Con data do 6 de setembro de 2017, por resolución da Axencia Galega de Infraestruturas, aprobáronse provisionalmente os estudos de ordenación da delimitación dos treitos urbanos que se mencionan. Estes estudos teñen por obxecto a identificación e recoñecemento dos treitos urbanos nos solos clasificados como solo de núcleo rural, que forman parte da Rede autonómica de estradas de Galicia, para aplicarlles o réxime especial de protección do dominio público viario que se prevé para eles nos artigos 23.3 e 38.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia. Este réxime especial consiste fundamentalmente en que a ordenación detallada das marxes da estrada, para construcións, instalacións ou edificacións nos treitos urbanos, se regulará só polo correspondente instrumento de planeamento urbanístico.
Simultaneamente co anterior, e para unha correcta ordenación das marxes da estrada, é preciso adaptar a normativa urbanística ás prescricións introducidas polo artigo 135 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia, que regula a posición e tipoloxía de peches permitidos nas marxes das estradas autonómicas.
Por todo isto, de conformidade co disposto no artigo 63 do Decreto 66/2016 antes mencionado, sométense a información pública os estudos de ordenación da delimitación de treitos urbanos de solo de núcleo rural na Rede autonómica de estradas de Galicia dos seguintes concellos da provincia de Ourense: Allariz (GA/17/047.09.3.1), A Arnoia (GA/17/047.09.3.2), Avión (GA/17/047.09.3.3), O Barco de Valdeorras (GA/17/047.09.3.4), Beade (GA/17/047.09.3.5), Boborás (GA/17/047.09.3.6), Calvos de Randín (GA/17/047.09.3.7), Carballeda de Avia (GA/17/047.09.3.8), Cartelle (GA/17/047.09.3.9), Castrelo do Val (GA/17/047.09.3.10), Cortegada (GA/17/047.09.3.11), Esgos (GA/17/047.09.3.12), Gomesende (GA/17/047.09.3.13), Laza (GA/17/047.09.3.14), Leiro (GA/17/047.09.3.15), Muíños (GA/17/047.09.3.16), Petín (GA/17/047.09.3.17), Pontedeva (GA/17/047.09.3.18), Rairiz de Veiga (GA/17/047.09.3.19), Riós (GA/17/047.09.3.20), San Cibrao das Viñas (GA/17/047.09.3.21), Sandiás (GA/17/047.09.3.22), Taboadela (GA/17/047.09.3.23), A Teixeira (GA/17/047.09.3.24), Vilamarín (GA/17/047.09.3.25), Vilar de Barrio (GA/17/047.09.3.26), Vilar de Santos (GA/17/047.09.3.27), Vilardevós (GA/17/047.09.3.28) e Xunqueira de Espadanedo (GA/17/047.09.3.29).
Simultaneamente, e para incorporar na normativa urbanística a ordenación dos peches nos treitos anteriores, os documentos sométense tamén a información pública para os efectos do artigo 23.1 da Lei 8/2013, antes mencionada, que establece que os estudos e proxectos sometidos ao trámite de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.
A duración da información pública será de trinta días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, período en que os estudos poderán ser examinados polas persoas que o desexen, co obxecto de formularen as alegacións que consideren oportunas, que deberán versar sobre a xustificación do establecemento da liña límite de edificación na forma proposta no expediente, así como dos usos permitidos entre a estrada e a liña límite de edificación.
A exposición ao público, para os efectos do presente anuncio, realízase na Axencia Galega de Infraestruturas (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela) e nas respectivas casas dos concellos antes relacionados. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda (http://civ.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CIV_Axencia_Galega_de_Infraestruturas), atópase á disposición dos interesados o documento completo de cada un dos estudos referidos.
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2017
Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas