Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Martes, 7 de novembro de 2017 Páx. 51410

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2017 pola que se convoca o curso monográfico O emprego público no décimo aniversario do EBEP.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico O emprego público no décimo aniversario do EBEP, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

En abril deste ano cumpríronse 10 anos da aprobación do Estatuto básico do empregado público. O devandito texto legal non só constituíu o último fito da evolución da función pública no noso país senón que estableceu unha serie de innovacións no réxime xurídico do persoal ao servizo das administracións públicas (como a avaliación do desempeño, a carreira horizontal, etc.) que apenas si se implantaron pola falta de desenvolvemento lexislativo estatal, autonómico e local do Estatuto básico. Pasado este tempo, resulta conveniente facer balance para analizar os aspectos que si se aplicaron e aqueloutros que están aínda pendentes, identificando as causas deste incumprimento e propoñendo as posibles solucións. Pero tamén é imprescindible abordar outros retos do emprego público en España, como son a xestión pública dos recursos humanos ou a laboralidade e a temporalidade do emprego público.

2. Contidos.

Neste curso monográfico serán tratados, entre outros, os seguintes temas:

• Os retos da xestión do persoal empregado público.

• EBEP e persoal sanitario: unha materia pendente.

• Control, valoración e retribución do traballo do persoal empregado público.

• A función pública en Galicia e o desenvolvemento do EBEP.

• A laboralidade e a temporalidade no emprego público.

• Comunicación e oratoria para un mellor e máis eficaz servizo público.

• Evolución recente do réxime do emprego público e cuestións pendentes de desenvolvemento do EBEP.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma, das universidades do Sistema universitario de Galicia, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 23 e 24 de novembro de 2017.

Horario: o día 23 de novembro, en horario de mañá e tarde; o día 24 de novembro, en horario de mañá.

Duración: 12 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula/).

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.00 horas do día 15 de novembro de 2017.

Excepto as persoas que pertenzan á Administración autonómica ou á Administración de xustiza, todos/as os/as solicitantes deberán enviar un correo a novas.egap@xunta.gal, en que acheguen, de ser o caso, a certificación acreditativa da súa condición de persoal empregado público e do grupo e/ou categoría a que pertencen. Esta certificación será expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que preste os seus servizos. Serán excluídas aquelas solicitudes de persoal empregado público que non xunten tal certificación ou se esta é recibida con posterioridade ao último día habilitado para a inscrición, é dicir, o 15 de novembro de 2017.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41-981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

Terá preferencia na selección o persoal empregado das administracións públicas de Galicial. O número de orde establecerase de acordo coa data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde a súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (http://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/as responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

c.2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

11. Certificado electrónico de asistencia.

Ao final do curso expedirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública