Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 10 de novembro de 2017 Páx. 51832

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 31 de outubro de 2017 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio de nenas e nenos menores de doce anos a través do programa Bono coidado e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 369809.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono coidado os pais/nais, titores/as, ou as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as menores de doce anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

a) Ter unha nena ou un neno nacida/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2005 respecto da anualidade 2017 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2006 respecto da anualidade 2018.

b) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos, terase en conta a declaración do IRPF do ano 2015 respecto da anualidade 2017 e do ano 2016 respecto da anualidade 2018.

2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, ás familias con nenos e nenas menores de doce anos que teñan a súa residencia en Galicia e precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e as responsabilidades familiares que se produzan entre o 1 de outubro de 2017 e o 30 de setembro de 2018 (código de procedemento BS412A), así como proceder á súa convocatoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de outubro de 2017 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio de nenas e nenos menores de 12 anos a través do programa Bono coidado e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe

A axuda consistirá nunha achega económica, cuxa contía estará en función da renda per cápita da unidade familiar, para contribuír ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio.

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de tres millóns de euros (3.000.000 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1 distribuído en dúas anualidades, dos cales corresponderán setecentos cincuenta mil euros (750.000 €) a 2017 e dous millóns douscentos cincuenta mil euros (2.250.000 €) a 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes de axuda poderanse presentar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de abril de 2018.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social