Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 2 de outubro de 2017 Páx. 44668

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de setembro de 2017 pola que se designa nova vogal da Comisión Xestora do municipio de Cerdedo-Cotobade.

Os municipios de Cerdedo e Cotobade tramitaron un procedemento de fusión para constituírense nun único municipio, que deu lugar á aprobación do Decreto 134/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cerdedo e Cotobade e se constitúe o municipio de Cerdedo-Cotobade, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 197, do 17 de outubro.

O citado Decreto 134/2016, do 22 de setembro, na súa disposición adicional establece que, conforme o disposto na Lei de bases de réxime local, se nomeará unha comisión xestora da cal formarán parte todos os concelleiros e concelleiras dos municipios de Cerdedo e Cotobade, que se ocupará de rexer e administrar o novo municipio ata as vindeiras eleccións municipais.

Mediante a Orde do 17 de outubro de 2016 pola que se designa a Comisión Xestora do municipio de Cerdedo-Cotobade, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 198, do 18 de outubro, designáronse os membros da Comisión Xestora do municipio fusionado de Cerdedo-Cotobade.

Esta comisión constituíuse con data do 20 de outubro de 2016, ás 12.00 horas, como dispón o propio artigo 3 da Orde do 17 de outubro de 2016.

A Comisión Xestora, en sesión do 30 de xuño de 2017, tomou coñecemento da renuncia presentada o día 2 de xuño pola vogal designada, María Dolores Pichel Lois, e remitiu certificación do acordo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos oportunos.

A seguinte persoa na lista do Partido Popular con dereito a acceder a ser vogal para ser nomeada membro da Comisión Xestora do municipio de Cerdedo-Cotobade é Raquel Teresa Puente Couto, xa que é a seguinte da lista que cumpre os requisitos por ser efectivamente concelleira na data de entrada en vigor do Decreto 134/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cerdedo e Cotobade.

A designación da nova vogal faise seguindo os mesmos criterios de repartición utilizados para as eleccións municipais e segundo os resultados producidos nestas no conxunto dos municipios afectados. Segundo o artigo 182 da Lei orgánica 7/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, no caso de renuncia dun concelleiro o escano atribuirase ao candidato ou, de ser o caso, ao suplente da mesma lista a quen corresponda, atendendo á súa orde de colocación.

En consecuencia, no exercicio das facultades outorgadas polo Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de conformidade co disposto polo artigo 39 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia, e en cumprimento do establecido na disposición adicional do Decreto 134/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba a fusión voluntaria dos municipios de Cerdedo e Cotobade e se constitúe o municipio de Cerdedo-Cotobade,

DISPÓN:

Primeiro. Designar como novo membro da Comisión Xestora do municipio de Cerdedo-Cotobade, en substitución de María Dolores Pichel Lois, a Raquel Teresa Puente Couto.

Segundo. Esta orde producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza