Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 3 de novembro de 2017 Páx. 50942

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 16 de outubro de 2017 pola que se clasifica de interese laboral a Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia, con domicilio na costa de San Marcos número 3, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos.

1. O 5 de maio de 2017 María Elisa Otero López, presidenta do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia, constituíse en escritura pública outorgada en Ourense o 7 de abril de 2017, ante o notario Daniel Balboa Fernández, co número de protocolo 618, pola Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, Apetamcor, e a Federación Galega de Asociacións Empresariais e Profesionais do Transporte, Fegatrans, que actúan representadas por José Manuel Rodríguez Rodríguez e María Elisa Otero López, presidente e secretaria xeral respectivamente das dúas entidades.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto promover a mellora da calidade de vida, o benestar e a asistencia social dos profesionais do sector do transporte que desenvolven a súa actividade profesional en Galicia, así como das súas familias e das persoas vinculadas a estes, durante o tempo de desenvolvemento da súa vida profesional e mais cando alcanzan a situación legal de xubilación ou ben cesan anticipadamente na súa actividade profesional por calquera causa allea á súa vontade.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por María Elisa Otero López, secretaria xeral de Apetamcor e Fegatrans, como presidenta; José Manuel Rodríguez Rodríguez, presidente de Apetamcor e Fegatrans, como vicepresidente; Alberto Vila González como secretario; e Camilo González Bermúdez, Gloria Álvarez Hervera, Sonia Gil Martínez e María Elena Rodríguez González como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese laboral e a súa adscrición á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 9 de outubro de 2017.

DISPOÑO:

Clasificar de interese laboral a Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, e poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza