Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Mércores, 4 de outubro de 2017 Páx. 46893

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 20 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e seprocede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018. Programa III de axudas ao mantemento do custo salarial (procedemento TR341M).

BDNS (Identif.): 364007.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo IV das bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

O obxecto deste programa é axudar os CEE a manteren os postos de traballo dos traballadores e das traballadoras con discapacidade mediante o financiamento parcial dos seus custos salariais.

Terceiro. Contía e condicións da subvención

a) O importe da subvención correspondente a cada mensualidade será o equivalente ao 50 % do SMI: 353,85 euros/mes ou 11,79 euros/día, no caso de períodos de traballo inferiores a 30 días. No suposto de ter rateadas as pagas extraordinarias, o importe será de 412,83 euros/mes ou 13,76 euros/día.

O importe da subvención correspondente a cada paga extraordinaria será de 353,85 euro/mes ou 1,97 euros/día, en caso de períodos de traballo inferiores a 180 días.

b) No caso de persoas con discapacidade incluídas nos supostos do artigo 5.3 das bases reguladoras da subvención, as contías serán equivalentes ao 56 % do SMI: 396,31 euros/mes ou 13,21 euros/día; no caso de pagas rateadas 462,36 euros/mes ou 15,41 euros/día e o importe de cada paga extraordinaria será 396,31 euros/mes ou 2,20 euros/día.

c) No suposto de contratos a tempo parcial, a subvención experimentará unha redución proporcional á xornada laboral realizada.

Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde de 20 de setembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2017-2018. Capítulo IV.

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse nove millóns seiscentos vinte e cinco mil catrocentos sesenta e nove euros (9.625.469 euros), coa seguinte distribución por anualidades.

Anualidade 2017: 2.700.522 euros.

Anualidade 2018: 6.924.947 euros.

Coa finalidade de complementar as axudas que se concederon ao abeiro da Orde do 9 de agosto de 2016, para os efectos do incremento do SMI para o ano 2017, dótase a esta orde cun crédito incorporado de fondos finalistas do Servizo Público de Emprego Estatal por 600.000 euros.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Período subvencionable e xustificación das axudas

Con cargo á anualidade 2017 subvencionaranse as mensualidades de xullo a outubro de 2017. As axudas xustificaranse como máximo o 10 de decembro de 2017.

Con cargo á anualidade de 2018 subvencionaranse as mensualidades de novembro e decembro de 2017, as de xaneiro a xuño de 2018 e 2 pagas extraordinarias (a 2ª de 2017 e a 1ª de 2018). A data máxima de xustificación será o 31 de agosto de 2018.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2017

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria