Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 2 de outubro de 2017 Páx. 44740

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Desvío LAT 132 kV Setepontes-Carba entre os apoios 4 e 6, no termo municipal de Vilalba (expediente IN407A 8504 AT).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. (en adiante, Viesgo) con enderezo para os efectos de notificación na rúa Isabel Torres, 25 (PCTCAN), 39011 Santander (Cantabria), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 15.3.2017, a empresa Viesgo presentou a solicitude de autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica denominada Desvío LAT 132 kV Setepontes-Carba entre os apoios 4 e 6, acompañada do proxecto de execución e as separatas técnicas para os organismos afectados.

Segundo consta no proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada consiste en:

– Modificación do tramo entre os apoios 4 e 6 da liña de alta tensión entre as subestacións de Setepontes e Carba, cunha lonxitude de 711 m en condutor LA-280, simple circuíto con configuración símplex e cable de comunicacións OPGW 48 F, con orixe no apoio P4 proxectado en substitución do actual e final no P5 proxectado.

– Substitución do condutor existente por LA-280 entre o apoio existente P2 e P4 proxectado.

Segundo. O 19.6.2017, a Xefatura Territorial de Lugo ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa previa e de construción desta instalación eléctrica (expediente IN407A 8504 AT), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 5.7.2017 e no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 27.6.2017.

Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Terceiro. A Xefatura Territorial de Lugo trasladou as separatas técnicas da instalación eléctrica ao Concello de Vilalba e ao Ministerio de Fomento para os efectos de obter o seu informe ao respecto.

O Concello de Vilalba emitiu condicionado e Viesgo aceptou.

O Ministerio de Fomento non emitiu informe. Reiterouse a petición de informe e non se obtivo contestación, polo que, segundo o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, se entende conforme coa autorización.

Cuarto. O 19.6.2017, a Xefatura Territorial de Lugo emitiu informe favorable e o 18.8.2017 trasladou o expediente e o proxecto a esta dirección xeral.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas, e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19.2.2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar á empresa Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada Desvío LAT 132 kV Setepontes-Carba entre os apoios 4 e 6, no termo municipal de Vilalba (Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado Desvío LAT 132 kV Sete Pontes-Carba entre apoios 4-6, asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea (colexiado nº 574 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co nº 20170541 e data 13.3.2017, e no cal figura un orzamento de 142.918,48 €.

Segunda. A empresa Viesgo asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas ITC.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa Viesgo deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que consideren oportunas.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito terceiro da presente resolución), a empresa Viesgo realizará as correspondentes afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas