Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 13 de outubro de 2017 Páx. 48123

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 26 de setembro de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se dá publicidade ao acordo sobre a revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal Coutada da Facha, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chapela, no concello de Redondela.

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño de montes de Galicia, dáse publicidade ao Acordo do 10 de xullo de 2017, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, ao respecto da revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal Coutada da Facha, da CMVMC de Chapela do concello de Redondela (Pontevedra).

Feitos:

Primeiro. O 4 de decembro de 1980, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra emite resolución de clasificación do monte Coutada da Facha, da parroquia de Chapela, a favor dos veciños da dita parroquia: «que debe clasificar e clasifica como monte veciñal en man común, tal e como se describe no resultando primeiro desta resolución, como propiedade dos veciños da parroquia de Chapela, termo municipal de Redondela, por reunir os requisitos exixidos polo artigo primeiro da lei e, polo segundo do Regulamento de montes veciñais en man común».

O resultando primeiro da resolución de clasificación establece:

«Nome do monte: montes de Chapela. Cabida: 67 ha.

Estremas: norte, montes de Trasmañó; sur, montes de Candeán-Vigo; leste: montes de Cabeiro e oeste, predios particulares».

Segundo a información que consta no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, a resolución de clasificación adquiriu firmeza ao non ser impugnada na vía administrativa.

Segundo. O estudo previo de clasificación do monte Coutada da Facha establece no seu punto 3.5: «a estrema deste monte da parroquia de Chapela con predios particulares non pode ser moi precisa se se ten en conta que algunhas destas ocupan antigos terreos do monte comunal; en consecuencia, chegouse coas estremas do monte ata onde hai seguridade ou dúbida razoable de que pode pertencer a el.

No caso de que este monte sexa clasificado como monte veciñal en man común, tal vez sexa necesario un deslindamento parcial en tal condición de lindeiro con particulares, seguindo os mesmos criterios que na clasificación».

Neste estudo previo consta o esbozo do monte Coutada da Facha a escala 1:25.000 que finalmente foi clasificado a favor dos veciños da parroquia de Chapela.

Terceiro. Segundo os datos do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na actualidade o monte Coutada da Facha non se atopa deslindado, polo que a cartografía orientativa para a descrición do devandito monte é o esbozo que existe no estudo previo de clasificación. Non constan resolucións xudiciais nin actos de disposición, nin posúe proxecto de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia.

Cuarto. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece na súa disposición transitoria décimo terceira a revisión de esbozos de montes veciñais en man común:

«1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común.

3. Unha vez aceptada a proposta polo Xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais que, en todo caso, se axustará ao plano que resulte da devandita revisión. O amolloamento poderá realizala de oficio a propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se no procedemento de revisión ou amolloamento se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento sen mais trámites. Este acordo de finalización e arquivamento do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia».

A Dirección Xeral de Ordenación Forestal estableceu que a disposición transitoria décimo terceira se aplique de xeito preferente cando o monte veciñal sexa estremeiro con propiedades particulares. Pola súa vez, cando exista condición de estremeiro entre montes veciñais en man común, aplicarase o establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Quinto. O artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 13/1989 (DOG nº 186, do 23 de setembro), establece: «a resolución firme de clasificación dun terreo como monte veciñal en man común deberá conter os requisitos necesarios para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade, de conformidade co disposto na Lei hipotecaria e no seu regulamento, e virá acompañado de planimetría suficiente que permita a identificación do monte. A citada resolución, unha vez firme, producirá os seguintes efectos:

– Atribuír propiedade.

– Servir de título inmatriculador suficiente para a inscrición do monte no Rexistro da Propiedade.

– Estará exento dos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e será gratuíto ...».

Sexto. A Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria de 1946 (BOE nº 151, do 25 de xuño), prevé a coordinación gráfica das inscricións do Rexistro da Propiedade co Catastro:

«1. A base de representación gráfica dos predios rexistrais será a cartografía catastral, que estará ao dispor dos rexistradores da propiedade.

2. Nos casos de incorporación da representación gráfica xeorreferenciada conforme o disposto na letra b) do artigo 9, deberá achegarse xunto co título inscritible, certificación catastral descritiva e gráfica do predio, salvo que se trate dun dos supostos regulados no número 3 deste artigo.

O rexistrador incorporará ao folio real a representación gráfica catastral achegada sempre que se corresponda coa descrición literal do predio na forma establecida na letra b) do artigo anterior, facendo constar expresamente no asento que na data correspondente o predio quedou coordinado graficamente co Catastro. Así mesmo, o Rexistrador trasladará ao Catastro o código rexistral dos predios que fosen coordinados.

No suposto de que a correspondencia non quedase acreditada, o rexistrador dará traslado desta circunstancia ao Catastro por medios telemáticos, motivando a través dun informe as causas que impedisen a coordinación, para os efectos de que, se for o caso, o Catastro incoe o procedemento oportuno».

Sétimo. O 15 de abril de 2014 a CMVMC de Chapela solicita a clasificación de varias parcelas. O 14 de decembro de 2016 o xurado provincial acorda por unanimidade iniciar de oficio a revisión do esbozo de clasificación do monte Coutada da Facha, xa que, debido a un fallo de precisión do antedito esbozo, existe a dúbida de que parte das parcelas solicitadas xa se atopen clasificadas. O 20 de decembro de 2016, o presidente do Xurado Provincial solicita ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e a elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Chapela (Redondela), coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

Segunda. O 24 de maio de 2017 a xefa do Servizo de Montes presenta unha proposta de revisión do monte en que indica:

1º. A revisión do esbozo do monte Coutada da Facha realizarase exclusivamente da estrema oeste no que limita con propiedades particulares, segundo consta na resolución de clasificación do monte Coutada da Facha.

2º. Esta revisión cumpre os requisitos establecidos no artigo 30 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 13/1989 e da Lei 13/2015, do 24 de xuño, de reforma da Lei hipotecaria de 1946. A liña proposta respecta as parcelas catastrais de titulares particulares.

3º. A liña oeste do esbozo do monte veciñal en man común de Coutada da Facha clasificado a favor dos veciños da parroquia de Chapela establécese dentro do polígono 49 do concello de Redondela segundo o plano anexo. A liña proposta non afecta as parcelas incluídas no expediente de clasificación que se atopa en trámite.

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal de Coutada da Facha, na parroquia de Chapela (Redondela), e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a proposta de adaptación do esbozo do monte veciñal de Coutada da Facha, da CMVMC de Chapela, no concello de Redondela (Pontevedra), segundo a proposta do 24 de maio de 2017 e a planimetría que o acompaña.

Pontevedra, 26 de setembro de 2017

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra