Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 8 de novembro de 2017 Páx. 51545

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 4 de outubro de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal da Laracha, para a ordenación dunha parcela dotacional.

O Concello da Laracha remite a modificación puntual nº 5 do Plan xeral de ordenación municipal para a ordenación dunha parcela dotacional e solicita a súa aprobación definitiva ao abeiro do artigo 60.13 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (en diante, LSG).

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello, redactada por Monteoliva Arquitectura, S.L.P. en agosto de 2017, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resultan:

• Antecedentes.

a) O planeamento vixente no concello da Laracha é o Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 30.6.2003 (BOP do 10 de xullo; DOG do 11 de xullo).

b) A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU) emitiu o 17.10.2016 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con indicacións sobre o borrador e o documento ambiental estratéxico.

c) A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 3.11.2016, no cal se resolve non someter a modificación á avaliación ambiental estratéxica ordinaria. No marco do proceso de consultas previas emitiron informe, ademais da SXOTU:

– O Instituto de Estudos do Territorio (IET), do 13.10.2016.

– A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, do 16.3.2016.

d) O 25.11.2016 o Pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación. Constan informes dos servizos técnicos e xurídicos municipais do 18.11.2016, previos á aprobación inicial. Esta foi sometida á información pública por dous meses (La Voz de Galicia do 21 de enero de 2017 e Diario Oficial de Galicia do 26 de decembro de 2016), sen alegacións.

e) No que afecta os informes sectoriais autonómicos e a audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), o resultado do trámite foi o seguinte:

– Solicitáronse os informes sectoriais autonómicos preceptivos. Estes foron emitidos en prazo todos, agás o informe de Augas de Galicia, solicitado o 15.2.2017.

a. Subdirirección Xeral de Planificación e Protección Civil, do 20.2.2017.

b. Axencia Galega de Infraestruturas, de 27.2.2017.

c. Instituto de Estudos do Territorio, do 10.5.2017.

d. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 22.3.2017.

– Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Cerceda, Arteixo, Culleredo e Carballo. Non se recibiron alegacións.

En materia de informes sectoriais non autonómicos constan informes favorables:

e. Da Secretaría Xeral da Delegación do Goberno en Galicia, do 18.1.2017.

f. Da Dirección Xeral de Telecomunicacións, do 11.1.2017.

g. Da Dirección Xeral de Aviación Civil, do 29.3.2017.

h. Da Deputación Provincial da Coruña, do 4.8.2017.

f) A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 31.8.2017. Consta informe favorable da arquitecta técnica e a secretaria municipal do 28.8.2017, no cal se propón a aprobación provisional da modificación (artigo 60.13 da LSG).

• Obxecto e descrición do proxecto.

1. O obxectivo da modificación puntual é alterar, para unha determinada área dotacional, a ordenación xenérica establecida pola normativa e substituíla por unha ordenación especial pormenorizada, en coherencia coa particularidade do ámbito e os requirimentos da actuación pretendida, que é a ampliación da oferta do servizo sanitario.

O Servizo Galego de Saúde e o Concello da Laracha asinaron en xuño de 2016 un convenio de cooperación cara á execución das obras de ampliación e reforma do actual centro de saúde, logo de demolición do edificio da antiga escola.

O ámbito de actuación está constituído por dúas parcelas, clasificadas como solo urbano consolidado coa cualificación do sistema xeral de equipamento público: a parcela 1, duns 300 m2, na cal se atopa o centro de saúde, cunha superficie construída de 789 m2 distribuídos en tres alturas (B+2P); e a parcela 2, duns 726 m2, cunha escola pública duns 352 m2 construídos en planta baixa e patio exterior.

2. A normativa do PXOM, no seu artigo 2.3.1, establece as condicións de volume e uso do sistema de equipamentos e deixa aberta a posibilidade de establecer ordenacións especiais en equipamentos situados en solo urbano, que serán remitidos a fichas de ordenación especial (OE), segundo se recolle no punto 3.b) do dito artigo.

De acordo con isto, proponse unha ordenación especial que abrangue as dúas parcelas dotacionais. Establécense as condicións e determinacións precisas para a implantación do futuro edificio con base nas condicións xenéricas da Ordenanza SU-1 de solo urbano, mais sen cumprir a exixencia de acadar a altura máxima, aínda que se fixan as determinacións precisas na procura dunha boa integración no contexto urbano.

A ordenación especial materialízase mediante a incorporación dunha nova ficha de ordenación co código OE-L3. O plano de zonificación U-O-L1 modificado recolle a situación da zona coa ordenación remitida á devandita ficha.

• Análise e consideracións.

1. Réxime legal aplicable á modificación: é de aplicación a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG). O regulamento da LSG aprobado por Decreto 143/2016 (RLSG) non resulta de aplicación, por ter aprobación inicial antes da entrada en vigor deste (disposición transitoria primeira do RLSG).

2. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG): as razóns expostas, sustentadas en dar resposta a un problema de deseño urbano co fin de satisfacer as necesidades da poboación de dotacións públicas sanitarias, poden considerarse como de interese público para a formulación da modificación puntual.

3. Contido da modificación: o proxecto aprobado provisionalmente responde ao borrador sobre o que emitiu informe a SXOTU o 17.10.2016, cos cambios precisos para cumprimentalo:

– A xustificación relativa á exención da exixencia xeral para os equipamentos de uso sanitario-asistencial respecto da reserva de prazas de aparcamento sinala que as posibilidades de realizar a reserva son nulas pola falta de espazo e a necesidade de preservar o arboredo existente. As previsións de mellora e substitución de beirarrúas no contorno da edificación crean máis prazas de aparcadoiro.

– A ordenación proposta establece na ficha OE-L3 as condicións de deseño e integración exixibles para a resolución da integración urbana do volume proxectado no tecido existente. Consta informe do IET favorable á modificación, que entende que as medidas de integración do proxecto na paisaxe urbana resultan efectivas.

– Canto á xustificación en materia de accesibilidade, non se modifica o espazo urbano consolidado.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da LSG, e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

• Resolución.

En consecuencia, visto o que antecede, e de acordo co establecido no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 5 do Plan xeral de ordenación municipal da Laracha, para a ordenación especial dunha parcela dotacional.

Segundo. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

Quinto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio