.

2º. Potenciar un ecosistema de fomento da I+D+i sanitaria orientado os resultados de investigación cara ao mercado.

3º. Potenciar un ecosistema conectado internacionalmente.

En concreto, as persoas seleccionadas contrátanse para a realización das seguintes funcións:

– Xestor de innovación:

1) Apoio e coordinación da posta en marcha do ecosistema de innovación.

2) Preparación, organización e dinamización de reunións co resto de socios e outros axentes implicados.

3) Preparación de informes, publicacións e follas de cálculo para o control orzamentario global do proxecto.

4) Apoio e coordinación das actividades relacionadas coa xestión de innovación en servizos sanitarios.

5) Apoio na elaboración do informe de resultados sobre experiencias piloto de innovación en procesos para a mellora da calidade e eficiencia con prácticas de co-creación.

6) Apoio na elaboración da Guía metodolóxica para a realización de proxectos de innovación en procesos para a mellora da calidade e eficiencia baseadas na innovación social.

7) Apoio na elaboración do plan de viabilidade da escola Lean Healthcare.

– Xestor de investigación:

1) Xestión e coordinación das actividades de investigación.

2) Coordinación das tarefas de dinamización da I+D+i en colaboración cos diferentes socios.

3) Apoio na identificación de proxectos de I+D+i no ámbito sanitario con potencial para chegar ao mercado e definir rutas de valoración detalladas.

4) Apoio na elaboración dos itinerarios de valorización e aliñamento ao mercado dos proxectos seleccionados.

5) Apoio na elaboración de orzamentos, definición de obxectivos, identificación de provedores tecnolóxicos ou colaboradores, etc. para cada un dos proxectos de I+D+i identificados.

6) Apoio na elaboración do informe de resultados sobre os proxectos participantes no itinerario de valorización.

– Xestor de comunicación:

1) Identificación de grupos obxectivo e definición da estratexia de comunicación global.

2) Elaboración do manual de publicidade para a promoción e divulgación do proxecto.

3) Elaboración de material promocional (trípticos, plóters, pósters, carpetas e bolígrafos, por socio e descritivos das actividades do proxecto).

4) Xestión e coordinación dos fluxos de comunicación dos grupos de traballo e socios do proxecto.

5) Preparación de documentación e materiais gráficos de comunicación.

6) Elaboración e difusión de notas de prensa.

7) Elaboración e difusión da Newsletter on line.

8) Xestión da páxina web.

9) Xestión das redes sociais (LinkedIn, Facebook, Twitter).

10) Organización de eventos.

• Número de efectivos: 3.

• Centro directivo: o centro directivo é a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde adscrita a Consellería de Sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, en Santiago de Compostela, aínda que terá que facer desprazamentos a países de Europa, principalmente ao Norte de Portugal por mor do seu traballo.

• Duración: desde a súa formalización ata un máximo de 1 ano e 10 meses.

De acordo co artigo 14 da Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, a duración do contrato queda condicionada a que exista crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda, computado sempre na súa proxección anual.

2. Retribucións.

As retribucións serán as establecidas para o grupo correspondente de acordo coa estrutura salarial definida nos artigos 25 e 26 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, na Lei 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, desenvolvida na Orde do 3 de xullo de 2017 (DOG núm. 130, do 10 de xullo) pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica para o ano 2017 e se actualiza con efectos do 1 de xaneiro de 2017 a contía das retribucións.

3. Modalidade de contrato.

As persoas seleccionadas asinarán un contrato de traballo de obra ou servizo determinado seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do RDL 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, ao abeiro do Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, e demais lexislación vixente que resulte de aplicación.

4. Incompatibilidades.

As persoas contratadas estarán sometidas ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e demais disposicións complementarias.

Segunda. Requisitos dos aspirantes

Para ser admitidos no proceso de selección, os/as aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata o momento da toma de posesión como persoal laboral temporal os seguintes requisitos, agás o certificado médico referente ao recollido no punto 2.5, que deberá acreditarse no momento da contratación.

1. Nacionalidade.

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

e) Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de estranxeiros non incluídos nos puntos anteriores.

2. Idade.

Teren cumpridos dezaseis anos de idade.

3. Titulación académica.

– Estar en posesión da titulación de grao (ou equivalente) nalgunha das seguintes titulacións: Economía, Dereito, Ciencias Políticas, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Químicas, Farmacia, Ciencias Biolóxicas, Medicina, Bioquímica, Biotecnoloxía, Psicoloxía, Enfermaría, Ciencias Ambientais, Física, Veterinaria ou Enxeñaría.

– Nivel de inglés B2 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados publicada o 7 de xullo no Diario Oficial de Galicia e relacionado coa Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 e na que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas de profesorado.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá acreditar que está en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de obrigación aos aspirantes que obtiveran o recoñecemento da súa cualificación profesional no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

4. Coñecemento do idioma galego.

Acreditar coñecemento do idioma galego: Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes.

5. Capacidade funcional.

Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

6. Habilitación.

Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á cal se pertencía.

No caso de nacionais doutros estados, non ser inhabilitado/a, ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

Terceira. Presentación de solicitudes

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ademais dos/das posibles candidatos/as seleccionados/as polo Servizo Público de Emprego, ao cal se cursará a oferta xenérica dos postos obxecto desta convocatoria, aquelas persoas que desexen formar parte neste proceso selectivo deberán presentar a documentación que a continuación se sinala, tendo en conta que no suposto de que os documentos sexan fotocopias, estas terán que estar debidamente compulsadas:

a) Instancia. Segundo modelo contido no anexo II que se xunta a estas bases.

b) Curriculum vitae, detallado e debidamente xustificado, onde se acredite a súa traxectoria e experiencia profesional, así como os títulos, cursos e diplomas obtidos que se valorarán, se é o caso, no proceso de selección.

c) Fotocopia compulsada da ou das titulacións académicas obtidas, que, no caso de se obteren no estranxeiro, deberá estar homologada en España.

d) Acreditación da posesión dun certificado, como mínimo, de nivel B2 ou equivalente de acordo coa táboa de equivalencia de certificados publicada o 7 de xullo no Diario Oficial de Galicia e relacionado coa Orde do 21 de xuño de 2016, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 e na que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas de profesorado.

e) Acreditación da experiencia profesional, mediante informe de vida laboral expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e certificado expedido polos órganos competentes en materia de persoal da correspondente organización onde veñan desempeñando os servizos especificando a categoría, funcións e período (con data de inicio e remate do contrato) nos que estivo traballando o/a aspirante.

f) Copias compulsadas de certificados de asistencia a cursos ou similares directamente relacionados coas funcións propias dos postos obxecto desta convocatoria. Será necesario que figure nestes o número de horas certificadas.

g) Cando se trate de aspirantes nacionais doutros países, deberán presentar fotocopia compulsada dos certificados de estudos cursados de castelán, que acrediten suficientemente os seus coñecementos deste idioma.

h) Fotocopia compulsada do título acreditativo de superación do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo).

O enderezo que figura nas instancias considerarase o único válido para efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do/da candidato/a tanto os erros na consignación deste como a comunicación de calquera cambio do dito domicilio.

Para que teñan validez neste proceso selectivo, os documentos que se presenten deberán estar expedidos nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia (galego ou castelán); no caso de documentos expedidos noutras comunidades autónomas, para que teñan validez, deberán estar redactados en castelán ou traducidos por titulado/a ou polo organismo correspondente. Tratándose de documentos expedidos nun país estranxeiro, deberán estar debidamente traducidos, validados e apostilados pola oficina diplomática española. Loxicamente, este parágrafo non fai referencia ás publicacións.

A presentación da/das solicitude/s farase no rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º, portal A, Santiago de Compostela) ou nos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia as presentes bases estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://www.acis.sergas.es).

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles desde o día seguinte ao da súa publicación oficial.

Para calquera aclaración ou información adicional, os/as interesados/as poderanse pór en contacto telefónico co Servizo de Xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a través do número de teléfono 981 55 51 03, ou a través do correo electrónico xestion.acis@sergas.es

Cuarta. Baremo de méritos. Acreditación de méritos e desempates

Baremo:

Para establecer a orde de prelación na puntuación dos/das aspirantes que corresponda a acreditación de méritos establecida nas presentes bases, aplicarase o seguinte baremo:

1. Servizos prestados: ata un máximo de 5 puntos.

1.1. Por cada mes de servizos prestados na execución de proxectos internacionais ou transnacionais nos últimos 5 anos: 0,30 puntos ao mes, ata un máximo de 5 puntos.

1.2. Por cada mes de servizos prestados en actividades relacionadas coas políticas e o financiamento comunitario no ámbito da I+D+i nos últimos 5 anos: 0,25 puntos ao mes, ata un máximo de 2,5 puntos.

A suma da puntuación dos puntos 1 e 2 non poderá exceder de 5 puntos.

2. Formación académica relacionada: ata un máximo de 4 puntos.

2.1. Para a praza de xestor de innovación.

– Pola titulación de máster relacionado con desenvolvemento económico, innovación, xestión e administración de empresas, xestión e seguimento de políticas públicas ou calquera outro equivalente con un contido similar (2 puntos por máster).

– Pola titulación de doutor (2 puntos).

2.2. Para a praza de xestor de investigación.

– Pola titulación de máster relacionado con ensaios clínicos, investigación clínica, investigación biomédica, asistencia e investigación sanitaria ou calquera outro equivalente cun contido similar (2 puntos por máster).

– Pola titulación de doutor (2 puntos).

2.3. Para a praza de xestor en comunicación.

– Pola titulación de máster relacionado con comunicacion on line, márketing dixital, periodismo e comunicación en novas tendencias en produción, xestión y difusión do coñecemento ou calquera outro equivalente cun contido similar (2 puntos por máster).

– Pola titulación de doutor (2 puntos).

3. Formación continuada: ata un máximo de 4 puntos.

Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias da categoría á que se opta organizado e impartido directamente pola Escola Galega de Administración Públicas, ACIS (extinta Fegas), Academia Galega de Seguridade Pública, INAP, escolas oficiais de formación das restantes comunidade autónomas, universidades, Inem, Dirección Xeral de Formación Ocupacional da Consellería de Traballo, cursos de formación continua do Afedap, segundo a relación de materias que se establece na convocatoria:

– Cursos de máis de 15 horas e menos de 25 horas: 0,1 puntos.

– Cursos de máis de 25 horas e menos de 75 horas: 0,2 puntos.

– Cursos de máis 75 horas: 0,3 puntos.

No caso do xestor de innovación, poderá duplicarse a puntuación obtida cando o curso se relacione con formación específica en formación de xestión de proxectos de innovación.

No caso do xestor de investigación, poderá duplicarse a puntuación obtida cando o curso se relacione con formación específica en formación en xestión da investigación.

No caso do xestor de comunicación poderá duplicarse a puntuación obtida cando o curso se relacione con formación específica en formación de márketing on line, márketing dixital ou edición e creación de páxinas e contidos dixitais.

4. Polo coñecemento acreditado do idioma galego (só se valorará o grao superior alegado) e que sexa superior ao establecido como requisito de acceso.

Grao superior ao Celga 4: 1 punto.

Só se concederá validez, polo que á acreditación do galego se refire, aos cursos ou titulacións homologados polo órgano competente en materia lingüística da Xunta de Galicia.

5. Polo coñecemento acreditado do idioma portugués: ata un máximo de 0,5 puntos.

Equivalente segundo a táboa de equivalencia a B1: 0,3 puntos.

Equivalente ou maior a B2: 0,5 puntos.

Os méritos que se van ter en conta neste proceso valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación desta convocatoria.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo e, de persistir, a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde establecida anualmente na resolución da Consellería de Facenda pola que se publica o resultado do sorteo o que se refire o regulamento de selección de persoal da administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

No obstante o anterior, no suposto de infrarrepresentación do sexo feminino nos termos establecidos no artigo 49 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, que aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, o primeiro criterio de desempate será o de ter a condición de muller.

Quinta. Tribunal de selección

O tribunal cualificador deste proceso noméase, pola Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, conforme o previsto no artigo 11 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Así mesmo, lémbrase que á comisión de selección lle resultan de aplicación as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección do 11 de abril de 2007 e o Acordo adoptado no Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Sexta. Admisión dos/das aspirantes e baremación dos méritos

1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde
(http://www.acis.sergas.es) a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as para cada unha das prazas obxecto desta convocatoria, así como as causas da súa exclusión.

Poderanse formular alegacións contra as listaxes provisionais nun prazo de cinco días hábiles, contado a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º, portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución pola que se aproben as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos na presente convocatoria. Cando da documentación que se debe presentar, no caso de superar o proceso de selección, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación neste procedemento.

2. O proceso constará de dúas fases:

Primeira fase: valoración de méritos. A puntuación máxima da fase de méritos será de catorce puntos e medio (14,5).

Segunda fase: realización dunha entrevista. A puntuación máxima da entrevista será dun punto e medio (1,5).

3. Primeira fase: o tribunal procederá a unha baremación provisional dos méritos alegados polos/as aspirantes con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente de maior a menor puntuación.

Poderanse formular alegacións contra a baremación das listaxes provisionais nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da súa publicación na páxina web da Axencia.

As alegacións presentaranse no Rexistro da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (avenida Fernando de Casas Novoa, nº 37, 1º, portal A, Santiago de Compostela) ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A estimación ou desestimación das ditas alegacións entenderase implícita na publicación da puntuación definitiva da primeira fase do proceso.

4. Segunda fase: consistirá nunha entrevista persoal non eliminatoria para valorar o grao de adecuación dos/das aspirantes.

A entrevista tratará sobre o curriculum vitae dos/das candidatos/as, as funcións que van desempeñar no posto de traballo e os seus coñecementos sobre proxectos e políticas ou programas comunitarios relacionados coa I+D+i. Parte da entrevista poderá desenvolverse en inglés.

Para a realización da entrevista, disporase dun tempo máximo de quince (15) minutos. A entrevista cualificarase de 0 a 1,5 puntos.

O tribunal de selección publicará na web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (http://www.acis.sergas.es) os nomes dos/das convocados/as, o lugar e a data e a hora de realización da entrevista.

Os/as convocados/as a esta fase deberán presentarse no lugar indicado co orixinal do DNI, permiso de conducir ou, na súa falta, pasaporte.

Unha vez realizadas as entrevistas, o tribunal publicará na web http://www.acis.sergas.es as listaxes coas puntuacións provisionais dos/das aspirantes.

Poderanse formular alegacións contra as puntuacións provisionais da segunda fase nun prazo de tres (3) días hábiles, contado a partir do seguinte ao da súa publicación.

Unha vez transcorrido o prazo de alegacións, o tribunal procederá á puntuación global definitiva, que será elevada á Xerencia da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que dite resolución coas puntuacións globais definitivas dos/das aspirantes polo mesmo medio que as listaxes provisionais, con expresión da puntuación obtida nunha orde decrecente.

5. O/a primeiro/a aspirante de cada lista definitiva publicada será o/a candidato/a seleccionado/a para a cobertura de cada unha das prazas obxecto desta convocatoria, que deberán presentar no prazo de cinco (5) días hábiles, desde que se faga pública a dita lista, a seguinte documentación ante a Axencia:

− Tarxeta sanitaria e/ou número de afiliación á Seguridade Social.

− Certificado médico oficial ou informe de saúde nos cales se acrediten os aspectos sinalados na base 2.5.

− Declaración, baixo a súa responsabilidade, de non ter sido separado/a do servizo de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas para efectos de acreditar os aspectos sinalados na base 2.6.

6. Se o/a candidato/a seleccionado/a non presenta a documentación indicada no punto anterior no prazo establecido, ou presenta a súa renuncia á contratación para o posto para o cal foi seleccionado/a (caso en que se fará mediante solicitude expresa ao respecto, no mesmo prazo sinalado no punto anterior), resultará, en calquera caso, automaticamente seleccionado/a o/a seguinte aspirante segundo a orde de prelación de cada lista, que deberá presentar nun novo prazo de cinco días hábiles desde o remate do anterior a documentación citada no punto 6.5. Procederase desta forma ata que un/unha candidato/a presente en prazo e validamente a súa documentación.

7. Logo de seleccionados/as os/as candidatos/as e presentada a súa documentación, segundo o establecido nos puntos anteriores, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, procederase á formalización das contratacións obxecto da convocatoria.

8. Se ao longo da duración dos proxectos se produce a baixa dalgún dos aspirantes contratados, procederase ao chamamento, para a cobertura deste, do/da seguinte aspirante segundo a orde de prelación da correspondente lista resultante desta convocatoria.

Sétima. Norma derradeira

1. Todas as resolucións do proceso de selección publicaranse na páxina web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde na epígrafe de novas e tamén no de transparencia e goberno aberto.

2. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela ou da actuación do tribunal, co carácter de definitivos ou que, sendo de trámite, decidan sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file