Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2017 Páx. 38388

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol

EDICTO (F02 202/2017).

No procedemento de referencia ditouse sentenza do teor literal seguinte:

Sentenza: 166/2017

Sentenza

Ferrol, 8 de xuño de 2017.

Vistos os autos de garda e custodia nº 202/2017 por Montserrat Matos Salgado, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol, seguidos por instancia de Paula Andrea Ceballos Quiroz, que actúa representada polo procurador Sr. Pedreira Espiñeira e asistida pola letrada Sra. Álvarez Villaverde, contra Víctor León Mejía Giraldo, en situación de rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal.

Antecedentes de feito

Primeiro. O procurador Sr. Pedreira Espiñeira, na representación indicada, presentou demanda de medidas definitivas sobre garda e custodia, con data do 15.3.2017, en que, despois de expor os restantes feitos e os fundamentos de dereito que considerou de aplicación, terminou solicitando que se atribúa a patria potestade e a garda e custodia á nai, que se estableza un réxime de visitas que consista en favorecer o contacto telefónico entre a menor e o seu pai, ao residir este en Colombia e sempre que for localizado, e a permanecer a menor no domicilio do pai se viaxa a Colombia, e a facilitar o contacto se for o pai o que viaxa a España. Solicítase que se fixe a cantidade de 100 euros mensuais en concepto de alimentos, que deberá aboar o pai en favor da súa filla Stefanía, e que os gastos extraordinarios sexan aboados por metade por ambos os proxenitores.

Esta demanda, admitida a trámite polo Decreto do 16.3.2017, foi contestada o 15.5.2017 polo Ministerio Fiscal.

O demandado non compareceu ao emprazamento, polo que foi declarado en situación de rebeldía procesual na dilixencia de ordenación do 16.5.2017.

Segundo. Ao ser solicitada pola demandante a incoación de peza de medidas provisionais coetáneas, adoptáronse en virtude do Auto 108/2017, do 28.4.2017, esencialmente co seguinte contido: patria potestade e garda e custodia da menor para a nai, réxime de visitas consistente en favorecer o contacto telefónico entre a menor e o seu pai, ao residir este en Colombia e sempre que for localizado, e a permanecer a menor no domicilio do pai se viaxa a Colombia e facilitar o contacto se for o pai o que viaxa a España, pensión alimenticia a favor da menor de 100 euros mensuais e 50 % dos gastos extraordinarios.

Terceiro. No acto da vista que tivo lugar o 6.6.2017, unha vez practicada a proba declarada pertinente, a parte demandante ratificou o seu escrito e o Ministerio Fiscal remitiuse ao acordado no auto de medidas provisionais a excepción; en canto a contribucións de carácter económico, remítese ao xa acordado no auto de medidas provisionais.

Cuarto. Na tramitación do presente procedemento observáronse as prescricións legais e quedaron os autos sobre a mesa do xulgador, con data 6.6.2017, para ditar a oportuna resolución.

Fundamentos de dereito

Primeiro. Antes de entrar a resolver o obxecto do presente procedemento sobre garda e custodia da menor froito da relación entre demandante e demandado, así como contribucións económicas do proxenitor non custodio, cómpre realizar unhas previas consideracións sobre as cuestións en debate.

En primeiro lugar, débese sinalar que, conforme o disposto no artigo 91 do Código civil, nas sentenzas de nulidade, separación ou divorcio, ou en execución destas, o xuíz, na falta de acordo dos cónxuxes ou, en caso de non aprobación deste, determinará, conforme os artigos seguintes, as medidas que deban substituír as xa adoptadas.

O artigo 94 do Código civil establece: «O proxenitor que non teña consigo os fillos menores ou incapacitados gozará do dereito de visitalos, comunicarse con eles e telos na súa compañía. O xuíz determinará o tempo, modo e lugar do exercicio deste dereito, que poderá limitar ou suspender se se dan graves circunstancias que así o aconsellen ou se incumpren grave ou reiteradamente os deberes impostos pola resolución xudicial».

Así mesmo, tamén se debe observar o preceptuado no artigo 158.1 e 4º CC.

Dispón o artigo 93 CC en canto á contribución dos proxenitores ás cargas económicas e pensións alimenticias: «O xuíz, en todo caso, determinará a contribución de cada proxenitor para satisfacer os alimentos e adoptará as medidas convenientes para asegurar a efectividade e a acomodación das prestacións ás circunstancias económicas e necesidades dos fillos en cada momento (…)» E o artigo 142 do Código civil: «Enténdese por alimentos todo o que é indispensable para o sustento, habitación, vestido e asistencia médica.

Os alimentos comprenden tamén a educación e instrución do alimentista, mentres sexa menor (…)». Así mesmo, o artigo 148 CC, en canto á exixibilidade dos ditos alimentos.

Conforme o disposto no citado artigo 93 e no artigo 146 do Código civil, as prestacións alimenticias que se fixen nos preitos matrimoniais ou noutros de análogas características deben acomodarse ás circunstancias e dispoñibilidades económicas do núcleo familiar e ás necesidades dos fillos, sen prexuízo de ter que valorar igualmente as circunstancias tales como o status social en que ata o momento da ruptura da convivencia se desenvolveu a vida familiar, o que loxicamente comporta uns ou outros gastos para as atencións dos fillos; é igualmente importante a apreciación de que tras a ruptura dos pais, as economías dun e doutro se deben estreitar ao afrontar por separado gastos que antes se compartían, o que igualmente afecta os fillos.

Sentado o anterior, a mera diferenza de status económico entre unha e outra parte, por moi profunda que sexa, non pode, en ningún modo, exonerar os proxenitores de cooperaren, na medida das súas posibilidades, na atención pecuniaria das necesidades dos fillos e só podería caber unha atenuación ou suspensión da prestación no caso de carecer o proxenitor de ingresos ou seren estes tan exiguos que non lle poidan permitir atender outras necesidades que as da súa estrita supervivencia, sempre que o fillo teña outras posibilidades de cubrir as súas necesidades alimenticias, ben que, en calquera caso, e por mandato imperativo do artigo 93 do Código civil, isto non extinguirá o dereito do fillo que, en todo caso, debe ser recoñecido.

Débese partir a este respecto da afirmación rotunda do artigo 92, parágrafo primeiro, do Código civil, de que a separación, a nulidade, o divorcio ou procesos similares de quebra familiar non eximen os pais das súas obrigas para cos seus fillos e, entre esas obrigas e como primordial, está a de alimentalos: o xuíz, en todo caso, determinará a contribución de cada proxenitor para satisfacer os alimentos dos fillos, di o artigo 93 CC, polo que, en tal sentido, se debe entender que a separación e o divorcio deben incidir o menos posible nos fillos, pois é contrario aos ideais de xustiza que estes, por problemas xurdidos entre os pais, se vexan avocados a un empeoramento en termos económicos.

Segundo. Na súa consideración e do resultado da proba practicada no acto de xuízo e a que consta en autos, interrogatorio da parte demandante e documental, con respecto á garda e custodia da filla menor de idade e do réxime de visitas desta, asumindo na súa integridade as alegacións do Ministerio Fiscal no acto da vista, en consonancia co disposto no artigo 92 e no artigo 94 CC, debe corresponder a atribución da garda e custodia á nai, a quen lle corresponderá tamén o exercicio exclusivo da patria potestade, confirmando o réxime de visitas/comunicación establecido no Auto de medidas provisionais do 28.4.2017, é dicir, favorecer o contacto telefónico entre a menor e o seu pai, ao residir este en Colombia e sempre que for localizado, e a permanecer a menor no domicilio do pai se viaxa a Colombia e facilitar o contacto se for o pai o que viaxe a España.

A menor, que actualmente conta con 17 anos de idade, convive exclusivamente coa nai. A relación que mantén co seu pai está reducida a esporádicos contactos vía WhatsApp, polo que a vinculación coa nai é indubidable e resulta indiscutible a atribución a esta da garda e custodia. En canto ao exercicio da patria potestade, por aplicación do disposto no parágrafo 4º do artigo 156 CC, tendo en conta que o pai reside en Colombia, o contacto entre os pais é inexistente e a proximidade da maioría de idade de Stefanía, procede atribuír á nai o exercicio exclusivo da patria potestade, en prol de facilitar que a proxenitora poida adoptar as decisións que ao respecto considere oportunas de forma inmediata e sen precisar un consentimento do pai que, dadas as circunstancias, sería difícil consensuar.

Terceiro. En canto aos pronunciamentos de carácter especificamente económico e en atención á proba practicada, enténdese proporcionada e acorde aos intereses das partes e da filla menor común, a cantidade de 100 euros mensuais a favor desta establecida en sede de medidas provisionais no fundamento xurídico segundo, parágrafo terceiro da Resolución do 28.4.2017, en concepto de contribución por parte do pai aos gastos de educación e sostemento do descendente citado, xa que non achegaron datos sobre os ingresos do pai, a parte demandante descoñece se ten ingresos e manifesta que a última noticia que ten é que gana a vida como feirante. O pai contribuirá nun 50 % ao aboamento dos gastos extraordinarios, debidamente acreditados, derivados da educación, desenvolvemento e sostemento do descendente menor de idade.

Cuarto. Con relación ás custas procesuais, vista a especial natureza das cuestións discutidas neste proceso, non se realiza especial pronunciamento ao respecto.

Vistos os preceptos citados, concordantes e demais de xeral aplicación,

Resolvo:

Que estimando a demanda de medidas definitivas de garda e custodia formulada por Paula Andrea Ceballos Quiroz, que actúa representada polo procurador Sr. Pedreira Espiñeira e asistida pola letrada Sra. Álvarez Villaverde, contra Víctor León Mejía Giraldo, en situación de rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal, debo acordar e acordo:

– Atribución da garda e custodia da menor Stefanía Mejía Ceballos e do exercicio exclusivo da patria potestade á nai, cun réxime de visitas/comunicación consistente en favorecer o contacto telefónico entre a menor e o seu pai, ao residir este en Colombia e sempre que for localizado, e a permanecer a menor no domicilio do pai se viaxa a Colombia e facilitar o contacto se for o pai o que viaxa a España.

– En concepto de pensión alimenticia a favor da menor, o pai deberá aboar a suma de 100 euros mensuais, que se actualizará anualmente de acordo co IPC e será ingresada na conta bancaria da entidade que designe a demandante, dentro dos cinco primeiros días de cada mes. O proxenitor non custodio deberá contribuír, así mesmo, co 50 % dos gastos extraordinarios, debidamente acreditados e xustificados, derivados da educación, desenvolvemento e formación integral da menor.

– Non se efectúa especial pronunciamento sobre custas procesuais, vista a natureza do proceso.

Notifíquese a presente sentenza ás partes, coa mención expresa de que contra ela cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial, que se deberá interpor no prazo de vinte días desde a súa notificación.

Así o pronuncia, manda e asina, Montserrat Matos Salgado, xuíza substituta do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Ferrol e do seu partido.

E como consecuencia do ignorado paradoiro de Víctor León Mejía Giraldo, expídese este edicto para que sirva de cédula de notificación.

Ferrol, 6 de xullo de 2017

María del Carmen Fernández Matas
Letrada da Administración de xustiza