Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 19 de outubro de 2017 Páx. 48853

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ordes (expediente IN407A 2017/047-1).

Expediente: IN407A 2017/047-1.

Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Instalación: reforma LMTA derivada Paraíso.

Concello: Ordes.

Feitos.

1. O 17 de marzo de 2017 a promotora solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. Características técnicas:

– LMTS a 15 kV, de 25 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al, con orixe no apoio nº 49-78-15 proxectado na LMT SIG-802 e final no Novo CT Paraíso (expediente IN407A 2012/054-1).

– LMTA a 20 kV, de 540 m, condutor tipo LA-56 Al, con orixe no apoio nº 49-78-10 existente da LMT SIG-802 e final no apoio nº 49-78-15 proxectado. Substitución dos apoios de madeira e formigón actuais por outros de formigón de maior esforzo e altura.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución publicada nos seguintes medios:

– Resolución información pública: 10 de maio de 2017.

– DOG: 8 de xuño de 2017.

– BOP: 23 de maio de 2017.

– Xornal La Voz de Galicia: 9 de xuño de 2017.

– Taboleiro de anuncios do Concello: segundo certificado municipal do 31 de xullo ao 7 de agosto de 2017.

Ao mesmo tempo realizáronse notificacións individuais aos titulares que figuran na relación de bens e dereitos afectados.

4. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública, foron presentadas alegacións, das cales se deu traslado a Unión Fenosa Distribución, S.A.

• Jesusa Amparo Gómez Remuiñán, mediante escrito recibido o 27 de xuño de 2017, solicita que non se leve a cabo a instalación proxectada no predio nº 5 (segundo RBDA do proxecto) alegando, en síntese, o seguinte:

– É preferible unha afectación menor ao terreo, para o que se propón que a empresa promotora modifique o trazado ou soterre a liña.

En relación coas alegacións presentadas Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou os seguintes escritos de contestación:

• Escrito do 11 de xullo de 2017 en que se valoran as alegacións presentadas por Jesusa Amparo Gómez Remuiñán, no cal, en síntese, manifesta o seguinte:

– A obra proxectada consiste nunha substitución dos cables da actual liña de media tensión SIG-802 por outros de maior tensión. En consecuencia, a obra proxectada non prevé un cambio de trazado.

– Non existen novos afectados ademais dos que xa o están coa liña existente.

– Non hai lugar a un novo trazado por non haber limitacións á servidume e o alegante non propón trazado alternativo ningún, de conformidade co artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

– As instalacións proxectadas cumpren con toda a regulamentación en materia ambiental.

En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións de Unión Fenosa Distribución, S.A. ao respecto, infórmase do seguinte:

• Non procede atender a solicitude realizada por Jesusa Amparo Gómez Remuiñán polo seguinte:

– Non se alega ningunha das causas de limitación de servidume de paso establecidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

5. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se for o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. A promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

6. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicass

1. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

– Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 217, do 14 de novembro).

– Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 232, do 4 de decembro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

2. Na visita de campo realizada para examinar as instalacións, non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume indicadas no artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

3. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude que se acompañará da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas para a montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo de outras que foren de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e o ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 13 de setembro de 2017

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña