Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2017 Páx. 49198

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución para subministración da Cañiza, promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/20-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa e execución de instalacións:

Peticionario:

Gas Galicia SDG, S.A., con CIF número A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 14 de marzo de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Cañiza (expediente IN627A 2015/4-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 25 de abril e no Boletín Oficial da provincia do 11 de abril.

O 30 de xuño de 2016 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou o proxecto de execución da infraestrutura gasista de distribución de gas natural canalizado no núcleo de poboación da Cañiza, para os efectos da súa aprobación.

En canto a este proxecto, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as súas separatas técnicas ás entidades afectadas, para os efectos de obter os seus informes ao respecto. Neste trámite, o 26 de setembro de 2016 o Concello da Cañiza emitiu informe desfavorable sobre a instalación da planta de GNL na parcela elixida.

En consecuencia, o 19 de maio de 2017 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou un novo proxecto, en substitución do anterior, no cal se proxecta a instalación da planta de GNL nunha nova parcela consensuada, segundo fai constar, co Concello da Cañiza.

Obxecto da petición:

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución da rede de distribución de gas natural na Cañiza, que se está a tramitar baixo o número de expediente IN627A 2016/20-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa, porque a planta de GNL se instalará nunha parcela diferente á recollida no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a Gas Galicia SDG, S.A. para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal da Cañiza.

En consecuencia, o obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) e rede de distribución para subministración á Cañiza (Pontevedra).

Descrición das instalacións:

Segundo consta no proxecto de execución, a subministración de gas natural realizarase desde unha planta de GNL, que se situará na parcela de referencia catastral 36009A042000860000ZL (lugar A Uceira, Oroso, polígono 42, parcela 86, Monte de Paredes, no concello da Cañiza), e que disporá das seguintes características xerais: capacidade de almacenamento de GNL de 40 m3 (cun depósito horizontal); capacidade de regasificación de 363 m3(N)/h e presión de subministración de gas natural de 3,5 bar.

A rede de distribución proxectada, que se circunscribe ao núcleo urbano da Cañiza, realizarase no rango de presión MOP=3,5 bar, en tubaxe de polietileno PE-100 SDR 17,6/SDR 17, e estará constituída por unha rede principal, que partirá da citada planta de GNL (en diámetro de 100 mm), e unha rede secundaria, que partirá da rede principal e se ramificará polas distintas rúas do núcleo urbano (en diámetros de 110, 90 e 63 mm). A lonxitude total da rede de distribución será de 3.664 m.

Termo municipal:

A solicitude afecta o termo municipal da Cañiza, na provincia de Pontevedra.

Orzamento:

Trescentos dezasete mil oitocentos trinta e sete euros con cincuenta e tres céntimos (317.837,53 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio. Poderán examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4ª planta, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria, r/ Fernández Ladreda, 43, 5º, 36071 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas