Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 14 de decembro de 2017 Páx. 56585

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 20 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda someter a participación pública o documento preliminar do Plan de conservación do monumento natural da Fraga de Catasós, no concello de Lalín.

A Fraga de Catasós, tamén coñecida como Carballeira de Quiroga, declarouse monumento natural mediante o Decreto 76/2000, do 25 de febreiro. Ademais, aparece recollida no Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, como formación senlleira «Fraga de Catasós».

Este espazo ocupa unha superficie de 4,52 ha e atópase no lugar de Quintela, parroquia de Santiago de Catasós, no concello de Lalín.

O artigo 31 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, enumera os distintos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos e establece que ás categorías de protección distintas dos parques naturais ou das reservas naturais correspóndelles, polo menos, a aprobación dun plan de conservación.

Ademais, o artigo 37 da devandita lei indica que os plans de conservación establecerán os réximes de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo. O seu contido mínimo vén citado no seu artigo 38.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación ao público dun documento preliminar do Plan de conservación durante un prazo de 20 días hábiles, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, coa finalidade de que aquelas persoas interesadas que se consideren directamente afectadas poidan remitir observacións e opinións mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto: PC Fraga de Catasós.

Segundo. Durante o citado prazo, o documento poderá ser examinado nos seguintes lugares:

– Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Pontevedra.

– Na sección de conservación da natureza da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, http://cmaot.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion, entrando na subsección de documentos en información pública.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2017

Ana María Díaz López
Directora xeral de Patrimonio Natural