Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 21 de setembro de 2017 Páx. 43148

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2017 pola que se lle retira o recoñecemento como organización de produtores á organización de produtores de agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG) Atrugal (OPP-65).

Antecedentes.

Primeiro. Con data do 15 de maio de 2017 remitiuse proposta de resolución de retirada de recoñecemento como OPP á organización de produtores de ADSG Atrugal (OPP-65) polo incumprimento das obrigas previstas con respecto da elaboración dos plans de produción e comercialización e do informe anual aprobados por esta dirección xeral.

Segundo. O Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, establece o procedemento para o recoñecemento e para a retirada das organizacións de produtores.

Terceiro. O recoñecemento da organización de produtores de ADSG Atrugal (OPP-65) tivo lugar ao abeiro do Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura, derrogado polo vixente Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

Esta última norma establece no seu artigo 14.1 as obrigas das organizacións de produtores, entre outras, que as organizacións de produtores presentarán á Administración competente un plan de produción e comercialización anual ou plurianual antes do 31 de outubro do ano en que remate a vixencia do seu plan aprobado. O artigo 15.1, pola súa parte, establece que presentarán á Administración competente un informe anual sobre a aplicación dos plans de produción e comercialización aprobados, antes do 28 de febreiro de cada ano.

Cuarto. O artigo 28.5 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 e a Recomendación 2014/117/UE, da Comisión, do 3 de marzo de 2014, relativa ao establecemento e aplicación dos plans de produción e comercialización en virtude do citado regulamento, indican que as organizacións de produtores deberán presentar o informe anual despois da finalización dos plans de produción e comercialización.

Quinto. Mediante a Resolución do 11 de decembro de 2014, a Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou o plan de produción e comercialización presentada pola organización de produtores de ADSG Atrugal (OPP-65) para os anos 2015 e 2016.

Sexto. O 29 de febreiro de 2016 o representante da organización de produtores de ADSG Atrugal (OPP-65) presentou no Rexistro o informe anual de actividades do exercicio 2015. Tras a súa revisión, e para adaptalo ás disposicións antes citadas, o 31 de outubro de 2016 a citada OPP presentou no rexistro o informe anual modificado.

Sétimo. O 25 de novembro de 2016 a Consellería do Mar aprobou o informe anual de actividades do exercicio 2015.

Oitavo. De conformidade co disposto no artigo 28.7 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, a constatación do incumprimento das obrigas previstas no dito artigo por parte desa organización de produtores con respecto á elaboración dos plans de produción e comercialización e do informe anual aprobados por esta dirección xeral pode comportar a retirada do recoñecemento como organización de produtores. Polo tanto, da análise da normativa comunitaria e estatal de desenvolvemento establécese claramente que as organizacións de produtores deberán axustarse ao disposto nestas normas para poder manter o recoñecemento que viñan posuíndo ata ese momento.

Noveno. No artigo 3.6 do Real decreto 277/2016 establécese que o recoñecemento dunha OPP, así como a súa modificación e retirada, corresponderá aos órganos competentes das comunidades autónomas no caso do ámbito autonómico, que o recoñecemento será retirado polo mesmo organismo que o outorgou cando as organizacións de produtores deixen de cumprir os requisitos que determinaron o seu recoñecemento, ou incumpran o establecido en canto ao seu funcionamento.

Este real decreto establece, así mesmo, que a autoridade competente para o recoñecemento, modificación ou retirada do recoñecemento son os órganos competentes das comunidades autónomas no caso do ámbito autonómico.

Décimo. A citada organización de produtores non presentou o informe anual de actividades do exercicio 2016; así mesmo, non presentou o plan de produción e comercialización para o ano 2017 ou seguintes, para a súa aprobación. Incumpriu deste xeito a normativa de aplicación.

Décimo primeiro. En consecuencia, ditouse proposta de resolución de retirada de recoñecemento con data do 11 de maio de 2017. No trámite de audiencia concedido na citada proposta a organización de produtores de ADSG Atrugal non presentou alegacións.

Fundamentos de dereito.

– Regulamento (CE) núm. 2406/1996 do Consello, do 26 de novembro, polo que se establecen normas comúns de comercialización para determinados produtos pesqueiros.

– Regulamento (CE) núm. 1224/2009 do Consello, do 20 de novembro, polo que se establece un réxime comunitario de control para garantir o cumprimento das normas da política pesqueira común.

– Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os regulamentos (CE) núm. 1184/2006 e (CE) núm. 1224/2009 do Consello e se derroga o Regulamento (CE) núm. 104/2000, do Consello.

– Regulamento de execución (UE) núm. 1418/2013 da Comisión, do 17 de decembro, relativo aos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Regulamento de execución (UE) núm. 1419/2013 da Comisión, do 17 de decembro, relativo ao recoñecemento das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais, a aplicación extensiva das normas das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais e a publicación dos prezos de activación, de conformidade co Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Recomendación da Comisión, do 3 de marzo de 2014, relativa ao establecemento e aplicación dos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) núm. 1379/2913 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado (BOE núm. 75, do 28 de marzo), modificada pola Lei 33/2014, do 26 de decembro.

– Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

– Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca marítima de Galicia (DOG núm. 243 do 16 de decembro) modificada por Lei 6/2009, do 11 de decembro.

– Demais normativa de aplicación.

Esta consellería, en cumprimento do artigo 55.1.a) da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do establecido no artigo 3.6 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, por incumprimento de obrigas,

RESOLVE:

Retirar o recoñecemento da certificación como organización de produtores á organización de produtores ASDG Atrugal (OPP 65), outorgada pola Orde do 6 de febreiro de 2006, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, por incumprimento das obrigas establecidas para as organizacións de produtores na lexislación vixente e, particularmente, por non presentar o informe anual de actividades do exercicio 2016 nin o plan de produción e comercialización para o ano 2017 ou seguintes, para a súa aprobación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Mar no prazo máximo dun (1) mes, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante o órgano competente desta orde xurisdicional, no prazo de dous (2) meses, contados en ambos os dous casos desde o día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2017

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar