Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 19 de outubro de 2017 Páx. 48775

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do expediente de delimitación do núcleo rural de Alvite, no concello de Outeiro de Rei (expediente PTU-LU-14/106).

O 29.3.2017 o Concello de Outeiro de Rei remitiu documentación, correspondente ao expediente de referencia, para os efectos da súa aprobación definitiva, consonte o establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Os plans aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desta lei poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Analizada a documentación do proxecto de delimitación do núcleo rural de Alvite, datado en novembro de 2016 e redactado pola arquitecta municipal, Gloria Trigo Mayor, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

O Concello de Outeiro de Rei conta cunhas normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente o 30 de outubro de 1992 pola Comisión Provincial de Urbanismo, que delimitan a maior parte dos núcleos rurais existentes no territorio municipal. Porén, non delimitan algúns asentamentos de menor entidade, como é o caso do de Alvite.

De acordo coa documentación remitida polo concello, a tramitación incluíu:

a) O 30.6.2016 a SX de Ordenación do Territorio e Urbanismo realizou un requirimento ao concello sobre un proxecto de delimitación precedente.

b) A seguir, o concello realizou os seguintes trámites:

• Informe do técnico municipal do 20.12.2016.

• Certificación da Secretaría municipal do acordo de aprobación provisional do proxecto de delimitación polo Pleno do Concello do 23.2.2017.

• Informe do técnico municipal do 14.6.2017.

II. Aspectos xerais. Contido:

Proponse a delimitación como núcleo rural complexo dun ámbito de 7,05 ha (número 8.1 da memoria), tipificando como núcleo rural histórico tradicional (NRHT) unha zona de 2,41 ha, e como núcleo rural común (NRC) outras tres, que ocupan en conxunto 4,64 ha.

O proxecto define o trazado da rede viaria existente (modificando as aliñacións existentes) e as zonas edificables, regulando as condicións de usos de edificación. Así mesmo, cataloga varios bens (árbores e construcións tradicionais) de valor ambiental e cultural, establece unha zonificación acústica do ámbito (plano O.01) e contén unha avaliación dos seus efectos sobre o ambiente (anexo II).

O ámbito sitúase na reserva da biosfera Terras do Miño (zona de protección da zona núcleo).

III. Observacións:

En canto ao cumprimento da resolución da SXOTU do 30.6.2016, púidose comprobar que se emendou a deficiencia sinalada no punto III.1, incorporando os documentos relacionados. Así mesmo, no novo proxecto xustifícase a adecuación do contido da modificación a todas as consideracións establecidas no requirimento.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG e co artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Alvite, no Concello de Outeiro de Rei.

2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2017

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file