Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 4 de agosto de 2017 Páx. 36985

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 1 de agosto de 2017 sobre revogación de competencias delegadas na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e a delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

Con data do 24 de abril de 2017 publícase no número 78 do Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de abril de 2017 sobre avocación de competencias delegadas na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e a súa delegación na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Finalizada a causa que a motivou, cómpre revogar a delegación das competencias atribuídas á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica en virtude da dita orde. Así mesmo, en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe procede recorrer, na área das súas atribucións, á delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade de conformidade co disposto na Orde de 3 de marzo de 2016 sobre delegación de competencias nos órganos de dirección e nos/nas xefes/as das xefaturas territoriais desta consellería.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 72.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Revogación das competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

Revóganse as competencias delegadas na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica en virtude da Orde do 21 de abril de 2017 sobre avocación de competencias delegadas na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e a súa delegación na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Artigo 2. Delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, na área das súas atribucións, as competencias establecidas no artigo 2 da Orde do 3 de marzo de 2016 sobre delegación de competencias nos órganos de dirección e nos/nas xefes/as das xefaturas territoriais desta consellería.

Disposición derrogatoria única. Derrogación da orde

Queda derrogada a Orde do 21 de abril de 2017 sobre avocación de competencias delegadas na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e a súa delegación na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2017

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social