Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Xoves, 28 de setembro de 2017 Páx. 44203

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2017 pola que se aplican determinadas excepcións no cumprimento das obrigas do pagamento verde, na campaña de solicitude 2017, dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, regulados na Orde do 31 de xaneiro de 2017.

O Regulamento (UE) núm. 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, establece normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da política agrícola común e derroga os regulamentos (CE) núm. 637/2008 e (CE) núm. 73/2009 do Consello.

O Regulamento delegado (UE) núm. 639/2014 da Comisión, do 11 de marzo, completa o Regulamento (UE) núm. 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da política agrícola común, e modifica o anexo X do devandito regulamento. Concretamente, no seu artigo 45.2, no que respecta á aplicación de certas condicións relativas ao pagamento para prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o ambiente, en diante pagamento verde, establece que nas terras en barbeito non haberá produción agrícola.

O Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axudas, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, establece, nos artigos 17 ao 24, os requisitos e as condicións para poder acceder ao pagamento verde e, en concreto, no seu artigo 24.2, considera como superficie de interese ecolóxico as terras en barbeito.

A Comisión Europea ditou a Decisión de execución do 28 de agosto de 2017, pola que se autorizan determinadas excepcións ao Regulamento (UE) núm. 1307/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, e do Regulamento delegado (UE) núm. 639/2014, da Comisión Europea, no que respecta á aplicación de certas condicións relativas ao pagamento verde das campañas de solicitude 2016 e 2017 en relación con determinados Estados membros, entre os que se atopa o Reino de España.

Neste sentido, foi ditada a Resolución do presidente do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), do 31 de agosto de 2017, como organismo adscrito ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, pola que se establece a posibilidade de aplicar determinadas excepcións no cumprimento das obrigas do pagamento verde na campaña 2017 nas zonas afectadas pola seca.

En concreto, non obstante o disposto no artigo 45.2 do Regulamento delegado (UE) núm. 639/2014, para o ano de solicitude 2017, as comunidades autónomas que así o decidan, poderán considerar que o barbeito siga considerándose superficie de interese ecolóxico aínda cando a dita superficie fose obxecto de pastoreo ou sega con fins produtivos.

A dita excepción poderá aplicarse tan só ás rexións que fosen formalmente recoñecidas mediante un acto administrativo ou norma autonómica emitida pola autoridade competente, como afectadas pola seca en 2017 e onde se sitúe o gando.

De acordo co «Informe de seca en terreos agrogandeiros en 2017», emitido con data do 25 de setembro de 2017, pola Dirección do Fogga da Consellería do Medio Rural, recoñécense as condicións climatolóxicas adversas que deron lugar á redución da produción en praderías, pastos e cultivos forraxeiros como consecuencia das altas temperaturas e da falta de precipitacións na Comunidade Autónoma de Galicia. Por todo iso procede, con base na posibilidade establecida na Decisión de execución da Comisión Europea e na resolución do presidente do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), xustificar para a campaña 2017 o uso do pastoreo ou sega con fins produtivos en barbeitos declarados como superficie de interese ecolóxico no pagamento verde (greening) nos municipios indicados.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, e do Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria, correspóndelle ao devandito organismo, entre outras funcións, a execución das accións necesarias para a aplicación da política agrícola común (PAC) no campo agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como a execución de accións necesarias para o funcionamento das distintas organizacións de mercados e a mellora das estruturas agropecuarias.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da antedita Lei 7/1994,

DISPOÑO:

Artigo 1

Exceptuar para a campaña 2017 o cumprimento da obriga establecida no artigo 45.2 do Regulamento delegado (UE) núm. 639/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) núm. 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da política agrícola común, e que modifica o anexo X do devandito regulamento, e considerar o barbeito como superficie de interese ecolóxico aínda cando a dita superficie fose obxecto de pastoreo ou sega con fins produtivos, debido ás condicións climáticas adversas rexistradas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2

A presente resolución será de aplicación ás solicitudes de pagamento para os agricultores que apliquen prácticas beneficiosas para o clima e o ambiente presentadas na campaña 2017, en virtude da Orde do 31 de xaneiro de 2017, da Consellería do Medio Rural, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, ao abeiro do Real decreto 1075/2014, do 29 de decembro.

Artigo 3

Publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia para o seu xeral coñecemento, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa aplicable.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2017

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria