Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2017 Páx. 53242

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 17 de novembro de 2017 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo vacantes no Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, tal como se dispón na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (modificada pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración), créase como un órgano administrativo colexiado e especializado, adscrito á consellería competente en materia de facenda, e con independencia funcional no exercicio das súas competencias. Polo que respecta á súa composición, prevé que estea dotado, como mínimo, dunha presidencia e dous vogais. Por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de outubro de 2017, aprobouse a súa composición e o dito órgano queda constituído por un/unha presidente/a e dous vogais.

De conformidade co establecido no capítulo II do título II da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, esta consellería acorda publicar a convocatoria que servirá de base para elaborar a proposta que se someterá ao Consello da Xunta de Galicia para o nomeamento de dous postos de vogais do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, consonte as seguintes bases:

Primeira.

Anunciar a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dos postos de traballo que se detallan no anexo I desta orde.

Segunda.

Os postos de vogal poderán ser solicitados por funcionarios/as de carreira que conten co título de licenciado/a ou grao en dereito, e que reúnan os demais requisitos establecidos no artigo 35 ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Valoraranse, así mesmo, os méritos recollidos no citado artigo.

Terceira.

As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse á Consellería de Facenda e presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela) ou ben utilizando os medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince (15) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II.

As persoas aspirantes deberán presentar coa petición un currículo e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen. Os méritos alegados e non probados segundo se indica non se terán en conta.

No caso de que se desexe optar aos dous postos, deberase presentar unha solicitude por cada un deles.

Cuarta.

No caso de resultar seleccionado para ocupar o posto de traballo persoal funcionario doutras administracións públicas, requirirase o informe favorable do órgano competente da súa administración de orixe, que se considerará en sentido favorable de non emitirse no prazo de quince (15) días, tal como dispón o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo. Unha vez autorizado o seu traslado a esta Administración procederase a adxudicarlle o posto para o cal foi seleccionado.

Se no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución no DOG o/a funcionario/a seleccionado/a non se pode incorporar ao posto de traballo por non atoparse resolto o seu traslado á Comunidade Autónoma de Galicia, considerarase deserto o posto e poderase proceder de novo á súa provisión.

Os nomeamentos previstos nesta convocatoria, de acordo co establecido no artigo 35 ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, correspóndenlle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Facenda.

As persoas designadas terán carácter independente e inamovible e non poderán ser removidas do seu posto agás polas causas establecidas no artigo 35 quater da Lei 14/2013. A duración dos nomeamentos efectuados, de conformidade co dito artigo, será de seis anos. Non obstante o anterior, a primeira renovación do Tribunal realizarase de forma parcial aos tres anos do nomeamento. Con respecto a isto, antes de cumprirse o prazo indicado determinarase, mediante sorteo, o vogal que deba cesar.

Quinta.

A resolución desta convocatoria publicarase no DOG e poderá declararse, de considerarse oportuno, deserta.

Sexta.

O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte días hábiles, de conformidade co establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do seu cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de funcionarios doutras administracións públicas. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétima.

Os/as funcionarios/as públicos/as en servizo activo deberán xuntar, se son elixidos/as e prestan os seus servizos fóra da Consellería de Facenda, certificado do servizo ou unidade de persoal onde estean destinados/as, especificando o grao persoal consolidado e a data de consolidación, o nivel do posto de traballo que estean desempeñando e o tempo de servizos efectivos recoñecido para o cómputo de trienios.

Oitava.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2017

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO I

Posto 1:

Código do posto: FC.C07.00.000.15770.010.

Denominación: vogal do TCAP.

Nivel: 30.

Forma de provisión: libre designación.

Subgrupo: A1.

Corpo/escala: xeral/especial.

Adscrición Administración pública: A20(9) adscrición indistinta a funcionarios de calquera Administración pública.

Titulación académica: 2062 (licenciatura/grao en Dereito).

Formación específica: 319 (requisitos segundo Lei 1/2015 que crea o Tribunal)-640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego, R.I.).

Posto 2:

Código do posto: FC.C07.00.000.15770.012.

Denominación: vogal do TCAP.

Nivel: 30.

Forma de provisión: libre designación.

Subgrupo: A1.

Corpo/escala: xeral/especial.

Adscrición Administración pública: A20(9) adscrición indistinta a funcionarios de calquera Administración pública.

Titulación académica: 2062 (licenciatura/grao en Dereito).

Formación específica: 319 (requisitos segundo Lei 1/2015 que crea o Tribunal)-640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego, R.I.).

missing image file