Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2017 Páx. 48214

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 98/2017, do 28 de setembro, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada de Xinzo a Vilar de Barrio (de titularidade dos concellos de Xinzo e Sarreaus) con orixe na N-525 en Xinzo e final na OU-1102 no concello de Sarreaus, a prol da Deputación Provincial de Ourense.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Ourense solicita aos concellos de Xinzo de Limia e Sarreaus a cesión da estrada de titularidade municipal que ten a súa orixe na N-525 en Xinzo, accede á autovía A-52 e a cruza por debaixo, e remata na OU-1102 nas proximidades de Vilar de Barrio. Esta estrada ten unha lonxitude de 12.000 m, dos que os 7.040 m primeiros están no termo municipal de Xinzo e o resto no Concello de Sarreaus. O largo do firme é de 7 m con capa de rodadura de mestura asfáltica en quente. O dominio público coincide coa ocupación física desta infraestrutura. Foi deseñada e construída por Infraestruturas Agrarias da Xunta como vía agrícola de acceso aos predios que a limitan.

O Pleno do Concello de Xinzo de Limia, o día 10.3.2017 aceptou ceder a titularidade da pista de concentración que enlaza a N-525 coa estrada OU-1102 na parte que lle corresponde ao dito concello.

O Pleno do Concello de Sarreaus, o día 27.4.2017, aceptou ceder á Deputación de Ourense a estrada coñecida como «a ancha» (orixe na N-525 en Xinzo, accede á autovía A-52 e cruza por debaixo, e remata na OU-1102).

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol da Deputación Provincial de Ourense:

– Estrada de Xinzo a Vilar de Barrio (de titularidade dos concellos de Xinzo e Sarreaus) con orixe na N-525 en Xinzo e final na OU-1102 no Concello de Sarreaus.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle á Deputación Provincial de Ourense, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda