Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Luns, 18 de decembro de 2017 Páx. 56974

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 28 de novembro de 2017, da Mesa do Parlamento de Galicia, polo que se anuncia a convocatoria de probas selectivas para ingresar por promoción interna nunha praza do corpo de xestión e se aproban as bases reguladoras do procedemento de selección.

De conformidade coas medidas de planificación dos recursos humanos para o ano 2017 adoptadas pola Mesa do Parlamento de Galicia e acordadas na Mesa de Negociación, entre as que se inclúe convocar as probas selectivas para ingresar por promoción interna nunha praza do corpo de xestión do Parlamento de Galicia, ao abeiro do disposto nos artigos 30.1.2 e 60.3 do Regulamento do Parlamento de Galicia e 16 do seu estatuto de persoal, a Mesa do Parlamento de Galicia, mediante acordo, aprobou as seguintes bases que rexerán as probas selectivas para o ingreso na dita praza.

Bases

Primeira. Normas xerais

1. Características da praza.

Convócase proceso selectivo para ingresar nunha praza, mediante promoción interna, do corpo de xestión do Parlamento de Galicia (grupo B).

A praza está dotada coas súas retribucións correspondentes, consignadas nos orzamentos do Parlamento de Galicia para o ano 2017 (incrementadas no 1 %).

A este proceso selectivo seralle aplicable o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia e o disposto nesta convocatoria.

2. Procedemento de selección.

Ao abeiro do establecido no artigo 35 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, o sistema de selección será, mediante promoción interna, o de concurso-oposición.

3. Incompatibilidades.

A praza está sometida ao réxime xeral de incompatibilidades establecido no Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

Segunda. Requisitos dos/das aspirantes

1. Xerais.

Para seren admitidos á realización das probas selectivas, as/os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Pertencer como funcionarios de carreira ao corpo administrativo do Parlamento de Galicia e ter unha antigüidade nese corpo de, polo menos, dous anos.

b) Non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Titulación de diplomado/a universitario/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a ou equivalente.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase posuír o documento acreditativo da súa homologación.

d) Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións correspondentes.

e) Non ter sido obxecto dunha separación de servizo mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública nin obxecto dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no punto anterior deberán cumprirse no último día do prazo de presentación de solicitudes, e deberán manterse ata o momento da toma de posesión da praza resultante deste proceso selectivo.

Terceira. Solicitudes

1. Forma.

Quen desexe participar nas probas selectivas deberá formular a súa solicitude segundo o modelo que figura como anexo I, que tamén estará dispoñible na páxina web do Parlamento de Galicia. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, de ser o caso, documentación acreditativa de encontrarse nalgunha das situacións ás que fai referencia esta convocatoria, susceptibles de exención do pagamento.

b) Declaración de que non está separado/a, a través de expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública nin inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas, así como de non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das correspondentes funcións (anexo III).

c) Documento xustificativo orixinal ou fotocopia debidamente compulsada de estar en posesión do curso Celga 4 ou de perfeccionamento de coñecemento da lingua galega, ou curso equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no terceiro exercicio.

d) Documentación acreditativa dos méritos alegados na fase de concurso.

2. Destinatario, prazo e lugar de presentación.

As solicitudes dirixiranse á Presidencia do Parlamento de Galicia. O prazo de presentación será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia, sito na rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Dereitos de exame.

O seu importe, de 35,43 euros, acreditarase xuntando á solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso realizado mediante transferencia bancaria na conta corrente de Abanca ES50 2080 0388 21 3110000502, en que se indicará «Taxas selección CXP», DNI e nome da/do aspirante.

Ás/aos aspirantes excluídas/os devolveráselles o importe ingresado sempre que o soliciten no prazo dun mes, contado desde a publicación da relación definitiva de admitidos e excluídos no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estará exento do pagamento das taxas dos dereitos de exame quen estea incurso nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As/os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente a porcentaxe de discapacidade recoñecida polo órgano competente, e deberán solicitar as posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Cuarta. Admisión de aspirantes

Relacións de admitidos/as e excluídos/as.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Presidencia ditará resolución na que se declarará aprobada a relación provisional de admitidos e excluídos, con indicación de apelidos, nome e número de documento nacional de identidade, xunto coa motivación da exclusión, se é o caso. Esta resolución publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, así como na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es).

As/os aspirantes excluídas/os dispoñerán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivase a exclusión. Para tal efecto, a estimación ou desestimación destas peticións de emenda entenderase implícita na resolución pola que se determine a relación definitiva de admitidos e excluídos.

Transcorrido o dito prazo, a Presidencia ditará resolución definitiva, contra a que se pode interpoñer recurso potestativo de reposición, ante este órgano, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, ou poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A resolución definitiva será obxecto da mesma publicidade que a provisional.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza aos/ás interesados/as a posesión dos requisitos exixidos nestas bases. Cando da documentación que deba presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprenda que non posúe algún dos requisitos, o/a interesado/a decaerá en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación neste procedemento.

A dita resolución definitiva determinará o lugar, a data e a hora do comezo do primeiro exercicio.

Quinta. Tribunal cualificador

1. Composición.

O tribunal cualificador das probas selectivas será designado pola Presidencia da Cámara de acordo coa normativa reguladora da función pública aplicable nesta materia, e non poderá estar composto maioritariamente por persoal do corpo de que se trate. Ningunha persoa integrante terá titulación inferior á exixida para a admisión ás probas. Na súa composición debe atenderse aos principios de imparcialidade e profesionalidade, así como ás normas de igualdade de mulleres e homes.

O tribunal poderá, para os seus traballos, dispoñer a incorporación de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios cando o coide necesario. Estes asesores limitaranse a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle á Presidencia do Parlamento de Galicia.

2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberán absterse ou poderán ser recusados por calquera interesado, e particularmente polos aspirantes, cando concorran algúns dos supostos previstos nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes relativas a procesos selectivos de acceso ao corpo e escala aos que corresponde a praza obxecto desta convocatoria nos cinco anos anteriores ao da publicación desta convocatoria. Neste caso, deberán comunicarllo á Presidencia do Parlamento. Cando se produza esta situación, e consecuentemente a vacante dun membro do tribunal titular, o seu suplente cubrirá o devandito posto e a Presidencia designará un novo suplente.

A presidenta ou o presidente, na sesión de constitución do tribunal, solicitará dos membros do tribunal a declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou na prevista nestas bases.

3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia da maioría dos seus membros e será necesaria, en todo caso, a presenza de presidente/a e secretario/a.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.

Por cada sesión do tribunal redactarase a acta coa sinatura do secretario ou secretaria e o visto e prace do presidente ou presidenta.

4. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Será nula de pleno dereito calquera proposta de aprobados que o contraveña.

Sexta. Proceso de selección

1. Fase de oposición.

Os temas que rexerán as probas selectivas serán os publicados como anexo II a estas bases.

1.1. Exercicios.

a) O primeiro exercicio, de carácter obrigatorio, consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cincuenta preguntas tipo test sobre o contido do programa, con tres respostas alternativas propostas polo tribunal, das que só unha será a correcta. No test poderán poñerse ata cinco preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das mencionadas anteriormente.

Por cada pregunta incorrecta non se descontará ningunha resposta correcta.

O tempo máximo de duración desta proba será dunha hora.

b) O segundo exercicio, de carácter obrigatorio, consistirá na resolución dun suposto práctico que elixirán as/os aspirantes entre dous propostos polo tribunal e no que se suscitarán cuestións diversas relacionadas proporcionalmente cos distintos contidos do programa, durante un tempo máximo de dúas horas.

O tribunal poderá determinar a realización dos dous exercicios na mesma sesión, sen prexuízo de que poida dispoñer a realización dunha pequena pausa entre un e outro exercicio.

O primeiro e segundo exercicios cualificaranse cada un de 0 a 15 puntos.

c) O terceiro exercicio, de carácter obrigatorio, consistirá na realización de dúas traducións, unha do castelán para o galego e outra do galego para o castelán, durante o tempo máximo dunha hora.

Este exercicio cualificarase como apto ou non apto.

Estarán exentos da realización deste exercicio as/os aspirantes que acrediten posuír, no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o curso Celga 4 ou o de perfeccionamento de coñecemento da lingua galega, ou curso equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Para superar a fase de oposición será preciso acadar polo menos un total de 15 puntos respecto dos exercicios de carácter obrigatorio e ter a cualificación de apto no terceiro exercicio, sen prexuízo do establecido nesta base no que atinxe á súa exención.

Correspóndelle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar esta puntuación mínima.

1.2. Unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, a puntuación da fase de oposición publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia (www.parlamentodegalicia.es). Concederase, a partir de entón, un prazo de dez días para que as/os aspirantes fagan ante o tribunal as alegacións que xulguen oportunas.

1.3. As/os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán levar bolígrafo azul ou negro.

1.4. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos opositores, membros do tribunal e colaboradores designados por este.

1.5. As/os aspirantes non poderán acudir ao recinto do exame provistos de teléfono móbil, obxectos ou demais dispositivos de carácter electrónico.

2. Fase de concurso.

A fase de concurso consistirá na valoración dos seguintes méritos das/os aspirantes que superen a fase de oposición:

a) Antigüidade, ata un máximo de 6 puntos:

1. Por servizos prestados como funcionario/a de carreira no grupo C, ou no extinto grupo D, na Administración parlamentaria, 0,019 puntos/mes. Para estes efectos, considérase servizo prestado o tempo de gozo de excedencia para o coidado de fillos e familiares.

2. Por servizos prestados como funcionario/a de carreira nos distintos corpos doutras administracións públicas nos grupos a que fai referencia o número anterior: 0,010 puntos/mes. Para estes efectos, considérase servizo prestado o tempo de gozo de excedencia por coidado de fillos e familiares.

b) Traballo desenvolvido na Administración parlamentaria en anteriores postos, en materias relacionadas co posto ao que optan, ata un máximo de 2 puntos; 0,010 puntos/mes.

c) O grao persoal consolidado, ata un máximo de 2 puntos, do seguinte xeito:

Nivel 16: 0,4 puntos.

Nivel 17: 0,8 puntos.

Nivel 18: 1,2 puntos.

Nivel 19: 1,6 puntos.

Nivel 20: 2 puntos.

Conforme o establecido na disposición transitoria novena do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia, valorarase a prestación de servizos no grupo C previa á entrada en vigor do referido Estatuto de persoal; 0,010 puntos/mes, ata un máximo de 2 puntos.

d) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ata un máximo de 0,5 puntos:

– Licenza de maternidade: 0,20 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,20 puntos/permiso.

– Redución de xornada prevista no artigo 59.1.f) do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia: 0,20 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para coidado de fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.

e) Formación, ata un máximo de 2,5 puntos:

Pola realización de cursos de formación impartidos por escolas oficiais de formación das CC.AA., universidades, administracións públicas ou por outras entidades, sempre que neste último caso os cursos conten cunha homologación oficial.

Para estes efectos, valoraranse os cursos realizados sobre procedemento administrativo, seguridade e saúde laboral, contratación administrativa, xestión administrativa, persoal, igualdade, dereito sancionador, responsabilidade patrimonial, linguaxe administrativa, informática, lingua galega, idiomas oficiais da Unión Europea e sobre calquera outra materia relacionada coas funcións propias deste tipo de postos de traballo.

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

– Por cada curso igual ou superior a 12 horas lectivas e ata 39 horas lectivas: 0,30 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 40 horas lectivas e ata 74 horas lectivas: 0,50 puntos por curso.

– Por cada curso igual ou superior a 75 horas lectivas: 1 punto por curso.

Non se valorarán os cursos que non acrediten as horas de duración, nin os cursos inferiores a 12 horas lectivas, nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

2.1. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá superar os 12 puntos, sumando todos os méritos a que se refire a base 6.2.

2.2. A experiencia alegada nos puntos anteriores deberase referir á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2.3. As puntuacións obtidas na fase de concurso publicaranse no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e na páxina web do Parlamento de Galicia, con posterioridade ao remate do prazo para presentar alegacións ás puntuacións da fase de oposición da base 6.1.2.

As/os aspirantes dispoñerán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, para efectuar perante o tribunal as alegacións que coiden oportunas respecto da puntuación outorgada na fase de concurso.

2.4. Os méritos a que se refiren os puntos 6.2.a).1, 6.2.a).2 deberán xuntarse á solicitude e acreditarse, segundo o modelo do anexo IV, coa seguinte documentación:

a) No caso de servizos prestados no Parlamento de Galicia, mediante certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

b) No caso de servizos prestados noutras administracións públicas, mediante certificación da unidade de persoal do organismo correspondente. No suposto de que tales servizos xa consten na Administración parlamentaria, poderán acreditarse coa certificación da unidade administrativa do Parlamento de Galicia competente en materia de recursos humanos.

Xunto co certificado achegarase documentación acreditativa, debidamente compulsada, dos méritos nel reflectidos, entre a que se encontrará o nomeamento como persoal funcionario, como interino, como contratado administrativo ou o contrato laboral.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ao establecido nestes puntos ou que, en calquera caso, non xunten a documentación acreditativa dos méritos reflectidos na certificación.

2.5. Os méritos a que se refire o punto 6.2.b) deberán manifestarse na solicitude e acreditaranse mediante certificación expedida pola xefatura da unidade administrativa competente.

2.6. Os méritos a que se refiren os puntos 6.2.c) e 6.2.d) deberán manifestarse na solicitude e acreditaranse mediante certificación expedida pola unidade administrativa competente en materia de recursos humanos do Parlamento de Galicia.

2.7. Os méritos a que se refire o punto 6.2.e) deberán xuntarse á solicitude e acreditaranse mediante copia compulsada dos títulos ou diplomas acreditativos.

Sétima. Desenvolvemento dos exercicios

1. Os exercicios distribuiranse en galego. Non obstante, tamén se lles distribuirán en castelán ás/aos aspirantes que así o soliciten.

2. En calquera momento as/os aspirantes poderán ser requiridas/os polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

3. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos pola convocatoria, logo da audiencia ao/á interesado/a, deberá acordar a súa exclusión, se procede.

4. As/os aspirantes serán convocadas/os para cada exercicio en único chamamento e será excluído da oposición quen non compareza.

5. A publicación do anuncio de realización do segundo e sucesivos exercicios será efectuada polo tribunal, na páxina web do Parlamento de Galicia, con corenta e oito horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

Oitava. Lista de aprobados

Rematadas as probas, o tribunal sumará os resultados obtidos por cada aspirante nas fases de concurso e oposición, que serán publicados, co nome e apelidos, no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, e elevaralle á Mesa do Parlamento a proposta en favor de quen obtivese a maior puntuación.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, aquel resolverase a favor de quen obteña a puntuación máis alta no primeiro exercicio (fase de oposición). De continuar o empate, resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso. De persistir o empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante do sorteo, I (i latino), conforme a Resolución da Presidencia do Parlamento de Galicia do 21 de xullo de 2017.

Novena. Presentación de documentos

1. A/o aspirante que supere o proceso selectivo deberá presentar, ante a Presidencia do Parlamento, no prazo de vinte días naturais desde que se faga público o acordo de aprobación pola Mesa do Parlamento de Galicia, para o caso de non se atopar en poder da Administración parlamentaria, a fotocopia compulsada do título exixido na base 2.1.c) ou certificación académica, co xustificante do aboamento dos dereitos de expedición do título.

2. Se dentro do prazo fixado, agás nos casos de forza maior, libremente apreciados polo letrado oficial maior, non presenta a documentación, ou se do exame dela se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base segunda, non poderá ser promovido/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que poida incorrer por falsidade na solicitude inicial.

Décima. Nomeamento

Unha vez presentados, de ser o caso, os documentos aos que fai referencia a base anterior, a Presidencia nomeará persoal funcionario do corpo de xestión do Parlamento de Galicia a/o aspirante que superase o proceso selectivo, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia. Deberá tomar posesión do seu posto dentro do prazo dun mes desde a notificación do nomeamento.

Décimo primeira. Cláusula derradeira

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición, perante a Mesa do Parlamento de Galicia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o artigo 10.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2017

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia

missing image file

ANEXO II
Temario

1. A Constitución española de 1978. Os valores superiores: principios constitucionais. O Estado español como Estado social e democrático de dereito.

2. Os dereitos e as liberdades públicas.

3. A Coroa, sucesión e rexencia.

4. Cortes Xerais. O Congreso e o Senado. Funcións.

5. Goberno. A súa regulación constitucional. Organización, estrutura e funcións do Goberno.

6. Poder xudicial. O Consello Xeral do Poder Xudicial. O Tribunal Supremo. O Ministerio Fiscal. Os tribunais superiores de xustiza.

7. Tribunal Constitucional. Organización. Presupostos materiais e procedementos de recursos ante o Tribunal.

8. A distribución territorial do poder do Estado. A autonomía galega. O Estatuto de autonomía de Galicia: estrutura e contido; a súa reforma.

9. As competencias da Comunidade Autónoma de Galicia no Estatuto de autonomía: exclusivas, concorrentes e de execución da lexislación do Estado.

10. A Unión Europea. Natureza. Fontes do dereito europeo: dereito orixinario e dereito derivado. A integración do dereito europeo en España.

11. Os actos administrativos.

12. Procedemento administrativo común das administracións públicas.

13. A revisión dos actos en vía administrativa.

14. Regulamento do Parlamento de Galicia, acordos interpretativos e normas complementarias.

15. Autonomía administrativa do Parlamento. O Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia.

16. Normativa reguladora e réxime xurídico da contratación administrativa na Administración parlamentaria. Contratos administrativos e contratos privados. Contratos suxeitos a regulación harmonizada.

17. A racionalidade e consistencia da contratación administrativa. Liberdade de pactos. O contrato: perfección, forma e o seu réxime de invalidez. O recurso especial en materia de contratación.

18. Partes no contrato. Órgano de contratación. Capacidade e solvencia do empresario. Sucesión do contratista.

19. Obxecto, orzamento base de licitación, valor estimado, prezo do contrato e a súa revisión. Garantías exixibles na contratación do sector público.

20. A preparación e a adxudicación dos contratos das administracións públicas. Os distintos tipos de procedementos.

21. Os efectos, cumprimento e execución dos contratos. O principio de risco e ventura. O réxime e as consecuencias da execución defectuosa.

22. As prerrogativas da Administración parlamentaria na contratación administrativa.

23. O réxime de modificación, suspensión e extinción dos contratos. A cesión dos contratos e a subcontratación.

24. A racionalización técnica da contratación. A contratación electrónica.

25. Os distintos tipos de contratos das administracións públicas.

26. Contrato de obras. Contrato de concesión de obras.

27. Contratos de subministración.

28. Contrato de servizos. Contrato de concesión de servizos.

29. Os órganos competentes en materia de contratación. Órganos de contratación. Órganos de asistencia. Órganos consultivos. Elaboración e remisión de información: Tribunal de Contas e Consello de Contas.

30. Os rexistros oficiais. A publicidade contractual por medios electrónicos, informáticos e telemáticos.

31. A función pública parlamentaria I: o seu réxime xurídico. Clases de persoal. Dereitos e deberes. Réxime disciplinario.

32. A función pública parlamentaria II: planificación e ordenación de persoal. Sistemas de acceso e de provisión de postos. A promoción profesional.

33. A función pública parlamentaria III: situacións administrativas e réxime de incompatibilidades. Extinción da relación funcionarial.

34. A función pública parlamentaria IV: representación, participación, negociación colectiva e dereito de reunión.

35. Disposicións legais en materia de igualdade en Galicia.

36. Sistema retributivo do persoal da Administración parlamentaria.

37. Nóminas: estrutura e normas de confección. Altas e baixas, a súa xustificación. Devindicación e liquidación de dereitos retributivos.

38. A Seguridade Social. Réxime xeral e os réximes especiais. A acción protectora da Seguridade Social. Tipos e características das prestacións. Réxime de incompatibilidades. Prescrición e caducidade. Reintegro das prestacións indebidas.

39. Réxime financeiro e orzamentario do Parlamento de Galicia. A execución orzamentaria e o seu control. Fases da execución orzamentaria.

40. Modificacións orzamentarias. Créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Transferencias. Outras modificacións orzamentarias.

41. Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

42. A protección de datos de carácter persoal. Disposicións xerais e datos especialmente protexidos. Normas para a regulación e protección dos datos de carácter persoal existentes no Parlamento de Galicia (Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 21 de marzo de 2012; Acordo da Mesa do Parlamento de Galicia do 11 de abril de 2014).

O contido do temario para todos os exercicios da oposición axustarase á normativa publicada no Boletín Oficial del Estado ou no Diario Oficial de Galicia na data de publicación da presente convocatoria, aínda cando non entrase en vigor.

ANEXO III
Declaración xurada ou promesa

D./Dª …………........……………………......................…….....………………………….., con documento nacional de identidade número…………………………………….......…….,

Declara baixo xuramento ou promete, para os efectos de participar no proceso selectivo dunha praza do corpo de xestión do Parlamento de Galicia, que non foi separado/a do servizo de ningunha das administracións públicas e que non está inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas. Así mesmo, declara que non padece enfermidade ou discapacidade que lle impida o desempeño das correspondentes funcións do posto e que son certos todos os datos achegados respecto deste proceso selectivo.

…………………………………….., ……..de ………………de 2017

Sinatura

ANEXO IV
Certificación de méritos que se fan constar no proceso selectivo
dunha praza do corpo de xestión

Certifico:

D/Dª………........................…………....…………………......………………………................,
titular do posto……………………………………………………...…

Que segundo os antecedentes que constan nesta (*)............................................................. e á vista da documentación achegada:

D/Dª……………..........................................................................................................., participante no proceso selectivo para a cobertura dunha praza do corpo de xestión do Parlamento de Galicia, ten acreditados os seguintes datos:

Experiencia profesional:

Servizos prestados no Parlamento de Galicia:

Denominación do posto: ....................................

Grupo: ............................

Tempo: ………………meses [base 6.2.a).1.]

Servizos prestados na Administración pública de:

Denominación do posto: ....................................

Grupo: ............................

Tempo: ………………meses [base 6.2.a).2.]

E para que conste, para os efectos da participación da persoa interesada no concurso-oposición do persoal funcionario para a cobertura dunha praza do corpo de xestión dentro da relación de postos de traballo do Parlamento de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia o día ................................................................................., asino esta certificación en ................................................................ o día ............... de .......................... de 2017.

Sinatura

(*) Denominación da Administración pública de que se trata.

Santiago de Compostela, .... de ............. de 2017