Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 18 de agosto de 2017 Páx. 39793

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de interventor adxunto do Concello de Vigo, entre funcionarios con habilitación de carácter nacional.

O Concello de Vigo solicitou, tras a tramitación do oportuno expediente ao abeiro do disposto no artigo 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, e no artigo 37 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, á Dirección Xeral de Administración Local a publicación da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de interventor adxunto, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional nos seguintes termos:

O xefe do Servizo de Réxime Xurídico e Xestión de Funcionarios con Habilitación Nacional, tendo en conta a normativa aplicable (Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, en virtude do mandato recollido na disposición transitoria VII da Lei 27/2013, do 27 de decembro, así como polo Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter nacional), tras o exame da solicitude emitiu o correspondente informe proposta que conta co visto e prace da subdirectora de Réxime Xurídico Local, favorable á publicación da convocatoria solicitada.

Con base no informe proposta sinalado e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e o artigo 1.6 da Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias (DOG núm. 92, do 15 maio)

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases da convocatoria que figuran como anexo a esta resolución, para a provisión polo sistema de libre designación, do posto de interventor adxunto, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional co seguinte extracto:

Concello: Vigo.

Posto: interventor adxunto.

Subescala: intervención-tesouraría.

Categoría: superior.

Forma provisión: libre designación.

Nivel complemento destino: 30

Complemento específico: 42.102,76 €/anuais.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran adxuntas.

Segundo. Publicar esta resolución no DOG e remitir a publicación á Dirección Xeral de Función Pública para os efectos da súa publicación no BOE.

Terceiro. A presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá impugnarse directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá tamén potestativamente interpoñerse recurso de reposición ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, AAPP e Xustiza no prazo dun mes contado desde a mesma data, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 26 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Primeira. Posto e requisitos

O posto de traballo obxecto da convocatoria é o de interventor/a adxunto/a, código 140.02 da vixente relación de postos de traballo do Concello de Vigo, clase primeira, categoría superior, pertencente á subescala de intervención-tesouraría da escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O posto de traballo está dotado co nivel 30 de complemento de destino e un complemento específico código 2, segundo a relación de postos de traballo do Concello de Vigo (V. BOP nº 220, do martes 16 de novembro de 2010) que se concreta nun importe anual bruto de 42.102,76 euros/anuais.

Establécense como titulacións exixidas para o desempeño do posto ofertado as seguintes:

– Licenciado/a en dereito ou equivalente (código 6).

– Licenciado/a en Ciencias Económicas ou Empresariais ou equivalente (código 8).

– As titulacións previstas no artigo 22 do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, de tal forma que se admitirán á participación na presente convocatoria aos funcionarios/as de carreira de Administración local, subgrupo A1, integrados na escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, coas titulacións que a lexislación vixente recoñece e permite para o desempeño de postos de traballo pertencentes á escala e subescala indicadas.

Conforme establece a disposición transitoria 1ª, número 2, do Real decreto 1174/1987, do 18 de setembro, polo que se regula o réxime jurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, poderán participar, así mesmo, os funcionarios pertencentes aos corpos e escalas extinguidos que non resultaren integrados nas subescalas en que, conforme o indicado real decreto, se estrutura a habilitación de carácter nacional a que se refire a Lei 7/1985, do 2 de abril, estando habilitados para desempeñar postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional conforme as seguintes normas: os depositarios, en iguais condicións que os funcionarios integrados na subescala de intervención-tesouraría, categoría superior, pero unicamente para postos de Intervención.

Segunda. Participación

O posto de traballo obxecto de provisión con carácter definitivo poderá ser solicitado polos funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala e categoría a que pertence o posto.

Non poderán concorrer a esta convocatoria os funcionarios que se encontren comprendidos nos supostos a), b) e c) que sinala o artigo 18, número 3, do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo da Administración local reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, e que son os seguintes:

a) Os funcionarios inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorrese o tempo sinalado nelas.

b) Os funcionarios destituídos a que se refire o artigo 148.5 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, durante o período a que se estenda a destitución.

c) Os funcionarios que estean nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 29.3. c) e d) da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, se non transcorrese o prazo de dous anos desde que pasaron a elas.

Terceira. Presentación de solicitudes, documentación e prazos

Para os efectos de tomar parte na convocatoria os/as aspirantes deberán presentar a seguinte documentación:

1. Solicitude dirixida ao concelleiro-delegado da Área de Xestión Municipal do Concello de Vigo, Área de Recursos Humanos e Formación, solicitando tomar parte na convocatoria, segundo modelo normalizado xenérico dispoñible na web municipal www.vigo.org, na sede electrónica ou no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, á cal deberá xuntarase declaración xurada de non estar incurso nalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo.

2. Documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos na base primeira.

3. Curriculum vitae no cal figuren:

a) Titulación académica.

b) Acreditación da condición de funcionario/a de Administración local con habilitación de carácter nacional.

c) Anos de servizo.

d) Postos de traballo desempeñados nas administracións públicas.

e) Acreditación do coñecemento de lingua galega segundo decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, debendo presentar para tal efecto documento acreditativo da posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

f) Estudos, cursos, formación e especialización realizados.

g) Calquera outro mérito que consideren oportuno salientar en relación coas funcións atribuídas ao posto solicitado, pertencente a un municipio de gran poboación nos termos do establecido na Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do Goberno local, para o cal presentará a documentación fidedigna acreditativa dos aspectos indicados.

4. No suposto de achega e acreditación de grao persoal consolidado, este deberá estar formalmente recoñecido e deberá presentarse a correspondente resolución administrativa ditada para tales efectos.

A documentación indicada acreditarase coa presentación de orixinais ou fotocopias compulsadas dela.

Os/as interesados/as dirixirán as solicitudes e documentación complementaria ao órgano e servizo indicado dentro dos 15 días naturais seguintes ao da publicación da resolución de convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

Os requisitos exixidos nas presentes bases, así como os requisitos e experiencia alegados, deberán reunirse na data de finalización do prazo para tomar parte na convocatoria.

Poderase solicitar dos participantes na convocatoria aclaracións ou documentación adicional, cando da presentada non resulten suficientemente acreditados os datos alegados en relación cos requisitos exixidos. Igualmente, os/as participantes poderán ser citados/as a unha comparecencia para os efectos de explicitar aspectos determinados da súa carreira profesional.

Cuarta. Resolución

O órgano municipal competente procederá, se é o caso, e logo da constatación dos requisitos exixidos na convocatoria, a ditar a resolución correspondente no prazo dun mes, dando conta ao Pleno da Corporación e traslado daquela ao órgano competente da Comunidade Autónoma e á Dirección Xeral para a Administración Local (Dirección Xeral de Función Pública) para a anotación e publicación conxunta no Boletín Oficial del Estado.

A dita resolución deberá ser motivada, con referencia ao cumprimento, por parte do/da aspirante elixido/a, dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria e da competencia para proceder ao nomeamento. O posto deberá ser adxudicado entre os/as candidatos/as que reúnan os requisitos exixidos a convocatoria. En todo caso, deberá quedar acreditada no procedemento, como fundamento da resolución adoptada, a observancia do procedemento debido.

Quinta. Toma de posesión

O prazo de toma de posesión no novo destino será de tres días hábiles, se se trata de postos de traballo da mesma localidade, ou dun mes, si se trata de primeiro destino ou de postos de traballo en localidade distinta.

O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do procedemento no Boletín Oficial del Estado.

No caso de que a resolución comportase o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde dita publicación.

Sexta. Impugnación

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ou ben recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo no prazo dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación ou publicación do acto administrativo que poña fin á vía administrativa, nos supostos, termos e condicións do disposto nos artigos 8, 25 e 46 da Lei 29/1198, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.