Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 2 de novembro de 2017 Páx. 50816

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2017 pola que se adhiren dúas entidades financeiras ao convenio de colaboración para apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabias, e das explotacións produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia, instrumentadas mediante convenio de colaboración subscrito entre o Igape, as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 2 de agosto de 2017, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes a aprobación das bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabias e das explotacións produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia, instrumentadas mediante o convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca. As ditas bases publicáronse mediante a Resolución do 27 de setembro de 2017 (DOG núm. 191, do 6 de outubro).

Xunto co texto das devanditas bases publicouse a relación das entidades financeiras que se adheriron ao convenio, que foi substituída pola relación publicada no DOG núm. 196, do 16 de outubro.

Con data do 11 de outubro de 2017, ratifícase a adhesión da entidade financeira Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A., e con data do 19 de outubro de 2017, a da entidade financeira Banco Pastor, S.A.U., polo que cómpre facelo público.

Polo que antecede, en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12.a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, e do artigo 11.1.a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o regulamento do Igape,

RESOLVO:

Único. Engadir as entidades financeiras Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A. e Banco Pastor, S.A.U., á relación de entidades financeiras adheridas ao convenio de colaboración para apoio ao acceso e adecuación do financiamento das explotacións produtoras e transformadoras de uva e de castañas afectadas polas xeadas e sarabias, e das explotacións produtoras de pataca, cereal, horta e froiteiras afectadas pola sarabia, instrumentadas mediante o convenio de colaboración subscrito entre o Igape, as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca, asinado o 27 de setembro de 2017.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2017

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica