Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Xoves, 16 de novembro de 2017 Páx. 52698

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 2 de novembro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se dá publicidade á Resolución do 20 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, pola que se modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Santiago de Arcos (Mazaricos-A Coruña).

Con data do 20 de outubro de 2017, o director xeral de Desenvolvemento Rural ditou a seguinte resolución:

«A concentración parcelaria da zona de Santiago de Arcos (Mazaricos/Carnota-A Coruña) foi declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 2681/1965, do 14 de agosto (BOE do 14 de setembro), e o acordo da zona foi aprobado pola Dirección Xeral de Infraesfruturas Agrarias o 12 de novembro de 2007, publicado na forma legalmente prevista e na actualidade encóntrase pendente da súa firmeza.

Con data do 26 de xuño de 2017 ditouse resolución pola que se cedían diversos predios do fondo de terras da zona aos concellos de Mazaricos e Carnota, ao amparo do disposto polo artigo 32 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Con posterioridade á data antes sinalada, detectouse que debido a estaren mal deslindados os límites parroquiais no referente a ambos os dous concellos, os predios nº 763 e 929 sitúanse realmente sobre terreos pertencentes ao Concello de Mazaricos e, polo tanto, é necesario proceder á anulación da cesión de ambos os dous predios ao Concello de Carnota e transmitirlle a súa titularidade ao Concello de Mazaricos.

Vistos o informe e documentación achegada, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973; a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro; a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Arcos (Mazaricos-A Coruña), no sentido de dar de baixa nas adxudicacións ao Concello de Carnota, os predios nº 763 e 929, que se atribúen –ao amparo do disposto no artigo 32 da Lei de concentración parcelaria para Galicia– ao Concello de Mazaricos, co fin de ser destinado o predio nº 763 a ampliación do camiño, dando continuidade a este e para facilitar o cambio de sentido, e o predio nº 929 para área de descanso ao pé do monte Pindo e miradoiro.

2. Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades, sen que os predios fosen destinados aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o fondo de terras da zona, ao patrimonio da Comunidade Autónoma, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

3. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación aos concellos de Mazaricos e Carnota».

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.

A Coruña, 2 de novembro de 2017

Manuel Rodríguez Vázquez
Xefe territorial da Coruña