Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 28 de xullo de 2017 Páx. 35945

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal nas disposicións transitorias 2ª e 12ª. Plan parcial das Fontiñas e plans especiais de reforma interior dos Concheiros, O Vieiro e O Outeiro.

O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 27 de abril de 2017, adoptou entre outros, o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) nas disposicións transitorias 2ª e 12ª, segundo o proxecto formulado pola Sección Municipal de Planeamento en abril de 2017.

Segundo. Someter o expediente a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

A documentación sometida a información pública abarcará todos os documentos do expediente tramitado, e incluirá:

– O resumo executivo que exixe o artigo 25.3 do Real decreto lexislativo 7/2015, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana.

– A Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, do 8 de febreiro de 2017, pola que se formula o informe ambiental estratéxico.

Terceiro. En cumprimento do que dispón o número 7 do artigo 60 da LSG, o Concello trasladará a documentación á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, co fin de que este órgano outorgue audiencia aos municipios limítrofes e solicite os informes sectoriais autonómicos que resulten preceptivos.

O acordo de aprobación inicial determina ex lege, por aplicación do artigo 47.2 da LSG, a suspensión do outorgamento das licenzas que poidan resultar incompatibles coa nova ordenación proposta, durante o prazo máximo de dous anos, contado desde a aprobación inicial.

O que se publica co fin de que, durante o prazo de dous meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida a exposición pública estará a dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago de Compostela (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas; e na páxina web do Concello http://transparencia.santiagodecompostela.gal/plans-urbanismo-obras-publicas/gl

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2017

O alcalde
P.D. (DEC/3997/2015, do 16 de xuño)
Jorge Duarte Vázquez
Concelleiro delegado de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade