Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 31 de outubro de 2017 Páx. 50600

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 27 de setembro de 2017 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Arteixo, nas parcelas 75, 76 A e B, 77 e 79 do polígono industrial de Sabón.

O Concello de Arteixo solicita a aprobación definitiva da modificación referida, ao abeiro do artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante, LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do solo de Galicia (en diante, LSG).

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Plan parcial do polígono industrial de Sabón foi aprobado definitivamente o 30.10.1965. Tivo unha modificación puntual aprobada pola Comisión Provincial de Urbanismo o 30.11.1989 para a creación dunha grande área de equipamentos públicos na parte do polígono contigua ao tecido residencial do núcleo urbano de Arteixo.

2. O Concello de Arteixo dispón na actualidade dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 23.3.1995 (texto refundido o 4.5.1995).

3. Foron aprobadas con condicións dúas modificacións das normas subsidiarias no ámbito do polígono de Sabón, o 26.9.2002 e o 31.10.2007, que tiñan por obxecto a recualificación de dúas parcela dos uso industrial a comercial (mercados e centros comerciais) co establecemento de ordenanzas específicas para elas. As dúas parcelas están situadas entre a zona de equipamentos do polígono creada pola modificación de 1989 e o tecido urbano residencial de Arteixo.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 4.3.2014 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. Constan contestacións ao período de consultas previas de Augas de Galicia e do Instituto de Estudo do Territorio.

5. No expediente constan informes favorables á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG), do arquitecto municipal do 10.9.2015 e do 15.9.2015; e da técnica de Administración xeral municipal do 17.9.2015, coa conformidade da secretaría municipal.

6. O concello non solicitou o informe previo á aprobación inicial previsto no artigo 85.1 da LOUG, por considerar que non era preceptivo de acordo co artigo 93.4 da LOUG.

7. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 24.9.2015. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Opinión e El Ideal Gallego do 24 de outubro de 2015 e Diario Oficial de Galicia do 16 de novembro). Foi presentada unha alegación, conforme o certificado municipal, e consta outra máis no expediente. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, A Laracha e Culleredo. O Servizo de Planeamento e Xestión de Solo do Concello da Coruña respondeu o 9.11.2015 requirindo documentación.

8. En materia de informes sectoriais, o expediente remitido contén o seguinte:

a) Augas de Galicia: informe do 18.1.2016, favorable con condicións.

b) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 13.4.2016, favorable coa condición de limitar a altura en metros das edificacións do ámbito.

9. Constan informes favorables á aprobación provisional: do arquitecto municipal, do 14.7.2016 (tamén sobre as alegacións), e da técnica de Administración xeral municipal do 18.7.2016, coa conformidade da secretaria xeral municipal.

10. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno do 28.7.2016.

11. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu mediante a Orde do 22 de novembro de 2016 non outorgar a aprobación definitiva á modificación proposta.

12. O Instituto de Estudos do Territorio emitiu o 9.6.2017 un informe favorable en materia de paisaxe.

13. Constan informes do arquitecto municipal do 12.6.2017, favorable, e da técnica de Administración xeral municipal do 19.6.2017, conformado pola secretaria municipal, favorable á aprobación provisional, sobre un proxecto corrixido da modificación.

14. O Concello Pleno do 29.6.2017 aprobou provisionalmente o novo proxecto.

II. Ámbito, obxecto e descrición da modificación.

1. O ámbito da modificación é o conxunto das parcelas 75, 76 A e B, 77 e 79, duns 30.000 m2 (correspóndese coa antiga planta de Schweppes).

2. A modificación ten por obxecto:

a) Prever no conxunto destas parcelas a modificación da aliñación para a construción de dúas rotondas e cualificar o resto do ámbito cunha nova ordenanza de Actividades económicas e servizos (AES). Todo isto na consideración de que se trata dun solo urbano consolidado e que non se produce actuación de dotación conforme os criterios do artigo 17 da LSG.

b) Establecer como obrigas para a propiedade as cesións do solo para glorieta; de 600 m2 edificados sobre rasante de uso público a actividades empresariais (viveiro de empresas...); e a cesión e urbanización das beirarrúas e aparcadoiros.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Arteixo, en relación co cumprimento das deficiencias formuladas na Orde desta consellería do 22 de novembro de 2016 e dos cambios introducidos no proxecto sobre o que se resolveu nela, obsérvase:

1. Tramitación: consta a emisión do informe favorable en materia de paisaxe, do Instituto de Estudos do Territorio, de data 9.1.2017.

2. O proxecto incorpora o punto 1.4.5 e anexo III de Estudo de incidencia na rede viaria existente, concluíndo que a modificación non compromete a súa funcionalidade.

3. Relación co Plan de ordenación do litoral aprobado polo Decreto 20/2011 (POL): xustifícase que o ámbito conserva a categoría de solo urbano consolidado, polo que non lle será de aplicación a ordenación establecida no POL (artigo 3.2 da normativa).

4. Categorización do solo: no ámbito solo urbano consolidado coa ordenación do planeamento vixente non se incrementa o aproveitamento lucrativo máis dun 30 %, polo que non entra nunha actuación de dotación (artigo 17.3 da LSG).

Para eses efectos, a edificabilidade lucrativa non excederá de 1 m2/m2 sobre a parcela (30.720 m2 edificables como máximo).

5. Ordenanza aplicable: o punto 0.2 do proxecto aclara o alcance do uso residencial permitido (garda e conservación, de entre 45 e 150 m2) e os usos notoriamente incompatibles (nocividade, perigosidade, insalubridade ou molestia, para os efectos de tramitación ambiental…). Así mesmo, limítase a altura total das edificacións en metros, como exixen os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

En consecuencia, e conforme o establecido no artigo 85.7.a) da LOUG,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo, no soar situado con fronte ás avenidas de Amancio Ortega, da Deputación e do Embalse, para introducir un cambio na cualificación do solo, que pasa de uso industrial a uso xenérico de actividades económicas e de servizos (nas parcelas 75, 76 A e B, 77 e 79 do polígono industrial de Sabón, coa consideración formulada no punto III.4 anterior.

2º. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Arteixo no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2017

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio