Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2017 Páx. 36707

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 29 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Electroquímica del Noroeste, S.A.U. (Elnosa) para a planta de cloro-álcali de Lourizán, en Pontevedra (expediente 2016-IPPC-M-0074).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro) regula a revisión da autorización ambiental integrada.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19.10.2013) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do dito real decreto faise público que, por espazo de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, quedarán expostos os documentos titulados:

– Proxecto para a revisión da autorización ambiental integrada. Abril 2017.

– Plan de desmantelamento. Abril 2017.

– Proxecto básico de descontaminación de solos e augas subterráneas nas instalacións de Elnosa en Pontevedra. EMA-4206 R.00.

Calquera interesado pode consultalos e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. Os documentos estarán á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://cmaot.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade >>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2017

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2016-IPPC-M-0074.

Núm. de autorización ambiental integrada: 2005/0101_NAA/IPPC_150.

Titular: Electroquímica del Noroeste, S.A.U. (Elnosa).

CIF: A36002541.

Enderezo: Marisma de Lourizán, s/n, 36153 Pontevedra.

Actividade principal: fábrica de cloro-álcali e produtos derivados.

Descrición: Elnosa proxecta adaptar esta instalación á Decisión de execución da Comisión, do 9 de decembro de 2013, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores tecnoloxías dispoñibles (MTD) para a produción de cloro-álcali, conforme a Directiva 2010/75/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, sobre as emisións industriais. Esta adaptación proxéctase en dúas fases:

– Fase 1: a partir da data na que sexa legalmente imperativo cesará a fabricación de cloro, utilizaranse celas de electrólise con tecnoloxía de mercurio. Continuará co resto de actividades da instalación compatibles coa dita decisión (produción de hipoclorito sódico, almacenamento e distribución de cloro e produtos derivados). Durante esta fase executarase o plan de desmantelamento da sección de electrólise con tecnoloxía de mercurio para a súa conversión á tecnoloxía de membrana. A duración estimada para esta fase é de 2,5 anos.

– Fase 2: correspóndese coa conversión da instalación á tecnoloxía de membrana. A planta producirá cloro-álcali e produtos derivados.

Verteduras: a instalación trata as súas augas residuais nunha depuradora propia e vérteas á ría de Pontevedra a través do emisario submarino da estación depuradora de augas residuais urbanas dos Praceres.