Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 1 de decembro de 2017 Páx. 54941

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 21 de novembro de 2017 polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na AC-116, treito: Río do Pozo-AC-114, punto quilométrico 4+120 - 6+500 (clave AC/16/061.06).

Con data do 20 de novembro de 2017, a dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Vivenda (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 29 de xullo de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 143 o anuncio do 14 de xullo de 2016 polo que se sometía ao trámite de información pública o proxecto de construción: Itinerario peonil e ciclista na AC-116, treito: Río do Pozo-AC-114, p.q. 4+120 - 6+500, de clave: AC/16/061.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado. A información pública realizouse medinte unha separata do proxecto construtivo.

Segundo. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións, informes e certificados, e procedeuse á súa valoración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta (30) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Que, simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto,

Resolvo:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción: Itinerario peonil e ciclista na AC-116, treito: Río do Pozo-AC-114, p.q. 4+120 - 6+500, de clave: AC/16/061.06, coas seguintes modificacións respecto ao documento sometido a información pública:

– Co fin de favorecer e promover o fomento da mobilidade sustentable, complétase o itinerario inicial cun novo treito que une a estrada AC-116 co convento de Baltar, a través da estrada AC-114, de titularidade da Xunta de Galicia, de acordo coa proposta do Concello de Narón. Este novo treito non supón novas expropiacións, ao discorrer integramente por dominio público. Completar este itinerario na estrada AC-114 permite mellorar a accesibilidade peonil e ciclista nun dos principais focos de atracción da zona, como é o convento de Baltar, e definir un itinerario que ten continuidade na rede de sendas do litoral, de titularidade municipal.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Narón deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, en que se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2017

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas