O representante da titularidade do centro privado (CPR) Plurilingüe Montecastelo, de Vigo, solicita autorización para impartir o ciclo formativo de grao superior (CS) Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma e o CS Desenvolvemento de aplicacións web, na modalidade semipresencial e/ou a distancia.
A Orde do 5 de novembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de novembro, establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.
Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Autorización de ensinanzas
1. Autorizar o ciclo formativo de grao superior (CS) Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma e o CS Desenvolvemento de aplicacións web, na modalidade semipresencial e/ou a distancia, no centro docente privado cuxos datos se detallan a seguir:
Denominación xenérica: centro privado.
Denominación específica: Montescastelo.
Código: 36011191.
Enderezo: rúa Doctor Paz Pardo, 84.
Localidade: Vigo.
Concello: Vigo.
Código postal: 36214.
Provincia: Pontevedra.
Titular: Fomento de Centros de Enseñanza, S.A.
Composición resultante:
Educación infantil: 3 unidades.
Educación primaria: 6 unidades.
Educación secundaria obrigatoria: 4 unidades.
Bacharelato: 4 unidades das modalidades de Ciencias, e de Humanidades e Ciencias Sociais.
Formación profesional:
a) Ciclos formativos de grao medio (CM), modalidade presencial:
• 1 CM Sistemas microinformáticos e redes (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).
• 1 CM Instalacións eléctricas e automáticas (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).
b) Ciclos formativos de grao superior (CS), modalidade presencial:
• 1 CS Automatización e robótica industrial (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).
• 1 CS Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).
• 1 CS Desenvolvemento de aplicacións web (2 unidades, 30 alumnos/as cada unha).
c) Ciclos formativos na modalidade semipresencial e/ou a distancia:
• 1 CS Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma.
• 1 CS Desenvolvemento de aplicacións web.
Artigo 2. Ordenación académica
1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1.1 desta orde aplicaráselle, en canto sexa axeitado á súa natureza, o previsto na Orde do 5 de novembro de 2010, pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.
2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a colectiva terá carácter presencial coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente.
A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo, terá carácter voluntario para o alumnado.
3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.
A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado, e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.
4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.
Artigo 3. Inicio da actividade
Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos devanditos ciclos, así como o equipamento.
Artigo 4. Inscrición no rexistro de centros
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 5. Modificación da autorización
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando deban modificarse calquera dos datos que sinala a presente orde.
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2017
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria