Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 21 de decembro de 2017 Páx. 57729

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 13 de decembro de 2017 pola que se regulan os pagamentos anticipados nas axudas destinadas a sufragar os danos nas vivendas e no seu enxoval doméstico, causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017, correspondentes ao ámbito competencial desta consellería (código de procedemento VI100B).

O 30 de outubro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde conxunta do 27 de outubro de 2017, mediante a cal se establecen as bases reguladoras e a convocatoria das axudas previstas polo Decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro do ano 2017.

O seu artigo 19 convoca as axudas para reparar os danos nas vivendas e no seu enxoval doméstico, causados polos incendios acontecidos en Galicia os días 14, 15 e 16 de outubro de 2017, no eido competencial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Analizadas as demandas de moitas persoas damnificadas, constátase a súa imposibilidade para poder iniciar as obras de reparación da súa vivenda, ben por non contar con recursos para facer as primeiras actuacións, ben pola dificultade para acceder a liñas de préstamos para o seu financiamento. Ante estas circunstancias, considérase necesario desde esta consellería habilitar a posibilidade de poder realizar pagamentos anticipados para que as persoas beneficiarias poidan solicitar un adianto da subvención, que lles permita iniciar as actuacións de reparación da súa vivenda.

Á vista do anteriormente exposto, e de conformidade co establecido no artigo 38.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 7, 14, e 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único. Pagamentos anticipados

1. No procedemento contido no artigo 19, relativo ás axudas destinadas a sufragar os danos nas vivendas e no seu enxoval doméstico, causados polos incendios acontecidos en Galicia durante os días 14, 15 e 16 de outubro de 2017, as persoas beneficiarias, sen necesidade de constituír ningunha garantía, poderán solicitar pagamentos anticipados de ata o 25 % do importe da subvención concedida e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

2. A solicitude do anticipo deberá presentarse, conforme o modelo que se xunta a esta orde, ante a área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) onde estea situada a vivenda, a cal, unha vez examinada esta, elevará unha proposta de concesión á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá motivadamente.

3. Non poderán realizarse pagamentos anticipados a aquelas persoas beneficiarias que estean nalgunha das situacións sinaladas no número 6 do artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2017

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

missing image file