Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 16 de outubro de 2017 Páx. 48217

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 99/2017, do 28 de setembro, polo que se aproban os cambios de titularidade de ramal antigo da vía OU-1201 a prol do Concello de Muíños; e estrada municipal con orixe na OU-540 (As Conchas) e fin na OU-1202 (As Carreiras) a prol da Deputación de Ourense.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial de Ourense o día 11.1.2017 comunícalle ao Concello de Muíños a conveniencia de proceder ao cambio de titularidade das seguintes estradas:

1. A prol do Concello de Muíños: ramal antigo da estrada provincial OU-1201, que dá acceso á canceira de Muíños e a outras instalacións municipais, cunha lonxitude total de 727 metros.

2. A prol da Deputación de Ourense: estrada municipal con orixe na OU-540 (As Conchas) e fin na estrada provincial OU-1202 (As Carreiras), cunha lonxitude de 539 metros.

O Concello de Muíños, con data do 28.4.2017, aprobou o cambio de titularidade proposto pola deputación e delega neste organismo a realización das actuacións para a conclusión do expediente de transferencia dos viarios.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol de:

Concello de Muíños:

– Ramal antigo da estrada provincial OU-1201, que dá acceso á canceira de Muíños e a outras instalacións municipais. Ten unha lonxitude total de 727 metros.

Deputación Provincial de Ourense:

– Estrada municipal con orixe na OU-540 (As Conchas) e fin na estrada provincial OU-1202 (As Carreiras). Ten unha lonxitude de 539 metros.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Muíños e a Deputación Provincial de Ourense deberán modificar os seus catálogos de estradas para incluír os cambios de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle a cada entidade local (Concello de Muíños e Deputación de Ourense), a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía da súa titularidade, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlles como novas administracións titulares das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda