Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 23 de outubro de 2017 Páx. 49201

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Silleda, promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2017/23-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario:

Gas Galicia SDG, S.A., con CIF número A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 18 de xullo de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Silleda, na provincia de Pontevedra (expediente IN627A 2014/74-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 30 de setembro de 2016 e no Boletín Oficial da provincia do 3 de outubro.

O 20 de outubro de 2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola cal se autorizou a transmisión das redes de distribución de GLP canalizado que Repsol Butano, S.A. tiña en nove núcleos de poboación da provincia de Pontevedra, entre os cales está Silleda, a favor de Gas Natural Redes GLP, S.A. coa consecuente subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

O 19 de xullo de 2017 as sociedades Gas Natural Redes GLP, S.A. e Gas Galicia SDG, S.A. solicitaron a autorización, que se está a tramitar, para a transmisión das instalacións de distribución de GLP canalizado na localidade de Silleda (Pontevedra) e da súa autorización administrativa, da sociedade cedente Gas Natural Redes GLP, S.A. a favor da sociedade adquirente Gas Galicia SDG, S.A.

O 21 de xullo de 2017 a sociedade Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución titulado «Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Silleda (Pontevedra)», que ten por obxecto procurar a subministración de gas natural á rede de gas canalizado de Silleda, unha vez que esta sexa transformada para a distribución de gas natural (esta transformación será obxecto doutro proxecto).

Neste proxecto prevese a instalación da planta de GNL na parcela onde actualmente está instalada a planta de GLP, que é diferente á parcela prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa.

Obxecto da petición:

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución denominado Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) para subministración a Silleda (Pontevedra), que se tramitará baixo o número de expediente IN627A 2017/23-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa.

Descrición das instalacións:

A extensión de rede ten o seu inicio na válvula de saída da planta de GNL, que se instalará na parcela ocupada actualmente pola planta de GLP (con referencias catastrais 36052A049005440000KS e 36052A049010120001LZ, situadas no polígono empresarial de Transfontao, Silleda), desde onde se desenvolverá ata conectar coa rede de distribución de GLP existente actualmente no núcleo urbano de Silleda. A súa lonxitude será de 30 m, realizarase en tubaxe de polietileno PE-100 e SDR 17,6/SDR 17 en diámetro de 110 mm e dimensionarase para unha presión máxima de operación de 3,5 bar.

A planta de GNL instalarase nas parcelas onde actualmente está instalada a planta de GLP (cuxo desmantelamento será obxecto doutro proxecto: o de transformación da rede de GLP) e estará composta polos seguintes compoñentes: sistema de almacenamento; sistema de gasificación, regulación e odorización e módulos auxiliares. Terá unha capacidade de almacenamento de GNL de 50 m3 (1 depósito horizontal), unha capacidade de regasificación de 1.500 m3(n)/h e unha presión de subministración de gas natural de 3,5 bar.

Termo municipal:

A solicitude afecta o termo municipal de Silleda, na provincia de Pontevedra.

Orzamento:

Cento noventa mil cento setenta euros con sesenta e un céntimos (190.170,61 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio. Poderase examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, andar 4º, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria, avda. Fernández Ladreda, 43, 5º, 36071 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas