Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 20 de novembro de 2017 Páx. 53247

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ORDE do 17 de novembro de 2017 pola que se convoca o proceso para seleccionar o/a presidente/a do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, tal como se dispón na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (modificada pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración), créase como un órgano administrativo colexiado e especializado, adscrito á consellería competente en materia de facenda, e con independencia funcional no exercicio das súas competencias. Polo que respecta á súa composición, prevé que estea dotado, como mínimo, dunha presidencia e dous vogais. Por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 26 de outubro de 2017, aprobouse a súa composición e o dito órgano queda constituído por un/unha presidente/a e dous vogais. A designación do/a presidente/a realizarase por acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de facenda.

De acordo coa disposición adicional segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, o rango orgánico da Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia é o equivalente ao de dirección xeral.

De conformidade co establecido no capítulo II do título II da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, esta consellería acorda publicar a convocatoria que servirá de base para elaborar a proposta que se someterá ao Consello da Xunta de Galicia para o nomeamento do/a presidente/a do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, consonte as seguintes bases:

Primeira.

O posto de presidente/a poderá ser solicitado por funcionarios/as de carreira, de corpo ou escala para cuxo acceso sexa requisito necesario o título de licenciado/a ou grao en Dereito, e que reúnan os demais requisitos establecidos no artigo 35 ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Valoraranse, así mesmo, os méritos recollidos no citado artigo.

Segunda.

As solicitudes para participar nesta convocatoria dirixiranse á Consellería de Facenda e presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela) ou ben utilizando os medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo.

Terceira.

As persoas interesadas incluirán xunto coa súa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado emitido pola Administración de pertenza que acredite a condición de funcionario/a de carreira e o corpo e/ou escala de pertenza.

b) Curriculum vitae no que consten títulos académicos, anos de servizo, postos de traballo desempeñados nas administracións públicas, estudos e cursos realizados e outros méritos que se considere oportuno poñer de manifesto, e farán constar as características do posto que estean desempeñando e o seu nivel. A este curriculum vitae xuntaranse, debidamente acreditados (mediante certificación ou copia compulsada dos documentos acreditativos), os méritos alegados. Os méritos alegados e non probados segundo se indica non se terán en conta.

Cuarta.

O nomeamento previsto nesta convocatoria, de acordo co establecido no artigo 35 ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Facenda.

A persoa designada terá carácter independente e inamovible e non poderá ser removida do seu posto agás polas causas establecidas no artigo 35 quater da Lei 14/2013. A duración do nomeamento efectuado, de conformidade co dito artigo, será de seis anos.

O prazo de toma de posesión será non superior a sete días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

Quinta.

O/a funcionario/a público/a en servizo activo deberá xuntar, se é elixido/a e presta os seus servizos fóra da Consellería de Facenda, certificado do servizo ou unidade de persoal onde estea destinado/a, especificando o grao persoal consolidado e a data de consolidación, o nivel do posto de traballo que estea desempeñando e o tempo de servizos efectivos recoñecido para o cómputo de trienios.

Sexta.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2017

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda

ANEXO

DATOS PERSOAIS

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

Nome:

DNI:

Data nacemento:

Corpo ou escala o que pertence:

Grupo:

N.R.P.:

Enderezo, rúa e nº:

Localidade:

Provincia:

Teléfono:

Destino actual:

Administración:

Dependencia:

Localidade:

SOLICITO: ser admitido/a na convocatoria para a cobertura do posto de presidente/a do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ao considerar que reúno os requisitos exixidos.

Documentación que presenta:

– Certificado emitido pola Administración de pertenza que acredita a condición de funcionario/a de carreira e o corpo e/ou escala de pertenza.

Curriculum vitae ao cal se xuntan, debidamente acreditados, os méritos alegados.

___________________________, ____ de _________________ de 2017

(Sinatura)

Conselleiro de Facenda

Edifico Administrativo de San Caetano, s/n

Santiago de Compostela