Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 28 de novembro de 2017 Páx. 54364

IV. Oposicións e concursos

Parlamento de Galicia

ACORDO do 15 de novembro de 2017, da Mesa do Parlamento, polo que se modifican as bases do proceso selectivo para ingresar por oposición libre en dúas prazas da escala técnica de informática.

Por acordo da Mesa da Cámara do 24 de xullo de 2017 anúnciase a convocatoria do proceso selectivo para ingresar por oposición libre en dúas prazas da escala técnica de informática do Parlamento de Galicia (BOPG núm. 159, do 7 de agosto de 2017, e DOG núm. 158, do 22 de agosto de 2017). As citadas bases foron obxecto de recurso de reposición, que foi estimado pola Mesa do Parlamento na súa sesión do día 6 de novembro de 2017, de modo que a súa resolución deixou sen efecto a precitada convocatoria no apartado relativo aos requisitos de formación. Consecuentemente, a Mesa acorda modificar o apartado 1.2.3 das ditas bases recollendo as modificacións exixidas pola estimación do citado recurso e conservar os dereitos dos aspirantes que tivesen solicitada a súa participación consonte a anterior convocatoria (BOPG núm. 158, do 1 de agosto de 2017, BOPG núm. 159, do 7 de agosto de 2017, e DOG núm. 158, do 22 de agosto de 2017) e abrir un novo prazo para a presentación de solicitudes.

Polo tanto, modifícanse as ditas bases nas alíneas seguintes:

1.2. Requisitos das/os candidatas/os:

Para seren admitidas/os ao proceso selectivo as/os aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como funcionaria/o, os seguintes requisitos:

1.2.3. Formación: estar en posesión ou en condicións de obter na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes algunha das titulacións universitarias seguintes: diplomado ou graduado nunha titulación de calquera rama.

Así mesmo, para estes efectos, considerarase equivalente ao título de diplomado universitario ter superados tres cursos completos de licenciatura, conforme o disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 1272/2003, do 10 de outubro.

Os aspirantes con formación ou titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título ou da formación. Este requisito non será de aplicación aos aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

Como consecuencia da devandita modificación ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes á convocatoria de referencia, dándose por admitidas, para efectos da súa presentación, as solicitudes existentes, nos termos que a seguir se recollen:

A) Solicitudes:

As persoas que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo no anexo 2 ou na páxina web http://www.parlamentodegalicia.gal, seguindo a ruta

http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/contenidogal/informacioninstitucional/Oposicions.aspx

A solicitude irá acompañada da documentación seguinte:

a) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame ou, na súa falta, de ser o caso, documentación acreditativa de encontrarse nalgunha das situacións susceptibles da exención do pagamento a que fai referencia esta convocatoria.

b) Declaración de non atoparse separado/a a través de expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública nin inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas, e de non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das correspondentes funcións (anexo 3).

c) Documento xustificativo orixinal, ou fotocopia debidamente compulsada, de estar en posesión do nivel Celga 4 ou de perfeccionamento de galego, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no segundo exercicio.

Unha vez confirmada a alta da solicitude, a/o solicitante deberá imprimir a solicitude cuberta e asinada, e deberá presentala, antes do remate do prazo fixado, no Rexistro Xeral do Parlamento (rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela), nas oficinas de Correos ou nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para seren datadas e seladas polo persoal de Correos antes de seren certificadas.

As/os aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán indicalo na solicitude, especificando claramente o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente, e deberán solicitar as posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria.

B) Dereitos de exame:

O seu importe, de 35,43 euros, acreditarase achegando á solicitude para participar nas probas selectivas o xustificante do ingreso realizado mediante transferencia bancaria na conta corrente de Abanca ES502080-0388-21-3110000502, e indicarase nela o concepto «Dereitos de exame da escala técnica de informática», o DNI e o nome do aspirante.

Ás/aos aspirantes excluídos devolveráselles o importe ingresado, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado desde a publicación da relación definitiva de admitidas/os e excluídas/os no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Non obstante, estarán exentas/os do pagamento das taxas dos dereitos de exame as/os aspirantes que estean incursos nalgunha das situacións a que fai referencia a normativa vixente en materia de taxas da Comunidade Autónoma de Galicia.

C) Aspirantes da convocatoria do 24 de xullo de 2017 (DOG núm. 158, 22 de agosto de 2017 e BOPG núm. 155, do 1 de agosto de 2017).

Non será necesario que presenten nova solicitude de participación nestas probas selectivas:

a) Aqueles aspirantes que figuraban nas relacións provisionais de admitidos a estas probas selectivas, aprobadas e publicadas por acordo da Mesa do Parlamento do 24 de xullo de 2017 (BOPG núm. 159, do 7 de agosto de 2017, e DOG núm. 158, do 22 de agosto de 2017).

b) Aqueles aspirantes que, na forma e no prazo establecidos polo citado acordo, emendasen correctamente o defecto ou os defectos que motivaron inicialmente a súa exclusión ou a súa non admisión ao proceso.

Na páxina web do Parlamento de Galicia poderá ser obxecto de consulta, para os efectos meramente informativos, a listaxe completa de aspirantes a que se refiren os anteriores apartados a) e b), así como a relación daqueles aspirantes que, transcorrido o prazo habilitado polas mencionadas bases para a reparación de defectos e tras efectuar as comprobacións oportunas, non resultasen, en principio, admitidos ao proceso, que poderán emendar a causa ou as causas de exclusión correspondentes no prazo que se outorgará, no seu debido momento, a tal fin.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase presentar recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Parlamento de Galicia no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnalo directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2017

Miguel Ángel Santalices Vieira
Presidente do Parlamento de Galicia