Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 18 de decembro de 2017 Páx. 56955

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 28 de novembro de 2017, da Mesa do Parlamento de Galicia, polo que se anuncia a convocatoria de probas selectivas para ingresar por promoción interna en dúas prazas da escala superior de documentación e se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

De conformidade coas medidas de planificación dos recursos humanos para o ano 2017 adoptadas pola Mesa do Parlamento de Galicia e acordadas na Mesa de Negociación, entre as que se inclúe convocar as probas selectivas para ingresar por promoción interna en dúas prazas da escala superior de documentación do Parlamento de Galicia, ao abeiro do disposto nos artigos 30.1.2 e 60.3 do Regulamento do Parlamento de Galicia e 16 do seu estatuto de persoal, a Mesa do Parlamento de Galicia, mediante acordo, aprobou as seguintes bases que rexerán as probas selectivas para o ingreso nas devanditas prazas.

Bases

Primeira. Normas xerais

1. Características da praza.

Convócase proceso selectivo para ingresar en dúas prazas da escala superior de documentación do Parlamento de Galicia (grupo A).

As prazas estás dotadas coas súas retribucións correspondentes, consignadas nos orzamentos do Parlamento de Galicia para o ano 2017 (incrementadas no 1 %).

2. Procedemento de selección.

Ao abeiro do establecido no artigo 55 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, o sistema de selección será o de concurso-oposición.

3. Incompatibilidades.

As prazas están sometidas ao réxime xeral de incompatibilidades establecido no Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

Segunda. Requisitos dos/das aspirantes

1. Xerais.

Para seren admitidos/as á realización das probas selectivas, os/as aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Pertencer como funcionario/a de carreira á escala técnica de xestión de documentación e ter unha antigüidade nela de, polo menos, dous anos.

b) Titulación: estar en posesión ou en condición de obter a titulación de doutor/a, licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou equivalente.

c) Non exceder a idade de xubilación forzosa.

d) Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións correspondentes.

e) Non ter sido obxecto dunha separación de servizo mediante expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no punto anterior deberán cumprirse no último día do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento da toma de posesión da praza resultante deste proceso.

Terceira. Solicitudes

1. Forma.

Quen desexe participar nas probas selectivas deberá formular a súa solicitude segundo o modelo que figura como anexo I, que tamén estará dispoñible na páxina web do Parlamento de Galicia. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, de ser o caso, documentación acreditativa de encontrarse nalgunha das situacións ás que fai referencia esta convocatoria, susceptibles da exención do pagamento.

b) Declaración de que non está separado/a, a través de expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública nin de estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas, e de non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das correspondentes funcións (anexo III).

c) Documento xustificativo orixinal ou fotocopia debidamente compulsada de estar en posesión do curso de Celga 4 ou de perfeccionamento de coñecemento da lingua galega, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no terceiro exercicio.

d) Documentación acreditativa dos méritos alegados na fase de concurso.

2. Destinatario, prazo e lugar de presentación.

As solicitudes dirixiranse á Presidencia do Parlamento de Galicia. O prazo de presentación será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, sito na rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Dereitos de exame.

O seu importe, de 41,15 euros, acreditarase xuntando á solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso realizado mediante transferencia bancaria na conta corrente de Abanca ES 50 2080 0388 21 3110000502, en que se indicará «Taxas selección ESD», DNI e nome do/da aspirante.

Aos/ás aspirantes excluídos/as devolveráselles o importe ingresado sempre que o soliciten, no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estará exento do pagamento da taxa dos dereitos de exame quen estea incurso/a nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente, e deberán solicitar as posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Cuarta. Admisión de aspirantes

Relación de admitidos/as e excluídos/as.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia ditará resolución na que se declarará aprobada a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación de apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, xunto coa motivación da exclusión, se é o caso. Esta resolución publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, así como na páxina web do Parlamento de Galicia
(www.parlamentodegalicia.es).

Os/as aspirantes excluídos/as dispoñerán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou desestimación destas peticións de emenda entenderase implícita na resolución pola que se determine a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as.

Transcorrido o dito prazo, a Presidencia ditará resolución definitiva, contra a que se pode interpoñer recurso potestativo de reposición, ante este órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, ou poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A resolución definitiva será obxecto da mesma publicidade cá provisional.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, o/a interesado/a decaerá en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación neste procedemento.

A dita resolución definitiva determinará o lugar, a data e a hora do comezo do primeiro exercicio.

Quinta. Tribunal cualificador

1. Composición.

O tribunal cualificador das probas selectivas será designado pola Presidencia da Cámara de acordo coa normativa reguladora da función pública aplicable nesta materia, e non poderá estar composto maioritariamente por persoal do corpo ou escala de que se trate. Ningunha persoa integrante terá titulación inferior á exixida para a admisión ás probas. Na súa composición debe atenderse aos principios de imparcialidade e profesionalidade e ás normas de igualdade de mulleres e homes.

O tribunal poderá, para os seus traballos, dispoñer a incorporación de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios cando o coide necesario, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle á Presidencia do Parlamento de Galicia.

2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberán absterse ou poderán ser recusados por calquera interesado, e particularmente polos aspirantes, cando concorra algún dos supostos previstos nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes relativas a procesos selectivos de acceso ao corpo e escala a que corresponden as prazas obxecto desta convocatoria nos cinco anos anteriores ao da publicación desta convocatoria. Neste caso, deberán comunicarllo á Presidencia do Parlamento. Cando se produza esta situación, e consecuentemente a vacante dun membro do tribunal titular, o seu suplente cubrirá o devandito posto e a Presidencia designará un novo suplente.

A presidenta ou o presidente, na sesión de constitución do tribunal, solicitará dos membros do tribunal a declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou na prevista nas presentes bases.

3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia da maioría dos seus membros e será necesaria, en todo caso, a presenza do presidente ou da presidenta e do secretario ou da secretaria.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.

Por cada sesión do tribunal redactarase a acta coa sinatura do secretario ou secretaria e o visto e prace do presidente ou presidenta.

En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Será nula de pleno dereito calquera proposta de aprobados que o contraveña.

Sexta. Proceso de selección

O proceso de selección será o de concurso-oposición.

1. Fase de oposición.

Os temas que rexerán as probas selectivas serán os publicados como anexo II ás presentes bases.

1.1. Exercicios.

Primeiro exercicio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 50 preguntas referido ao temario que se inclúe nesta convocatoria, 15 do bloque I e 35 do bloque II. O cuestionario estará composto por preguntas con tres respostas alternativas, das cales só unha delas será correcta.

No test poderán poñerse ata cinco preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das mencionadas anteriormente. Por cada pregunta incorrecta non se descontará ningunha resposta correcta. O tempo máximo de duración desta proba será dunha hora e valorarase de 0 a 20 puntos.

Segundo exercicio. Terá dúas partes diferenciadas:

Primeira. Desenvolver por escrito, durante un tempo máximo de dúas horas, dous temas do bloque II, do anexo II, que se elixirán entre catro sacados por sorteo polo tribunal.

Esta proba valorarase de 0 a 20 puntos. Correspóndelle ao tribunal determinar a súa puntuación atendendo aos coñecementos, á claridade, á orde de ideas e á calidade da expresión escrita.

Segunda. Resolución dun suposto práctico relativo aos traballos propios de bibliotecas, documentación e arquivos, que en todo caso deberá permitir apreciar a suficiencia dos/das opositores/as en relación coa información bibliográfica e documental e coa organización e xestión de servizos bibliotecarios, documentais e arquivísticos, en especial en materias xurídico-políticas. Para a realización deste exercicio os opositores poderán dispoñer de cantos medios, incluído o acceso á web, estimen oportunos. O tempo para a realización deste exercicio será de tres horas. Esta proba valorarase de 0 a 20 puntos.

Terceiro exercicio. Consistirá na realización de dúas traducións, unha do castelán para o galego e outra do galego para o castelán, durante o prazo máximo dunha hora.

Este exercicio cualificarase como apto ou non apto. Están exentos da realización deste terceiro exercicio os/as aspirantes que acrediten a posesión do Celga 4, o curso de perfeccionamento de coñecemento da lingua galega ou a correspondente validación expedida polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

As cualificacións de cada un dos exercicios publicaranse na páxina web e no taboleiro de anuncios da Cámara.

A cualificación final da oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos diferentes exercicios.

Para superar a fase da oposición será preciso acadar, polo menos, 30 puntos nos exercicios obrigatorios e ter, de ser o caso, a cualificación de apto no terceiro exercicio.

Correspóndelle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar esta puntuación mínima.

1.2. Unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, a puntuación da fase de oposición publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es). Concederase, a partir dese momento, un prazo de dez días para que os/as aspirantes fagan ante o tribunal as alegacións que xulguen oportunas.

1.3. Os/as aspirantes deberán presentarse, para a realización de cada exercicio, provistos/as do documento nacional de identidade ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

1.4. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia cá dos/das aspirantes, membros do tribunal e os/as colaboradores/as designados/as por este.

1.5. Os/as aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistos de teléfono móbil, obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

2. Fase de concurso.

2.1. A fase de concurso consistirá en valorarlles aos/as aspirantes que superen a fase de oposición os seguintes méritos:

a) Antigüidade, ata un máximo de 6 puntos:

1. Por servizos prestados como funcionario/a de carreira do grupo B da Administración parlamentaria, 0,019 puntos/mes. Para estes efectos, considérase servizo prestado o tempo de gozo de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares.

2. Por servizos prestados como funcionario/a de carreira do grupo B doutras administracións públicas: 0,010 puntos/mes. Para estes efectos, considérase servizo prestado o tempo de gozo de excedencia por coidado de fillos/as e familiares.

b) Traballo desenvolvido na Administración parlamentaria en anteriores postos en materias relacionadas co posto a que opta, ata un máximo de 2 puntos; 0,010 puntos por mes.

c) Grao persoal consolidado, ata un máximo de 2 puntos, do seguinte xeito:

– Nivel 20: 0,80 puntos.

– Por cada unidade máis: 0,20 puntos.

d) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata un máximo de 0,5 puntos:

– Licenza de maternidade: 0,20 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,20 puntos/permiso.

– Redución de xornada, prevista no artigo 59.1.f) do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia: 0,20 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para o coidado de fillos/as e familiares: 0,04 puntos/mes.

e) Formación: ata un máximo de 2,5 puntos:

Pola realización de cursos de formación impartidos por escolas oficiais de formación das comunidades autónomas, universidades, administracións públicas ou por outras entidades, sempre que neste último caso os cursos conten cunha homologación oficial.

Para estes efectos valoraranse os cursos realizados sobre biblioteconomía, documentación, arquivos, procedemento administrativo, contratación administrativa, xestión administrativa, persoal, igualdade, dereito sancionador, responsabilidade patrimonial, linguaxe administrativa, informática, lingua galega, idiomas oficiais da Unión Europea e calquera outra materia relacionada coas funcións propias destes postos de traballo.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

– Por cada curso igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 39 horas lectivas: 0,30 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 40 horas lectivas e ata 74 horas lectivas: 0,50 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 75 horas lectivas: 1 punto por curso.

Non se valorarán os cursos que non acrediten as horas de duración, nin os cursos inferiores a 12 horas lectivas, nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

2.2. A puntuación máxima da fase de concurso será de 12 puntos.

En ningún caso a puntuación obtida na fase de concurso poderá aplicarse para superar a fase da oposición.

2.3. A experiencia alegada nos puntos anteriores deberase referir á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2.4. As puntuacións obtidas na fase de concurso faranse públicas no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, no taboleiro de anuncios do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia, con posterioridade á publicación das cualificacións do último exercicio da fase de oposición, no caso de ter que se realizar este.

2.5. Os méritos a que se refire o punto 6.2.1.a) deberán xuntarse á instancia e acreditarse coa seguinte documentación:

1. No caso de servizos prestados no Parlamento de Galicia, certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

2. No caso de servizos prestados noutras administracións públicas, mediante certificación da unidade de persoal do organismo correspondente.

Xunto co certificado achegarase a documentación acreditativa debidamente compulsada dos méritos nel reflectidos, entre a cal se encontrará o nomeamento como persoal funcionario, como interino ou como contratado administrativo, ou o contrato laboral.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido neste punto ou as que, en calquera caso, non xunten a documentación acreditativa dos méritos reflectidos na certificación.

2.6. Os méritos a que se refire o punto 6.2.1.b) deberán manifestarse e acreditarse mediante certificación expedida pola xefatura da unidade administrativa correspondente, e os méritos aos que se refiren os puntos 6.2.1.c) e 6.2.d) deberán manifestarse na solicitude e acreditaranse mediante certificación expedida pola unidade administrativa competente en materia de recursos humanos do Parlamento de Galicia.

2.7. Os méritos a que se refire o punto 6.2.1.e) deberán xuntarse á instancia e acreditaranse mediante copia compulsada do título ou diploma acreditativo.

Os/as aspirantes dispoñerán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da relación provisional, para efectuar ante o tribunal as alegacións que coiden oportunas respecto da puntuación outorgada na fase de concurso.

Sétima. Desenvolvemento dos exercicios

1. Os exercicios distribuiranse en galego. Non obstante, tamén se lles distribuirán en castelán aos/ás aspirantes que así o soliciten.

2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos/as polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

3. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algún ou algunha aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia ao/á interesado/a, deberá acordar a súa exclusión, se procede.

4. Os/as aspirantes serán convocados/as para cada exercicio nun único chamamento, e será excluído da oposición quen non compareza.

5. A publicación do anuncio de realización do segundo e sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal, na páxina web do Parlamento de Galicia, con corenta e oito horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

Oitava. Lista de aprobados

Rematadas as probas, o tribunal sumará os resultados obtidos por cada aspirante nas fases de concurso e oposición, que serán publicados no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, e elevaralle á Mesa do Parlamento proposta en favor do/a aspirante que obtivese a maior puntuación.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, resolverase a favor do/a aspirante que obtivese a puntuación máis alta no primeiro exercicio (fase de oposición). De continuar o empate, resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso. Se persiste o empate, resolverase por orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante do sorteo, I (i latino), consonte a Resolución da Presidencia do Parlamento de Galicia do 21 de xullo de 2017.

Novena. Presentación de documentos

1. O/a aspirante que supere o proceso selectivo deberá presentar, sempre que non conste na Administración parlamentaria, ante a Presidencia do Parlamento, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público o acordo de aprobación pola Mesa do Parlamento de Galicia, a fotocopia compulsada do título exixido na base 2.1.b) ou a certificación académica, co xustificante do aboamento dos dereitos de expedición do título.

2. Se dentro do prazo fixado, e agás nos casos de forza maior libremente apreciados polo letrado oficial maior, non presenta a documentación, ou se do exame dela se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderá ser promovido/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer por falsidade na solicitude inicial.

Décima. Nomeamento

Unha vez presentados os documentos, de ser o caso, a que fai referencia a base anterior, a Presidencia nomeará o/a aspirante que superase o proceso selectivo persoal funcionario da escala superior de documentación do Parlamento de Galicia, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia. Deberá tomar posesión do seu posto dentro do prazo dun mes desde a notificación do nomeamento.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición, ante a Mesa do Parlamento de Galicia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2017

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

missing image file

ANEXO II

Bloque I.

1. Constitución española do 27 de decembro de 1978.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

3. Regulamento do Parlamento de Galicia.

4. Acordos interpretativos e normas complementarias do Regulamento do Parlamento de Galicia.

5. Organización e funcionamento: regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

6. Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

7. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

8. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

9. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

10. Regulamento da Cámara para a utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas na actividade parlamentaria (Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 8 de maio de 2006). Normas de creación da sede electrónica e de regulación da xestión electrónica no Parlamento (Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 20 de marzo de 2017).

11. Lei 19/2013, do 9 decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

12. Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia. Lei 23/2006, do 7 de xullo, pola que se modifica o texto refundido da Lei de propiedade intelectual. Lei 21/2014, do 4 de novembro, pola que se modifica o texto refundido da Lei de propiedade intelectual (artigo primeiro).

13. Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal: disposicións xerais, principios da protección de datos, dereitos das persoas e Axencia de Protección de Datos (títulos I, II, III e VI).

14. Normas para a regulación e protección dos datos de carácter persoal existentes no Parlamento de Galicia (Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 21 de marzo de 2012; Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 11 de abril de 2014).

15. Decreto 43/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do depósito legal. Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal. Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

16. Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia. Decreto 190/2013, do 19 de decembro, polo que se regula a composición e funcionamento do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia.

17. Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia. Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, polo que se regula a composición e o funcionamento do Consello de Avaliación Documental de Galicia e o procedemento de avaliación e selección de documentos.

18. Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

19. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. Título preliminar e títulos I, II e IV.

20. A cooperación parlamentaria dos parlamentos autonómicos: CALRE, a súa función e regulamento; Coprepa, a súa función e regulamento.

21. Tratado da Unión Europea e Tratado Constitutivo da Comunidade Europea: disposicións comúns, disposicións sobre os principios democráticos, disposicións sobre as institucións.

22. Tratado de funcionamento da Unión Europea: primeira parte, segunda parte e capítulos 1, 2 e 3 do título I da sexta parte.

23. Principio de subsidiariedade na elaboración da normativa da UE. Protocolo nº 2 sobre a aplicación dos principios de subsidiariedade e proporcionalidade.

24. Protocolo nº 1 sobre as tarefas dos parlamentos nacionais na Unión Europea.

Bloque II.

1. Plataformas e sistemas electrónicos de xestión de arquivos. Características e prestacións.

2. Arquivo único electrónico. Seguridade. Interoperabilidade.

3. Dixitalización de documentos. Formatos de preservación e de difusión. Normativas e estándares.

4. Normativas de descrición arquivística. A norma galega Nogada.

5. A difusión de arquivos en web. Deseño e prestacións de portais e de busca.

6. Linguaxes de marcación e metadatos en arquivos.

7. Xestión automatizada dos arquivos parlamentarios.

8. Novos sistemas de xestión de bibliotecas sobre protocolos html. Principais innovacións e tendencias de desenvolvemento. Bibliotecas e OPAC 2.0.

9. Xestión dos recursos electrónicos en bibliotecas: bibliotecas virtuais e dixitais e bibliotecas «híbridas».

10. Libros electrónicos en bibliotecas. Acceso. Difusión. Xestión do préstamo. Plataformas de préstamo e de lectura en liña.

11. Novos formatos de descrición bibliográfica. FRBR, FRAD, RDA.

12. Linguaxes de marcación e aplicacións para bibliotecas, arquivos, centros de documentación: SGML, HTML, XML, XML/RDF, OWL e outros.

13. Interoperabilidade e estándares de intercambio de información documental e bibliográfica: TCP/IP, HTPP, Z39.50, SRU, OAI, Metadata Harvesting Protocol, Open URL, LOD (Linked Open Data).

14. Esquemas de metadatos. METS. Dublin Core.

15. Xestores documentais e sistemas de xestión de contidos en plataformas web.

16. Xestión automatizada de tesauros e sistemas de clasificación. Norma ISO 25964. Ontoloxías. SKOS (Simple Knowledge Organization System). Web semántica en relación coa documentación e coas bibliotecas.

17. O tesauro EUROVOC.

18. Principais proxectos de normalización e interoperabilidade no ámbito lexislativo e parlamentario. O Identificador Europeo de Lexislación.

19. Principais bases de datos e plataformas de información lexislativa do Estado e das comunidades autónomas.

20. Principais bases de datos, plataformas e fontes de información sobre información xudicial e xurisprudencia en España.

21. Principais fontes de información sobre lexislación estranxeira, especialmente de países europeos.

22. Principais bases de datos, plataformas e fontes de información sobre a actividade parlamentaria en España.

23. Fontes de información administrativa, lexislativa e da acción do Goberno a nivel galego.

24. Principais fontes de información de e sobre a Unión Europea.

25. Principais bases de datos e fontes de información bibliográfica no ámbito xurídico na internet.

26. Principais bases de datos e fontes de información bibliográfica sobre análise e políticas económicas na internet.

27. Principais bases de datos e fontes de información bibliográfica nos ámbitos da actividade política e das ciencias sociais na internet.

28. Outras fontes de información. Buscadores especializados. Repositorios. Portais institucionais. Portais de transparencia.

29. Principais fontes de información estatística de ámbito estatal e galego na internet.

30. Uso das tecnoloxías electrónicas (correo electrónico, plataformas de intercambio de ficheiros, intranets...) no traballo documental.

31. As redes sociais como ferramenta de difusión da información parlamentaria.

32. Aplicacións e plataformas para a elaboración e difusión na web de produtos e boletíns de información documental e bibliográfica.

33. Xestión e administración de bibliotecas e centros de documentación. Planificación estratéxica.

34. Xestión de calidade e avaliación en arquivos, bibliotecas e servizos de información documental.

35. Deontoloxía profesional dos arquiveiros, bibliotecarios e documentalistas. Principais «códigos» e recomendacións.

36. Estatísticas en bibliotecas.

37. Directrices para bibliotecas, arquivos e servizos de información parlamentarios.

38. A colaboración no ámbito documental parlamentario no Estado español. Red Parlamenta. O Grupo Español da Sección de Arquivos e arquiveiros parlamentarios do CIA.

39. As webs parlamentarias. Características. Boas prácticas. Recomendacións. Situación actual e perspectivas de desenvolvemento. A web do Parlamento de Galicia.

O contido do temario para todos os exercicios da oposición axustarase á normativa publicada no Boletín Oficial del Estado ou no Diario Oficial de Galicia na data de publicación da presente convocatoria, aínda cando non entrase en vigor.

ANEXO III
Declaración xurada ou promesa

D/Dª ………........……………………......................…….....……………………….....….., con documento nacional de identidade número……………….…………………...................,

Declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de participar no proceso selectivo da escala superior de documentación, que non foi separado/a do servizo de ningunha das administracións públicas e que non está inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas. Así mesmo, declara que non padece enfermidade ou discapacidade que lle impida o desempeño das correspondentes funcións do posto e que son certos todos os datos achegados respecto deste proceso selectivo.

…………………………………….., ……..de ………………de 2017