Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 9 de novembro de 2017 Páx. 51683

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a orde de prelación e a puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais de diversas categorías de persoal estatutario.

Por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 13 de marzo de 2017 (Diario Oficial de Galicia número 59, do 24 de marzo), abriuse o prazo para a inscrición de aspirantes nas listas para vinculacións temporais no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia nas categorías de albanel, carpinteiro/a, costureiro/a, perruqueiro/a e telefonista.

Na devandita resolución prevese unha xeración de listas coas persoas inscritas ata o 25 de abril de 2017 que cumpran os requisitos determinados na anterior resolución.

Mediante Resolución do 3 de xullo de 2017 (Diario Oficial de Galicia número 131, do 11 de xullo), publicáronse os resultados provisionais de baremación dos/das aspirantes admitidos/as, coa asignación do número de orde e as puntuacións provisionais obtidas.

Finalizado o prazo previsto no punto terceiro da citada resolución e analizadas as reclamacións presentadas, este centro directivo, de conformidade co punto sétimo da Resolución do 13 de marzo de 2017,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a orde de prelación e a puntuación definitiva obtidas polas persoas aspirantes admitidas nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia nas categorías de albanel, carpinteiro/a, costureiro/a, perruqueiro/a e telefonista.

Segundo. As listas co número de orde e a puntuación definitiva obtida polas persoas aspirantes admitidas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. De conformidade coa base sétima da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde do 13 de marzo de 2017, contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte á súa publicación, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderase interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación.

Cuarto. As listas entrarán en vigor con efectos do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2017

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos