Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Luns, 18 de setembro de 2017 Páx. 42571

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 87/2017, do 7 de setembro, polo que se regula a estrutura e organización da Oficina Xudicial en Galicia.

A Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, asentou as bases dun novo modelo de Oficina Xudicial, modelo que xorde motivado pola necesidade de modernizar a Administración de xustiza a través dunha reorganización integral centrada na optimización de procesos e de recursos persoais e materiais, así como na incorporación das novas tecnoloxías. Todo isto co obxectivo final de lograr unha organización que facilite unha actuación da xustiza máis áxil, eficaz, transparente e próxima á cidadanía.

Na estrutura da nova Oficina Xudicial, os recursos materiais e humanos, así como as novas funcións dos actuais xulgados e tribunais, reorganízanse ao redor de dous tipos de unidades: as unidades procesuais de apoio directo e os servizos comúns procesuais.

De acordo co disposto no artigo 437 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, as unidades procesuais de apoio directo asisten directamente os xuíces e maxistrados, e correspóndelle ao Ministerio de Xustiza a determinación das súas dotacións básicas, regulación esta que se produce pola Orde JUS/3244/2005, do 18 de outubro, modificada pola Orde JUS/76/2014, do 28 de xaneiro, sen prexuízo de que as comunidades autónomas con competencias asumidas en materia de xustiza poidan establecer maior dotación ca o mínimo establecido.

No caso dos servizos comúns procesuais, o artigo 438.3 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, recoñece a competencia das comunidades autónomas para o deseño, creación e organización dos servizos comúns procesuais, con funcións de rexistro e repartición, actos de comunicación, auxilio xudicial, execución das resolucións xudiciais, xurisdición voluntaria, mediación e ordenación do procedemento.

Os servizos comúns procesuais, que asumen funcións centralizadas de xestión e apoio en actuacións derivadas da aplicación das leis procesuais, son clave para lograr unha organización que posibilite a introdución de métodos de traballo racionais e criterios de xestión homoxéneos, a racionalización dos medios humanos e materiais e a incorporación das novas tecnoloxías, o que contribuirá ao mellor desenvolvemento dos trámites xudiciais. Consonte o artigo 438.5 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, a dirección destes servizos corresponde aos letrados e letradas da Administración de xustiza e, de acordo co punto 4 deste mesmo artigo, os ditos servizos poden estar estruturados en seccións, e estas, se o servizo o require, en equipos.

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, prevé no seu artigo 436.3 un deseño da Oficina Xudicial flexible que, respectando os criterios básicos que recolle a reforma, sexa adaptable ás distintas realidades de cada partido xudicial, polo que establece que a súa dimensión e organización lle corresponden á Administración pública competente, en función da actividade que nela se desenvolva.

A complexidade da reforma da Oficina Xudicial ten particular relevancia en Galicia polo elevado número de partidos xudiciais, a súa dispersión territorial e a súa diferente tipoloxía. Segundo esta tipoloxía e características singulares da planta xudicial galega, o decreto prevé cinco niveis organizativos diferentes: no primeiro nivel encádrase o Tribunal Superior de Xustiza; no segundo, os órganos colexiados e unipersoais das sete cidades galegas; no terceiro, os partidos xudiciais con tres e catro órganos xudiciais; no cuarto, os partidos xudiciais con dous órganos xudiciais; e, finalmente, no quinto nivel, os partidos xudiciais cun único órgano xudicial. Esta estrutura básica, que se establece no anexo do decreto, poderase axustar en función das implantacións que se realicen e das evolucións que se produzan, particularmente en materia tecnolóxica.

O presente decreto fixa a estrutura e organización xeral da Oficina Xudicial e deberá ser completado polas correspondentes ordes de desenvolvemento, que aprobarán a creación dos distintos servizos comúns procesuais en cada partido xudicial e que serán as que concreten a súa estrutura específica, organización xeral e data de entrada en funcionamento.

A dotación do persoal, o desenvolvemento do proceso de ordenación deste e a súa integración na nova organización realizaranse a través das relacións de postos de traballo, que substituirán o antigo sistema de cadros de persoal.

En canto ao funcionamento dos servizos comúns, o artigo 438.7 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, atribúe competencias ao Consello Xeral do Poder Xudicial para establecer criterios xerais que permitan a homoxeneidade nas actuacións dos servizos comúns procesuais da mesma clase en todo o territorio nacional. Xunto con estes criterios, o funcionamento dos servizos comúns virá determinado polas circulares e instrucións do órgano da comunidade autónoma con competencias en materia de xustiza e mais polos protocolos de actuación no procedemento previstos no artigo 8 do Regulamento orgánico do corpo de secretarios xudiciais, aprobado polo Real decreto 1608/2005, do 30 de decembro.

O uso das novas tecnoloxías é un elemento indispensable da modernización da Administración de xustiza, polo que na configuración e desenvolvemento da nova Oficina Xudicial se impulsarán as medidas necesarias para propiciar o seu uso xeneralizado, en liña cos principios recollidos na Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de xustiza.

No marco da política de promoción e normalización lingüística, impulsarase o proceso de incorporar o idioma galego no ámbito das oficinas xudiciais, garantindo os dereitos da cidadanía a poder utilizar calquera das dúas linguas oficiais, castelán e galego, nas súas relacións coa xustiza.

Así mesmo, promoverase e incentivarase a formación especializada en materia de violencia contra a muller, en cumprimento das previsións establecidas no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e mais na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

O presente decreto consta de dezaoito artigos, unha disposición adicional, tres disposicións transitorias e tres disposicións derradeiras.

Os distintos artigos recollen a nova estrutura da Oficina Xudicial e os principios que deben rexer a súa actividade. A disposición adicional única establece a ordenación do persoal a través das correspondentes relacións de postos de traballo. As disposicións transitorias primeira e segunda fan referencia, respectivamente, ao desenvolvemento progresivo da nova estrutura e á situación dos servizos comúns creados con anterioridade. A disposición transitoria terceira refírese ao mantemento das retribucións complementarias fixas do persoal funcionario dos corpos xerais para o caso de imposibilidade de confirmación en postos de similares características aos que desempeñaban antes do proceso de acoplamento á nova estrutura. Nas disposicións derradeiras regúlase a entrada en funcionamento da nova estrutura e a habilitación necesaria para a execución e desenvolvemento deste decreto, así como a súa entrada en vigor. Finalmente, no anexo reflíctese a estrutura territorial prevista.

Neste marco legal, en virtude do traspaso de competencias en materia de medios ao servizo da Administración de xustiza a través dos reais decretos 2166/1994, 2397/1996 e 233/1998, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia determinar a estrutura e organización que terá a Oficina Xudicial no seu ámbito territorial.

O presente decreto foi sometido a negociación colectiva, así como foron informadas a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e mais a Secretaría de Goberno.

Polo exposto, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tras informe do Consello Xeral do Poder Xudicial e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de setembro de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto determinar a estrutura e organización da Oficina Xudicial en Galicia, regulando a creación e principais funcións das unidades que a constitúen.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación comprende todas as oficinas xudiciais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia e mais a Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 3. Configuración da Oficina Xudicial

1. De acordo coa Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, a Oficina Xudicial é a organización de carácter instrumental que serve de soporte e auxilio á actividade xurisdicional de xuíces e tribunais.

2. A súa estrutura básica, homoxénea en todo o territorio nacional, está baseada nos principios de xerarquía, división de funcións e coordinación.

3. O elemento básico da Oficina Xudicial é a unidade e distínguense dous tipos de unidades: as unidades de apoio directo e os servizos comúns procesuais.

CAPÍTULO II
Estrutura da Oficina Xudicial

Artigo 4. Unidades procesuais de apoio directo

1. As unidades procesuais de apoio directo son aquelas unidades da Oficina Xudicial que directamente asisten os xuíces e maxistrados no exercicio das funcións que lles son propias, realizando as actuacións necesarias para o exacto e eficaz cumprimento de cantas resolucións diten estes.

2. Existirán tantas unidades procesuais de apoio directo como xulgados, salas ou seccións dos tribunais estean creados e en funcionamento, e integrarase xunto cos seus titulares o respectivo órgano xudicial.

3. As unidades procesuais de apoio directo contarán cun letrado ou letrada da Administración de xustiza que exercerá as competencias que lle son propias. Por motivos de racionalización do servizo, un mesmo letrado ou letrada da Administración de xustiza poderá actuar en máis dunha destas unidades.

4. Cada unidade contará, ademais, cos postos de traballo necesarios para a atención do órgano de que se trate, de acordo coa orde xurisdicional a que pertenza, o que se determinará nas respectivas relacións de postos de traballo, respectando en todo caso as dotacións básicas que determine o Ministerio de Xustiza.

Artigo 5. Servizos comúns procesuais

1. O servizo común procesual defínese como aquela unidade da Oficina Xudicial que, sen estar integrada nun órgano xudicial concreto, asume labores centralizados de xestión e apoio nas actuacións derivadas da aplicación das leis procesuais.

2. Con carácter xeral, estes servizos prestarán o seu apoio a todos ou a algún dos órganos xudiciais do seu ámbito territorial, con independencia da orde xurisdicional a que pertenzan e da extensión da súa xurisdición.

Artigo 6. Tipoloxía dos servizos comúns procesuais

1. Os servizos comúns procesuais poderán ser dos seguintes tipos:

a) Servizo común procesual xeral.

b) Servizo común procesual de ordenación do procedemento.

c) Servizo común procesual de execución.

Artigo 7. Servizos comúns procesuais xerais

1. Os servizos comúns procesuais xerais asumen funcións centralizadas de xestión e apoio a todas as unidades da Oficina Xudicial do seu ámbito que non estean encomendadas expresamente a outro servizo común procesual.

2. Por razóns da dimensión do partido xudicial, de eficiencia dos procedementos e de optimización de recursos, poderase crear un único servizo común procesual xeral. Neste caso, a unidade procesual de apoio directo asumirá as funcións de execución e ordenación do procedemento.

3. Nos partidos xudiciais de menor tamaño, a estrutura do servizo común procesual xeral poderase constituír a xeito dunha sección común procesual xeral ou a xeito dun ou varios equipos, que asumirán as funcións do servizo común xeral.

4. Os servizos comúns procesuais xerais poderán ampliar o seu ámbito territorial a máis dun partido xudicial, sempre que os medios materiais e, particularmente, os tecnolóxicos o permitan.

5. Segundo a natureza das funcións que asuman, estes servizos comúns poderanse estruturar en seccións, e estas pola súa vez en equipos de traballo.

6. Os servizos comúns procesuais xerais poderán asumir as seguintes funcións:

6.1. Rexistro xeral de entrada.

a) Sen prexuízo da organización do servizo de garda, exercer de portelo único de recepción de demandas, denuncias, querelas, exhortos e recursos presentados electrónica e presencialmente, así como de recepción da correspondencia ordinaria e da demais dirixida ás unidades de apoio directo ou ao resto de servizos comúns.

b) Rexistrar e dixitalizar as solicitudes de cooperación xudicial, nacional e internacional.

c) Recibir e clasificar os escritos.

d) Rexistrar electronicamente e dixitalizar, se corresponde, a documentación presentada, cando a canle utilizada para o efecto sexa a vía presencial.

e) Expedir as dilixencias e cubrir os recibos de presentación de escritos, asuntos e demais documentación que se presenta no servizo.

f) Centralizar, nos casos procedentes, os apoderamentos e comparecencias apud acta que se soliciten no marco das competencias da Oficina Xudicial.

g) Apoiar a garda.

h) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.2. Repartición.

a) Repartir asuntos, exhortos e recursos conforme a normativa e baixo a dependencia regulamentaria.

b) Repartir escritos consonte as normas de repartición vixentes.

c) Repartir as solicitudes de cooperación xudicial.

d) Enviar electronicamente e en papel, cando proceda, a documentación repartida.

e) Custodiar as copias en formato papel correspondentes aos escritos remitidos electronicamente, ata o seu traslado á unidade ou servizo que corresponda.

f) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.3. Estatística xudicial e control de calidade.

a) Xestionar o servizo e confeccionar as estatísticas e controis.

b) Recompilar, xestionar, subministrar e conservar a información estatística solicitada polos órganos competentes, coa súa correspondente clasificación e arquivamento.

c) Elaborar os datos, informes ou memorias estatísticas, así como os indicadores de calidade, que sexan solicitados, como base para a consolidación da información da estatística xudicial.

d) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.4. Actos de comunicación e execución.

a) Recibir e rexistrar as solicitudes de práctica de actos de comunicación procesual non realizados aos avogados/as, procuradores/as e graduados/as sociais, así como os mandamentos de execución de resolucións procesuais.

b) Practicar os actos de comunicación e execución sen restricións en razón da súa clase, número ou orde xurisdicional de procedencia, nos termos que se establezan para cada servizo concreto, salvo aqueles que por disposición legal se deban realizar en presenza xudicial ou ben por calquera outro medio de comunicación.

c) Practicar os actos de comunicación e execución cando sexan pedidos a través de solicitudes de cooperación xudicial, nacional ou internacional, salvo aqueles que se deban realizar en presenza xudicial ou ben por calquera outro medio de comunicación.

d) Acordar e executar cantas actuacións resulten necesarias para levar a efecto os actos de comunicación que se lles encomenden.

e) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.5. Arquivamento e depósito de efectos.

6.5.1. Funcións de arquivo de xestión.

a) Recibir e rexistrar os expedientes e documentos xudiciais remitidos ao arquivo de xestión.

b) Clasificar, arquivar e desarquivar física e electronicamente os expedientes.

c) Etiquetar, organizar e custodiar as carpetas e caixas de arquivo.

d) Colaborar na confección das relacións de expedientes que deban pasar aos arquivos territoriais e á Xunta de Expurgación.

e) Empaquetar e remitir expedientes e documentos aos órganos xudiciais e aos arquivos territoriais.

f) Entregar, para os efectos correspondentes, os expedientes sometidos ao procedemento de expurgación.

g) Administrar as entradas e saídas no arquivo xudicial de xestión.

h) Requirirlle á Oficina Xudicial que decida o destino final dos bens e efectos, cando sexa necesario.

i) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.5.2. Funcións de arquivo territorial.

a) Recibir, rexistrar, clasificar, ordenar e custodiar os documentos e expedientes xudiciais que deban ser conservados nos arquivos territoriais.

b) Remitir os documentos e expedientes solicitados polos órganos xudiciais e servizos comúns.

c) Confeccionar e remitirlle ao órgano competente as relacións de causas, autos e procedementos afectados polo transcurso dos prazos legais de prescrición ou caducidade.

d) Entregar as series, expedientes e documentos determinados pola Xunta de Expurgación.

e) Expedir certificacións e testemuños das actuacións xa concluídas que figuren nos arquivos territoriais non declaradas reservadas ou secretas.

f) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.5.3. Funcións de depósito de efectos.

a) Recibir, rexistrar, fotografar, empaquetar, etiquetar, trasladar, custodiar, remitir e darlles destino ás pezas de convicción, efectos e instrumentos do delito, segundo o resolto polo tribunal.

b) Comunicarlles aos órganos xudiciais correspondentes o rexistro e depósito de efectos e instrumentos do delito e mais de pezas de convicción, para a inclusión dos datos de rexistro no sistema de xestión procesual, con indicación, se é o caso, da referencia e do lugar onde se atopan.

c) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.6. Elaboración e xestión das listaxes de peritos.

a) Xestión das listaxes e sorteos.

b) Realización do sorteo e comunicación ás unidades de apoio directo do resultado das listas, para que procedan ao chamamento e nomeamento do perito designado.

c) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.7. Investigacións de domicilio.

a) Solicitar, realizar e fornecer as consultas que se lles encomenden relativas á investigación de domicilio dos intervenientes, a través dos accesos electrónicos de que se dispoñan en relación con diversos rexistros e organismos públicos.

b) Solicitar a empresas, organismos ou institucións os datos complementarios que se lles encomenden sobre as consultas relativas á investigación de domicilio.

c) Controlar as solicitudes recibidas e realizar o seguimento das pendentes ou en trámite, co fin da súa adecuada e pronta atención.

d) Obter, actualizar e conservar a clave informática ou os elementos de sinatura dixital precisos para o acceso ás bases de datos das administracións públicas e rexistros.

e) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.8. Caixa xudicial.

a) Recibir e rexistrar as resolucións en que se ordene a expedición de mandamentos de pagamento e ordes de transferencia.

b) Verificar a competencia e autenticidade da resolución que ordena o pagamento.

c) Confeccionar e controlar as relacións de encargas recibidas e arquivar a documentación xustificativa da entrega das realizadas na unidade ou servizo ordenante.

d) Acceder á aplicación informática de xestión da conta de depósitos e consignacións.

e) Buscar a conta do expediente dos autos de referencia.

f) Comprobar a concordancia dos datos das partes ou beneficiarios que figuran na resolución con que constan na aplicación, así como a existencia de saldo dispoñible.

g) Elaborar electronicamente o mandamento de pagamento ou orde de transferencia e canalizar o seu retorno á unidade de apoio directo ou servizo común procesual que os ordenou.

h) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.9. Información e asistencia ás vítimas e atención á cidadanía e profesionais.

a) Recibir e acoller os cidadáns que acudan aos órganos xudiciais e facilitarlles a orientación e axuda que precisen.

b) Atender as demandas de información xeral por vía presencial, telefónica ou electrónica, así como por aquelas vías que se poidan habilitar no futuro, na forma e coas garantías previstas no correspondente protocolo de actuación.

c) Responder ás concretas demandas de información sobre condutos legais, procedementos, trámites, requisitos e documentación para as actuacións que o cidadán propoña realizar, tendo en conta que en ningún caso a atención e información facilitada pode entrañar unha interpretación normativa, consideración ou asesoramento xurídico, nin valoración económica ningunha.

d) Xestionar o servizo de cita previa para trámites ante as oficinas xudiciais.

e) Atender os profesionais e cidadanía en xeral que demande información sobre cuestións xerais de rexistro, repartición, sinalamentos, suspensións de procedementos e consultas de similares características.

f) Asistir as vítimas de delitos e delitos leves, facilitándolles información sobre as axudas e medidas de asistencia ás vítimas e orientándoas sobre os servizos sociais e recursos públicos dispoñibles para a súa atención, sen prexuízo do servizo que sexa prestado por oficinas especializadas.

g) Informar as testemuñas e peritos que acudan aos órganos xudiciais dos dereitos que os asisten en materia de indemnizacións polos gastos que a súa comparecencia lles poida ocasionar, facilitándolles os impresos, a súa cubrición e a reclamación dos importes debidos.

h) Coñecer e valorar a satisfacción polo servizo e velar pola boa imaxe do funcionamento e organización dos servizos.

i) Rexistrar e tratar as queixas e suxestións que formulen a cidadanía e os/as profesionais, e remitilas aos órganos competentes para resolver.

j) Colocar, manter e distribuír os carteis, elementos e documentos informativos necesarios.

k) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.10. Auxilio da Oficina Xudicial.

a) Preparar e realizar as xestións precisas para a correcta realización das vistas, xuízos e comparecencias que lles encomenden e, se é o caso, para a súa gravación audiovisual, así como acoller e atender os intervenientes, asistir o tribunal e manter a orde naqueles.

b) Asistir á realización dos xuízos, vistas e comparecencias que lles encomenden e realizar as actuacións auxiliares precisas para o seu desenvolvemento.

c) Preparar e realizar as xestións precisas para a correcta realización das videoconferencias.

d) Producir as copias de soportes audiovisuais e mais de escritos, documentos e expedientes voluminosos.

e) Documentar os soportes das gravacións realizadas a través do sistema de gravación de sala de vistas.

f) Recoller, trasladar e entregar os expedientes, escritos, comunicacións, documentos e obxectos ás correspondentes unidades da Oficina Xudicial, así como á fiscalía, unidades administrativas, Instituto de Medicina Legal e servizos da Administración de xustiza.

g) Preparar, a través de medios manuais ou automatizados, os sobres, os xustificantes de recepción, as listaxes e os paquetes para entrega do servizo de Correos.

h) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.11. Apoio local.

Adscribir o persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza á prestación de servizos nas oficinas xudiciais da localidade, co fin de lles proporcionar apoio en situacións de sobrecarga de traballo ou de suplir as ausencias temporais.

6.12. Apoio a labores gobernativos.

Os servizos comúns procesuais xerais poderán prestar apoio ás presidencias dos tribunais e aos decanatos dos xulgados das cidades para soporte burocrático da actividade gobernativa dos seus titulares. As funcións de apoio comprenden:

a) Xestionar a incoación e tramitación de expedientes gobernativos e administrativos da unidade.

b) Realizar comunicacións recibidas ou emitidas polo/a xuíz/a decano/a ou pola persoa que desempeñe a Presidencia da Audiencia Provincial ou do Tribunal Superior de Xustiza.

c) Apoiar nos labores de protocolo derivados do cargo de xuíz decano e/ou presidente da Audiencia Provincial ou do Tribunal Superior de Xustiza.

d) Xestionar e tramitar os chamamentos de xuíces ou xuízas substitutos/as ou maxistrados/as da Audiencia Provincial ou do Tribunal Superior de Xustiza.

e) Xestionar os procedementos de convocatoria da Xunta de Xuíces, así como os acordos adoptados na dita xunta.

f) Xestionar as medidas urxentes adoptadas en asuntos non repartidos, de competencia do decanato.

g) Xestionar e levar axendas, transcribir documentos e organizar e preparar viaxes.

h) Xestionar o proceso de selección e designación de persoas candidatas a xurados, de acordo coas instrucións da persoa que exerza a dirección do servizo común.

i) Atender o teléfono, fax, correo electrónico, sistemas de xestión procesual e outras aplicacións informáticas.

j) Realizar os estudos, memorias e informes relacionados coas características e execución das súas funcións que lles sexan solicitados.

k) Calquera outra función análoga ás anteriores.

6.13. Mediación intraxudicial.

a) Coordinar e supervisar a documentación e tramitación procesual, rexistrando as derivacións dos xulgados que se produzan, xestionando a axenda e supervisando a asignación dos mediadores ou mediadoras.

b) Apoiar os mediadores ou mediadoras na elaboración da documentación e das actas das sesións informativas e de mediación, realizando todos os trámites que permitan instrumentar a mediación.

c) Facilitar no proceso de mediación a localización das partes e a comunicación con elas, así como levar a cabo aqueles outros actos de comunicación necesarios para o desenvolvemento da mediación, se for preciso.

d) Controlar a calidade e supervisar o desenvolvemento das distintas sesións informativas e de mediación, e elaborar os protocolos de derivación ou os manuais de procesos necesarios para o adecuado funcionamento da mediación.

e) Calquera outra función análoga ás anteriores.

7. Ademais da relación de funcións previstas nos puntos anteriores, os servizos comúns procesuais xerais poderán asumir calquera outra función análoga ás anteriores que se conteña na correspondente orde de creación, así como na restante normativa que resulte de aplicación. De igual xeito, asumirán calquera outra función que poida xurdir como consecuencia de reformas da lexislación procesual e substantiva ou dos avances tecnolóxicos.

Artigo 8. Servizos comúns procesuais de ordenación do procedemento

1. Os servizos comúns procesuais de ordenación do procedemento asumen funcións centralizadas de tramitación e impulso dos procedementos en todas aquelas actuacións en que non resulte imprescindible a intervención do/a xuíz/a ou maxistrado/a e que non estean encomendadas expresamente a outro servizo común procesual.

2. Os servizos comúns procesuais de ordenación do procedemento poderán asumir as seguintes funcións:

a) Comprobar os requisitos e sanear os defectos previos á admisión ou inadmisión dos escritos iniciadores do procedemento.

b) Xestionar e tramitar o procedemento en fase declarativa.

c) Xestionar e tramitar os recursos.

d) Xestionar a axenda de sinalamentos dos xuízos, vistas e comparecencias a través do programa informático, tendo en conta os criterios existentes e a duración estimada dos correspondentes actos que vaia sinalar a persoa titular do órgano xudicial ou a presidencia da sala ou sección nos tribunais.

e) Realizar os trámites necesarios para lle dar curso á práctica das probas.

f) Realizar as actuacións que sexan precisas con outras administracións e rexistros públicos para a investigación patrimonial ou semellantes.

g) Colaborar coas unidades procesuais de apoio directo na prestación do servizo de garda.

h) Tramitar e resolver os asuntos de xurisdición voluntaria que as leis lles atribúan aos letrados e letradas da Administración de xustiza e realizar os actos de conciliación que lles correspondan.

i) No ámbito mercantil, e con relación aos procedementos concursais, a ordenación do procedemento estenderase á fase de liquidación do concurso contida na normativa concursal.

j) No ámbito xurisdicional de vixilancia penitenciaria, a ordenación do procedemento estenderase ata a finalización do procedemento e o seu arquivamento.

k) Asumirán, así mesmo, calquera outra función de trámite do procedemento que as leis non atribúan expresamente aos membros da carreira xudicial e que se conteñan na correspondente orde de creación, sempre que sexan conformes coa natureza do servizo común procesual de ordenación do procedemento, así como as demais previstas na normativa que resulte de aplicación.

l) Calquera outra función análoga ás anteriores.

3. Os servizos comúns procesuais de ordenación do procedemento poderanse organizar en seccións, correspondentes ás distintas ordes xurisdicionais, cando a carga e a organización do traballo da Oficina Xudicial así o requira.

4. Naqueles partidos xudiciais en que, debido ao número de órganos xudiciais ou á carga de traballo, se considere necesario, poderá haber diferentes servizos comúns de ordenación do procedemento por tipo de xurisdición ou por clase de órgano xudicial.

5. Nos partidos xudiciais en que, por razóns de eficacia e eficiencia, non sexa conveniente a creación dun servizo común procesual de ordenación do procedemento, estas funcións serán asumidas polas correspondentes unidades de apoio directo.

Artigo 9. Servizos comúns procesuais de execución

1. Os servizos comúns procesuais de execución asumen as funcións de execución das resolucións xudiciais que, de acordo coas leis procesuais, non requiran dunha intervención xudicial directa.

2. Estes servizos encargaranse de tramitar as execucións de calquera tipo desde que se dita a resolución xeral que ordena a execución ata a súa terminación, e poderán asumir as seguintes funcións:

2.1. Orde xurisdicional penal e xulgados de menores.

a) Tramitar mandamentos de prisión ou, se for o caso, ordes de busca e detención.

b) Tramitar as medidas de internamento de menores.

c) Tramitar a suspensión condicional, a pena ou o indulto.

d) Realizar os trámites necesarios para levar a efecto a liquidación de condenas e a substitución de penas.

e) Investigar o patrimonio, os embargos e as poxas.

f) Tramitar a retención de permisos oficiais e xestionar as comunicacións posteriores.

g) Efectuar as comunicacións ao rexistro de penados, ao censo electoral, a tráfico ou a outros.

h) Calquera outra función análoga ás anteriores.

2.2. Resto de ordes xurisdicionais.

a) Tramitar e resolver incidentes que haxa que emendar derivados da revisión da demanda por parte do/da xuíz/a, así como as cuestións procesuais previas antes da admisión.

b) Conducir a xestión da solicitude inicial da execución provisional.

c) Corrixir as incidencias procesuais.

d) Investigar o patrimonio, os embargos e as poxas.

e) Realizar os trámites necesarios para a adopción de medidas alternativas á poxa xudicial nos supostos de execucións non pecuniarias; e se se desatendeu o requirimento, levar a cabo, por instancia do executante, as actuacións procedentes.

f) Realizar outras xestións comúns a varias unidades xudiciais que, presentando un contido funcional análogo a algunhas das anteriores, poidan xurdir no futuro como consecuencia de reformas da lexislación procesual e substantiva, así como calquera outra que veña determinada polos avances tecnolóxicos.

g) Asumir, así mesmo, calquera outra función de trámite das execucións dos procedementos que as leis non atribúan expresamente aos membros da carreira xudicial e que se conteñan na correspondente orde de creación, sempre que sexan conformes coa natureza do servizo común procesual de ordenación do procedemento, así como as demais previstas na normativa que resulte de aplicación.

h) Calquera outra función análoga ás anteriores.

3. Os servizos comúns procesuais de execución poderanse organizar en seccións cando a carga e a organización do traballo da Oficina Xudicial así o requira.

4. Naqueles partidos xudiciais en que, debido ao número de órganos xudiciais ou á carga de traballo, se considere necesario, as funcións do servizo común procesual de execución serán asumidas polas unidades de apoio directo.

CAPÍTULO III
Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza

Artigo 10. Estrutura e organización da Secretaría de Goberno

1. A Secretaría de Goberno constitúese como un centro de destino do persoal ao servizo da Administración de xustiza que ten como función dar soporte e apoio á realización das funcións da Presidencia, Sala de Goberno e persoa titular da Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza, así como das secretarías de coordinación provincial.

2. O persoal destinado na Secretaría de Goberno realizará as funcións que lle son propias baixo a superior dirección da persoa titular da Secretaría de Goberno.

3. Na correspondente relación de postos de traballo poderanse incluír prazas cuxo centro de traballo estea nas secretarías de coordinación provincial. O persoal que ocupe estas prazas exercerá as súas funcións baixo a dirección da persoa titular da secretaría de coordinación provincial correspondente.

CAPÍTULO IV
Disposicións comúns

Artigo 11. Dotación dos servizos comúns procesuais

1. Á fronte de cada servizo común procesual haberá un letrado ou letrada da Administración de xustiza que, na súa calidade de director ou directora, exercerá funcións de dirección e organización da carga de traballo, así como todas aquelas previstas na Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, nas leis procesuais, no Real decreto 1608/2005, do 30 de decembro, que aproba o Regulamento orgánico do corpo de secretarios xudiciais e na demais normativa complementaria.

2. En función das características e necesidades específicas de cada partido xudicial, os servizos comúns procesuais pódense estruturar en seccións e estas, se é o caso, en equipos, que poderán ser desempeñadas por persoal funcionario pertencente ao corpo de letrados da Administración de xustiza e aos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza, segundo se determine nas correspondentes relacións de postos de traballo.

3. O persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza dependerá organicamente da dirección xeral competente en materia de xustiza en Galicia e funcionalmente do letrado ou letrada da Administración de xustiza que exerza a dirección do servizo común correspondente.

4. Os postos de traballo dos servizos comúns procesuais poderanse distribuír entre os edificios xudiciais dos tribunais e xulgados de cada localidade.

5. Consonte o previsto no artigo 521.3.a) da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, considérase centro de destino do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza o servizo común procesual a que quede adscrito.

Artigo 12. Organización e funcionamento dos servizos comúns procesuais

1. Dentro do marco da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, dos regulamentos que a desenvolven, das leis procesuais, das normas organizativas establecidas pola Administración autonómica e dos criterios xerais aprobados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, a organización e funcionamento da actividade diaria dos servizos comúns procesuais regularanse a través dos protocolos de actuación que, para cada área de actividade, sexan aprobados polos órganos competentes do corpo de letrados da Administración de xustiza.

Os protocolos de actuación terán en conta, en todo caso, e adaptaranse ao deseño e organización dos servizos comúns procesuais establecidos pola Administración autonómica, así como ás funcións asignadas a cada un dos postos nas relacións de postos de traballo.

2. A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de xustiza, no exercicio das competencias que a comunidade autónoma ten en materia de xustiza respecto aos medios persoais e materiais, poderá aprobar instrucións ou circulares coa finalidade de concretar, no marco das funcións xerais que a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, atribúe aos diferentes corpos do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, as tarefas que dentro de cada área de actividade debe desenvolver este persoal, sen prexuízo das funcións de dirección técnico-procesual que lles corresponden aos letrados e letradas da Administración de xustiza e dos protocolos de actuación no procedemento que se diten no exercicio destas funcións, así como tamén sobre a utilización dos medios informáticos e outros medios materiais, sen prexuízo das competencias atribuídas á axencia pública autonómica que ten por obxecto a definición, desenvolvemento e execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia relativa a tecnoloxías da información e comunicación.

Artigo 13. Estrutura e creación dos servizos comúns

1. Os servizos comúns procesuais que se constitúan nos diferentes partidos xudiciais serán determinados mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de xustiza, atendendo á planta xudicial, aos medios persoais e materiais, á carga obxectiva de traballo e ás características do partido xudicial.

A orde de creación concretará o ámbito territorial e as funcións que deberán asumir os ditos servizos, sen prexuízo de que estas se poidan modificar de forma gradual e progresiva, segundo as necesidades de cada partido xudicial.

2. Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, no anexo deste decreto reflíctese a estrutura territorial prevista. Este anexo poderá ser modificado por orde da persoa titular da consellería competente en materia de xustiza para adaptalo ás necesidades organizativas e funcionais que xurdan.

Artigo 14. Coordinación coa Oficina Fiscal e co Instituto de Medicina Legal de Galicia

Promoverase a coordinación de actuacións coa Oficina Fiscal e co Instituto de Medicina Legal de Galicia, e impulsaranse particularmente os mecanismos de interoperabilidade informática e o aproveitamento dos recursos.

Artigo 15. Utilización das novas tecnoloxías

1. O uso dos medios e sistemas informáticos postos á disposición da Administración de xustiza en Galicia terá carácter obrigatorio na actividade dos servizos regulados neste decreto, de acordo coa normativa vixente e coas instrucións que diten os órganos competentes.

2. Estes medios empregaranse con carácter preferente nas relacións coa cidadanía e profesionais, así como co resto das administracións e organismos públicos.

Artigo 16. Igualdade de xénero

Os principios de igualdade de xénero deberán ser tidos en conta no funcionamento da Oficina Xudicial, en cumprimento das previsións establecidas no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e mais na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención integral da violencia de xénero.

Artigo 17. Promoción do uso do galego

Garantirase o dereito da cidadanía e traballadores/as a poderen empregar o galego na súa relación coa Administración de xustiza. Con esta finalidade potenciarase e promoverase o uso do galego no ámbito de actuación dos servizos comúns procesuais en Galicia, tanto mediante a posta á disposición dos recursos técnicos necesarios coma con outras medidas de difusión, sensibilización ou promoción profesional.

Artigo 18. Sistema de xestión de calidade

1. A organización dos servizos comúns procesuais estará suxeita a un sistema de xestión de calidade, de tal xeito que se implante unha sistemática de traballo homoxénea que optimice os recursos dispoñibles e incremente a eficacia dos servizos prestados.

2. O sistema de xestión de calidade planificará e medirá o cumprimento de obxectivos, analizará as disfuncións e facilitará a adopción de medidas para o mellor funcionamento dos servizos.

Disposición adicional única. Ordenación do persoal

1. A ordenación do persoal dos corpos xerais da Administración de xustiza realizarase a través das correspondentes relacións de postos de traballo.

2. Mentres non se aproben as relacións de postos de traballo e se produzan os correspondentes procesos de acoplamento e nomeamento nos novos postos de traballo, o persoal ao servizo da Administración de xustiza continuará prestando servizos nos seus actuais destinos, coas retribucións que lle correspondan.

3. As relacións de postos de traballo serán públicas e o proceso de acoplamento do persoal realizarase de acordo co previsto na disposición transitoria cuarta da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, conforme a redacción dada a esta pola Lei orgánica 1/2009, do 3 de novembro.

4. O proceso de acoplamento do persoal á nova estrutura irá acompañado de accións formativas.

Disposición transitoria primeira. Desenvolvemento da estrutura organizativa

A implantación do novo modelo organizativo da Oficina Xudicial previsto neste decreto realizarase de forma progresiva, segundo o permitan as dispoñibilidades organizativas, técnicas e orzamentarias.

Disposición transitoria segunda. Servizos comúns creados con anterioridade

1. Os servizos comúns creados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto quedarán suprimidos a medida que se poñan en funcionamento os previstos nel.

2. O persoal destes servizos quedará adscrito provisionalmente aos postos que ocupaba neles ata que finalice o correspondente proceso de acoplamento e nomeamento nos novos postos de traballo.

Disposición transitoria terceira. Mantemento de retribucións

1. Se con ocasión do proceso de acoplamento, o persoal funcionario dos corpos xerais do persoal ao servizo da Administración de xustiza non pode ser confirmado en postos de similares características e pasa a desempeñar un posto de traballo xenérico con retribucións complementarias fixas inferiores, manteranse as retribucións complementarias fixas que perciba no momento da implantación da nova organización.

2. O mantemento destas retribucións non poderá ser obxecto de compensación nin absorción e continuará mentres non se produza un cambio de posto de traballo voluntario.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Entrada en funcionamento

A entrada en funcionamento das distintas unidades previstas neste decreto determinarase por resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de xustiza.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

1. Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza a ditar cantas disposicións normativas sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do disposto neste decreto, incluída a modificación da estrutura prevista no anexo.

2. Corresponderalle á persoa titular da dirección xeral competente en materia de xustiza adoptar os actos e resolucións necesarios para aplicar cantas disposicións se diten en materia de oficina xudicial.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de setembro de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estrutura territorial prevista

A Oficina Xudicial en Galicia estrutúrase nos seguintes niveis:

Nivel I. Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Os servizos comúns procesuais poderanse estruturar en:

1. Servizo Común Procesual Xeral.

2. Servizo Común Procesual de Ordenación do Procedemento.

3. Servizo Común de Execución.

Nivel II. Cidades

1. Neste nivel encádranse os partidos xudiciais das cidades da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

2. Os servizos comúns procesuais asumirán as funcións que lles correspondan respecto de todos os órganos xudiciais con sede no partido correspondente e poderanse estruturar en:

a) Servizo Común Procesual Xeral. Este servizo común poderase estruturar nas seguintes seccións: Recepción, Rexistro e Repartición, e Estatística; Actos de Comunicación e Auxilio Xudicial; e outros servizos.

b) Servizo Común Procesual de Ordenación do Procedemento. Este servizo poderase estruturar nas seguintes seccións: Sección de Civil, Contencioso-Administrativo e Social; Sección de Penal; e Sección de Audiencia Provincial.

c) Servizo Común de Execución. Este servizo común poderase estruturar nas seguintes seccións: Sección de Civil, Contencioso-Administrativo e Social; Sección de Penal; e Sección de Audiencia Provincial.

3. A creación do Servizo Común Procesual de Ordenación do Procedemento avaliarase para cada caso concreto tendo en conta a dimensión do partido xudicial, a localización e distribución das súas sedes e as ferramentas tecnolóxicas.

Nivel III. Partidos xudiciais con tres e catro órganos xudiciais

1. Neste nivel encádranse nove partidos xudiciais, correspondentes ás vilas de Carballo, Ribeira, Cangas, O Porriño, Vilagarcía de Arousa, Ponteareas e Tui, con tres órganos; e Betanzos e Cambados, con catro.

2. Os servizos comúns procesuais asumirán as funcións que lles correspondan respecto de todos os órganos xudiciais con sede no partido correspondente e poderanse estruturar nun servizo común procesual xeral.

3. As funcións do Servizo Común Procesual de Ordenación do Procedemento e, segundo o caso, do Servizo Común Procesual de Execución manteranse nas unidades procesuais de apoio directo.

Nivel IV. Partidos xudiciais con dous órganos xudiciais

1. Neste nivel encádranse dezaseis partidos xudiciais: Noia, Corcubión, Ordes, Padrón, Viveiro, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Vilalba, O Barco de Valdeorras, Verín, O Carballiño, Lalín, Marín, A Estrada, Caldas de Reis e Redondela.

2. Nestes partidos xudiciais existirá un único servizo común procesual xeral, que prestará servizo a todos os órganos do partido xudicial.

Nivel V. Partidos xudiciais cun único órgano xudicial

1. Neste nivel encádranse trece partidos xudiciais: Arzúa, Negreira, Ortigueira, Muros, Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Sarria, Bande, Ribadavia, Xinzo de Limia, Celanova e A Pobra de Trives.

2. Nestes partidos xudiciais poderanse constituír equipos para o apoio da actividade procesual e para o soporte xeral.