Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Luns, 4 de setembro de 2017 Páx. 41609

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Coruña

ANUNCIO de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal da Coruña, na praza de José Toubes Pego (expediente 631/2014/187).

En cumprimento do disposto no artigo 82.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da lei anterior, infórmase que o Pleno municipal, na sesión que tivo lugar o 28 de xullo de 2017, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o documento denominado Modificación puntual do PXOM 2013 na praza de José Toubes Pego, para a previsión dunha parcela de equipamento público. Novembro 2016, redactado polos técnicos e xurídicos municipais.

Segundo. Ordenar a dilixencia do documento co selo de aprobación definitiva.

Terceiro. Realizar os trámites previstos nos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do solo de Galicia; artigos 199 e 212 do Decreto 143/2016, regulamento para o desenvolvemento da lei anterior; e na Orde do 10 de marzo de 2017, pola que se establecen os modelos normalizados de solicitudes para a inscrición de datos no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, na procura da entrada en vigor do documento aprobado.

Cuarto. Notificar este acordo ás áreas de Infraestruturas e Urbanismo, servizos de Licenzas e Disciplina Urbanística, Xestión do Solo, Edificación, servizos xerais de Urbanismo e Oficina dos SIX municipais».

Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente:

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental remitiu a Decisión do 18 de setembro de 2014 de non sometemento a avaliación ambiental estratéxica, na cal se conclúe que coa modificación puntual non se prevén efectos ambientais significativos, polo que non é necesario sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. Non obstante o anterior, na decisión sinálase a necesidade de dar cumprimento ás observacións realizadas pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e achegouse contestación á consulta, formulada polo Instituto de Estudos do Territorio.

As observacións formuladas por ambas as dúas administracións incorpóranse nos números 2.2 e 2.3 do documento da modificación aprobada.

O contido íntegro da modificación puntual do PXOM aprobada poderase consultar no enderezo electrónico www.coruna.gal/urbanismo, na epígrafe “planeamiento/planeamiento vigente”, ou ben, desde a mesma web, a través do Visor Estado Desarrollo PGOM 2013.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (artigo 84.1 da Lei do solo de Galicia e artigo 201.1 do regulamento de desenvolvemento da citada lei) no prazo de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

A Coruña, 4 de agosto de 2017

O alcalde
P.D. (Decreto do 15.6.2015)
Xiao Varela Gómez
Tenente alcalde responsable da Área de Rexeneración Urbana
e Dereito á Vivenda