Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Martes, 19 de setembro de 2017 Páx. 42724

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2017 pola que se acorda incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como lugar de valor etnolóxico o conxunto de eiras e hórreos de Mundín, na parroquia de Garabás, no termo municipal de Maside (Ourense).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. No artigo 8.3 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, indicábase que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, integraranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei».

Os hórreos galegos teñen unha especial consideración e entre os obxectivos xerais da lei está a súa protección. Así se recolle no capítulo III do título VII da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, relativo aos bens que integran o patrimonio etnolóxico e, especialmente, no establecido no artigo 91.1 «Para os efectos desta lei, integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia» e 91.3.a) «Para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación presúmese o valor etnolóxico dos seguintes bens sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade: a) os hórreos,...».

Na parte noroeste do núcleo de Mundín, estremando xa coas súas hortas e terreos de cultivo, existe unha agrupación de hórreos que reúne seis deles, en diferente estado de conservación, así como as evidencias dunha pavimentación de pedra dunha eira destinada a mallar, e outro espazo de eira en que se atopan moi próximos o resto dos hórreos. Este conxunto de eiras, espazo e posición agrupada e próxima de hórreos resulta singular e única no núcleo, onde o resto dos hórreos se dispoñen de forma asociada principalmente á edificación principal que serven.

Neste conxunto distínguense as eiras de mallar; na parte máis setentrional do núcleo de Mundín localízase a denominada Eira de Arriba ou dos Macarrías, que se atoparía orixinalmente pechada por un cerre de dimensión menor que o actualmente existente, e que lindaría con outra eira coñecida por Eira de Abaixo, as dúas de uso privativo, aínda que empregadas polos veciños coa autorización dos seus titulares.

Mantense na Eira de Arriba un espazo delimitado e pavimentado en pedra, pavimento que, aínda que deturpado polo uso de materiais non tradicionais como a cintaxe de cemento e mesmo o tendido parcial de formigón, conserva de forma suficiente a súa traza delimitada, o seu aspecto e carácter, e parcialmente a formalización e pavimento tradicionais de pedra de bo tamaño desgastadas superficialmente polo tempo e o uso.

Tamén neste espazo coexisten 6 hórreos cun diferente estado de conservación: cinco hórreos, todos eles do tipo «piorno», con cámara de madeira de doelas verticais apoiada sobre trabes de madeira ensambladas colocadas sobre pés de pedra con tornarratos a modo de mesas transversais e cuberta a dúas augas con grandes beirís acabada con tella cerámica curva sobre táboas e estrutura de madeira; e os pés doutro hórreo localizado na Eira de Arriba, do cal non se conservan máis que as trabes.

O valor etnolóxico deste conxunto destaca pola agrupación nunha pequena porción de terreo dunha serie de hórreos, dun estilo e tipo construtivo moi semellante e coherente, convivindo co espazo para o desenvolvemento dos traballos de almacenaxe e seca do gran de millo en eiras de mallar pavimentadas, nunha posición intermedia entre as vivendas e os campos de cultivo. Esta confluencia no espazo é a que debe destacarse entre o resto dos elementos do conxunto e do núcleo de Mundín, e considérase de interese a súa conservación para o mantemento das referencias tanxibles dos modos de vida tradicionais que manteñen elementos en suficiente estado de integridade para aseguraren a súa autenticidade.

O conxunto de eiras e hórreos considérase como un lugar de valor etnolóxico ao ser reflexo dos modos de vida tradicionais e das relacións entre as persoas e os seus medios de produción. A existencia de eiras e hórreos convivindo nun espazo único en que pode observarse tanto a profusión e pequena variación de detalles técnicos na construción, a diferente orientación e as relacións de uso e mantemento reúnen valores propios que deben ser destacados por riba dos que individualmente posúen as súas construcións e materializacións.

A súa conservación considerase relevante por ser reflexo da cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

Á vista do seu contido e da información que acompaña o expediente, na cal se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos, en especial o seu valor etnolóxico e antropolóxico, tomando en consideración a proposta da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, cómpre proceder á inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia deste ben no exercicio da competencia que me atribúe o artigo 1 do Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o artigo 3 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e en virtude do disposto no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia como ben inmoble coa categoría de lugar de valor etnolóxico, o conxunto de eiras e hórreos de Mundín, na parroquia de Garabás, no termo municipal de Maside (Ourense), segundo a descrición, categoría, nivel e réxime de protección que figura no anexo I e a delimitación gráfica contida no anexo II.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Maside.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2017

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Descrición e nivel de protección

1. Denominación: conxunto de eiras e hórreos do lugar de Mundín.

2. Descrición xeral.

O lugar de Mundín atópase ao oeste do igrexario parroquial de Garabás, en dirección ao Carballiño. Trátase dun grupo compacto de edificacións cunha complexa estrutura viaria, que responde ao modelo tradicional de asentamento deste ámbito. No conxunto poden distinguirse máis dunha ducia de hórreos cunha feitura moi semellante: unha estrutura rústica e pouco traballada de pedra para apoio, conformada por pares de pés con tornarratos individuais ou agrupados por pares e unha única cámara de madeira con doelas verticais, cunha cuberta de tella con amplos beirís nos laterais. Esta solución simple, o precario da súa estabilidade estrutural e o seu pequeno tamaño fan que a conservación das cámaras sexa dificultosa pero tamén de substitución ou reparación doada. Son abondosos os exemplares que están apeados total ou parcialmente con táboas cravadas ou con estreitos espeques pousados nos tornarratos ou no chan.

No núcleo son abondosas as alteracións ou deturpacións parciais das edificacións tradicionais e os pavimentos, ben que se mantén a escala e a tipoloxía da vivenda e as afeccións son case en todos os casos producidas polo uso de materiais modernos sen revestir ou pola modificación parcial de alturas e volumes, así como de elementos como chemineas, cables ou antenas. A imaxe e compacidade do núcleo mantense e a lectura da súa estrutura tradicional conserva condicións da súa autenticidade.

3. Partes integrantes.

Na parte noroeste do núcleo de Mundín, estremando xa coas hortas e terreos de cultivo, existe unha agrupación de hórreos que reúne seis deles, en diferente estado de conservación, así como as evidencias dunha pavimentación de pedra dunha eira destinada a mallar e outro espazo de eira en que se atopan moi próximos o resto dos hórreos. Este conxunto de eiras, espazo e posición agrupada e próxima de hórreos resulta singular e única no núcleo, onde o resto de hórreos se dispoñen de forma asociada principalmente á edificación principal que serven. As partes integrantes deste conxunto son:

– Eiras de mallar: segundo os testemuños de varias persoas recollidos da sentenza da Audiencia Provincial de Ourense do Recurso de apelación 120/04, do 11.10.2004, na parte máis setentrional do núcleo de Mundín localízase a denominada Eira de Arriba ou dos Macarrías, que se atoparía orixinalmente pechada por un cerre de dimensión menor que o actualmente existente, e que lindaría con outra eira coñecida por Eira de Abaixo, as dúas de uso privativo, aínda que empregadas polos veciños coa autorización dos seus titulares. A Eira de Arriba sería un espazo delimitado e pavimentado en pedra, pavimento que, aínda que deturpado polo uso de materiais non tradicionais como a cintaxe de cemento e mesmo o tendido parcial de formigón, conserva de forma suficiente a súa traza delimitada, o seu aspecto e carácter e, parcialmente, a formalización e pavimento tradicionais de pedra de bo tamaño desgastadas superficialmente polo tempo e o uso. Nestas condicións a eira mantén de forma suficiente a súa integridade formal e condicións de autenticidade.

– Pés do hórreo 6 na Eira de Arriba: estrutura de pares de pés para un hórreo probablemente de cámara sinxela do tipo dos piornos do resto do núcleo, do cal non se conservan máis que as trabes.

– Cinco hórreos, todos eles do tipo «piorno», con cámara de madeira de doelas verticais apoiada sobre trabes de madeira ensambladas colocadas sobre pés de pedra con tornarratos a modo de mesas transversais e cuberta a dúas augas con grandes beirís acabada con tella cerámica curva sobre táboas e estrutura de madeira. As posicións e orientacións dos hórreos do conxunto son variadas e non seguen unha orientación homoxénea: dous deles teñen practicamente orientación norte-sur mentres que o resto están orientados leste-oeste. Todos eles se agrupan deixando un espazo central na zona suroeste, a máis próxima á zona central do núcleo.

Hórreo número 1

missing image file

Hórreo situado no extremo sueste do conxunto, separado do resto por un camiño de uso público.

Tipoloxía: hórreo tipo «piorno» con cámara de madeira sobre seis pés de pedra e tres tornarratos dispostos a modo de mesas transversais. A cuberta de tella cerámica plana con grandes voos nas catro fachadas.

Estado de conservación: regular. Elementos de pedra (pés e tornarratos) en bo estado. Cámara de madeira deteriorada. Mantén a verticalidade coa axuda dun espeque de madeira. Aparenta estar en uso.

Orientación: leste-oeste.

Hórreo número 2

missing image file

Hórreo situado no extremo sueste do conxunto, dentro do espazo común.

Tipoloxía: hórreo tipo «piorno» con cámara de madeira sobre catro pés de pedra e os correspondentes tornarratos. A cuberta de tella cerámica curva con grandes beirís nas catro fachadas.

Estado de conservación: regular. Elementos de pedra (pés e tornarratos) en bo estado. Cámara de madeira deteriorada. Mantén a verticalidade coa axuda de dous espeques de madeira.

Orientación: leste-oeste.

Hórreo número 3

missing image file

Hórreo situado na zona central do conxunto, dentro do espazo común.

Tipoloxía: hórreo tipo «piorno» con cámara de madeira sobre catro pés de pedra e os correspondentes tornarratos. A cuberta de tella cerámica curva con grandes beirís nas catro fachadas.

Estado de conservación: malo. Elementos de pedra (pés e tornarratos) en bo estado. Cámara de madeira moi deteriorada. Non mantén a verticalidade e mantense en pé coa axuda de numerosos espeques de madeira.

Orientación: leste-oeste.

Hórreo número 4

missing image file

Hórreo situado na zona central do conxunto, no lado norte próximo ao hórreo número cinco.

Tipoloxía: hórreo tipo «piorno» con cámara de madeira sobre seis pés de pedra e seis tornarratos. A cuberta de tella cerámica curva con grandes beirís nas catro fachadas.

Estado de conservación: bo. Elementos de pedra (pés e tornarratos) en bo estado. Cámara de madeira deteriorada. Mantén a verticalidade.

Orientación: norte-sur

Hórreo número 5

missing image file

Hórreo situado na zona central do conxunto, no lado norte próximo ao hórreo número catro.

Tipoloxía: hórreo tipo «piorno» con cámara de madeira sobre seis pés de pedra e dous tornarratos dispostos a modo de mesas transversais. A cuberta de tella cerámica plana con grandes beirís nas catro fachadas.

Estado de conservación: bo, con algunha alteración do estado orixinario. Elementos de pedra (pés e tornarratos) en bo estado a liña sur, mentres que a liña norte está afectada por unha estrutura descontextualizada. Cámara de madeira rehabilitada. Mantén a verticalidade.

Orientación: norte-sur

Hórreo número 6

missing image file

Hórreo situado na zona norte do conxunto, próximo á zona pavimentada.

Tipoloxía: non se pode determinar o tipo xa que unicamente se conservan os pés de pedra e parte das trabes de madeira.

Estado de conservación: só conserva a base de pedra.

Orientación: leste-oeste.

4. Valoración cultural.

O valor etnolóxico deste conxunto destaca pola agrupación nunha pequena porción de terreo dunha serie de hórreos, dun estilo e tipo construtivo moi semellante e coherente, convivindo co espazo para o desenvolvemento dos traballos de amoreamento e deloura do gran de millo en eiras de mallar pavimentadas, nunha posición intermedia entre as vivendas e os campos de cultivo. Esta confluencia no espazo é a que debe destacarse entre o resto dos elementos do conxunto e do núcleo de Mundín, e considérase de interese a súa conservación para o mantemento das referencias tanxibles dos modos de vida tradicionais que manteñen elementos en suficiente estado de integridade para aseguraren a súa autenticidade.

5. Categoría.

O conxunto de eiras e hórreos considérase como un lugar de valor etnolóxico ao ser reflexo dos modos de vida tradicionais e das relacións entre as persoas e os seus medios de produción. A existencia de eiras e hórreos convivindo nun espazo único en que pode observarse tanto a profusión e pequena variación de detalles técnicos na construción, a diferente orientación e as relacións de uso e mantemento reúnen valores propios que deben ser destacados por riba dos que individualmente posúen as súas construcións e materializacións. A súa conservación considérase relevante por ser reflexo da cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

6. Nivel de protección.

Hórreos 1 a 6: nivel de protección estrutural.

Eiras de mallar: nivel de protección ambiental.

7. Réxime de protección.

O réxime de protección do lugar de valor etnolóxico catalogado será o que define o capítulo III do título II da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en concreto, nos artigos 39 a 44.

As intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, na súa contorna de protección, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen nesta lei.

En calquera caso, cómpre lembrar que a utilización dos bens declarados de interese cultural ou catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellería competente en materia de patrimonio cultural. Porén, compre facer unhas precisións relativas ás diferentes intervencións que poden ser autorizadas no ámbito protexido en función da natureza dos elementos que compoñen o conxunto, así como na contorna de protección definida:

– Eiras de mallar: manterase o pavimento de pedra existente en toda a súa extensión, polo que serán autorizables as obras de investigación, valoración, mantemento, conservación, consolidación e restauración do pavimento de pedra existente. No resto do pavimento delimitado no que na actualidade non existe ou non é visible o pavimento de pedra, e posto que se dispón de información suficiente sobre o sistema e tipo construtivo, o material e as súas dimensións, así como da súa forma e tamaño xeral, serán autorizadas as actuacións de rehabilitación e mesmo reconstrución da eira, encamiñada a reforzar a lectura e apreciación deste espazo como un ámbito ligado á actividade agrícola. No caso da Eira de Abaixo priorizarase o uso de materiais térreos e naturais compactados, que tamén son de uso tradicional neste contexto e compatibles cos valores culturais do conxunto. Finalmente, e como tamén se ten acreditado documentalmente a existencia de elementos delimitadores previos entre as eiras, poderá ser autorizada a construción dun peche sempre que as dimensións e materiais garantan a conservación dos bens protexidos e das súas condicións de apreciación e segundo os modelos e características dos tradicionais deste tipo de elementos no seu contorno inmediato ou no seu contexto cultural próximo.

– Hórreos: nos hórreos serán autorizables as obras de investigación, valoración, mantemento, conservación, consolidación e restauración. Tamén as de rehabilitación, sempre que teñan por obxecto a recuperación do uso agrícola orixinal ou usos complementarios compatibles, como a almacenaxe. Serán autorizables obras de reestruturación parcial ou total, especialmente das cámaras de madeira, sempre que se xustifique convenientemente mediante un proxecto técnico en que se analice e xustifique a intervención e segundo os criterios legais establecidos. No caso do hórreo 6 será autorizable unha intervención de reconstrución que teña por obxecto recuperar a forma e funcionalidade da cámara do hórreo desaparecida seguindo o modelo de piorno presente no núcleo de Mundín e, en especial, neste conxunto de valor etnolóxico.

– Contorna: as actuacións que se realicen na súa contorna deberán manter as características propias do núcleo tradicional, en especial á tipoloxía das edificacións, os sistemas construtivos de muros e cubricións, ás dimensións e proporcións dos ocos e os materiais que lle son propios. En concreto, manteranse nestas intervencións os criterios sinalados no artigo 46 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia:

a) Procuraranse evitar os movementos de terras que supoñan unha variación significativa da topografía orixinal da contorna.

b) Procurarase a súa compatibilidade cos elementos configuradores da estrutura territorial tradicional, como son a rede de camiños, os muros de peche, as sebes, as tapias, os noiros e outros semellantes.

c) Empregaranse materiais, solucións construtivas e características dimensionais e tipolóxicas en coherencia co ámbito en calquera tipo de intervencións.

d) Manteranse preferentemente a estrutura e a organización espacial da contorna, coa conservación xeral das aliñacións e rasantes.

e) Procurarase e valorarase a integración e compatibilidade dos usos e costumes tradicionais e característicos configuradores do ambiente cos de nova implantación.

f) Facilitarase a implantación de actividades complementarias compatibles cos valores culturais dos bens que garantan a continuidade do seu mantemento co establecemento de novos usos.

ANEXO II
Delimitación gráfica do ben e contorna de protección

1. Identificación do ben.

As eiras de mallar do conxunto de valor etnolóxico de Mundín corresponden na actualidade coa localización gráfica definida pola parcela 1219 do polígono 6 do lugar de Maside, cunha superficie aproximada duns 570 m2, con referencia catastral 32046A006012190000GJ. A parte occidental limitada por muros correspondería coa Eira de Arriba ou dos Macarrías e a oriental, coa Eira de Abaixo. O hórreo 1 está localizado cara ao sueste da parcela, no espazo público. Os hórreos 2 a 5 atópanse na Eira de Abaixo, mentres que os restos do hórreo 6 atópanse na Eira de Arriba. Dado que as eiras son contiguas e estremeiras, proponse unha única delimitación, recoñecendo a existencia tradicional de elementos separadores e un uso e titularidade, de ser o caso, diferenciado delas.

Para localizar os elementos emprégase o sistema de coordenadas UTM ETRS89 fuso 29 coa seguinte distribución:

Elemento

Coordenadas UTM ETRS89 fuso 29

X

Y

Eiras de Arriba e de Abaixo

a

580108

4698060

b

580100

4698052

c

580125

4698019

d

580138

4698027

Hórreos

Hórreo 1

580143

4698023

Hórreo 2

580136

4698027

Hórreo 3

580130

4698032

Hórreo 4

580124

4698035

Hórreo 5

580125

4698039

Hórreo 6

580118

4698039

missing image file

2. Contorna de protección.

A contorna de protección deste conxunto está conformado polos predios, edificacións e espazos que rodean este ámbito e desde os cales resultan visibles. Dada a natureza compacta do conxunto, estímase acaído unha contorna limitada aos que resultan estremeiros e inmediatos ás eiras e aos hórreos e camiños públicos que o rodean. Na contorna de protección están incluídas as seguintes parcelas do polígono 6 en Mundín, Garabás, Maside (Ourense): 019, 021, 022, 023, 031, 032, 037, 040, 042, 045, 123, 1133, 1140, 1141, 1142, 1143, 1144, 1240, 1241, 1242, 1244, 1245, 1246, 1247, 1248, 1249 e 1279.

A contorna comeza no cruzamento entre a estrada provincial OU-0405 e a estrada municipal de Mundín, punto A e descende cara ao suroeste ata o vértice suroeste da parcela 123 do polígono seis, punto B, ata o vértice sueste, punto C da mesma parcela. A liña segue o trazado cara ao vértice noroeste da parcela 1133, punto D, e bordea esta e a 1248 polo sur e leste ata o punto E, na estrema sur da parcela 1240. A contorna bordea esta parcela polo linde leste e os mesmos lindes das parcelas 040, 042, 045 ata o punto F na estrema da 045. Desde aquí polas lindes sur da parcela 045 e 1279 ata o punto G. A contorna segue polos lindes leste das parcelas 1279, 1242 e 037 ata o encontro co camiño público no punto H, no cal a liña vira cara ao oeste para encontrar un punto I no vértice sur da parcela 1243. Desde aquí ao punto L no vértice norte da parcela 032, lindeira coa 1243, e segue ata o punto M polos lindes nordeste das parcelas 031, 1245, 1246, 1142, 1143 e 1144.

Desde aquí vira a contorna cara ao suroeste no vértice da parcela 1144 coa 1141 no punto N, que segue polo linde nordeste das parcelas 1141 e 1140 ata a Ñ. Une este punto co O no vértice oeste da parcela 1140, desde a contorna pecha unido ao punto A de orixe.

missing image file

Eiras de Arriba e de Abaixo

Hórreos

Contorna de protección