Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2017 Páx. 50810

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2017 pola que se convoca o curso Obradoiro sobre Real decreto 424/2017, de control interno do sector público local, para persoal das entidades locais de Galicia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito con data do 9 de xaneiro de 2017, entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e o Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócanse un curso para empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia.

RESOLVO:

Convocar o curso denominado Obradoiro sobre Real decreto 424/2017, de control interno do sector público local, que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2017

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos das persoas participantes

Funcionarios/as con habilitación de carácter nacional e empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade formativa realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de oito días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). A devandita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Pagamento de matrícula

1. Estarán exentos de pagamento da matrícula os/as subscritores/as do Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital).

2. Para novos/as subscritores/as de COSITALNETWORK o pagamento do importe da matrícula será de cento vinte euros (120 €).

3. Para o resto de asistentes o pagamento do importe da matrícula será de dous centos corenta euros (240 €).

A información sobre o pagamento da matrícula faráse a través do enderezo electrónico mtcosital@cosital.es e no teléfono 91 521 18 25.

Quinta. Criterios de selección

Criterios xerais da EGAP, segundo a Resolución do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro) tendo en conta a preferencia do persoal funcionario con habilitación de carácter nacional, empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia subscritores/as do Consello Xeral dos Colexios Oficiais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local (Cosital).

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1º. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante a persoa responsable da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de asistencia na actividade formativa.

2º. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Certificados

Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento do curso.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e Cosital poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e Cosital reservan para si o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e Cosital garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV17036.

Área de coñecemento: réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas.

Nome do curso: obradoiro sobre Real decreto 424/2017, de control interno do sector público local.

1. Obxectivos.

Obradoiro sobre Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno nas entidades locais do sector público local. Especial referencia ao control de subvencións.

2. Destinatarios/as.

Funcionarios/as con habilitación de carácter nacional e empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 15 horas.

Edicións: unha.

Lugar: aula 5 da EGAP, r/ Madrid, núm. 2-4.

Datas e horario: 20 de novembro das 8.30 ás 14.30 horas e das 16.00 ás 18.30 horas; 21 de novembro das 8.30 ás 14.30 horas e das 16.00 ás 18.30 horas.

Prazas: 60.

4. Contido.

Obxectivo e contido principal do Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno nas entidades locais do sector público local. Especial referencia ao control de subvencións.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido na Resolución do INAP do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro) e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as administracións públicas do 10 de agosto de 1994, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,20 puntos.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG do 16 de marzo), e corrección, DOG do 22 de abril, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,10 puntos.