Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 26 de xullo de 2017 Páx. 35576

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de xullo de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se dá publicidade á Resolución do 27 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, pola que se modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Santiago de Arcos (Mazaricos-A Coruña).

O director xeral de Desenvolvemento Rural, con data do 27 de xuño, ditou a resolución que se transcribe a seguir:

«A concentración parcelaria da zona de Santiago de Arcos (Mazaricos-Carnota, A Coruña) foi declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 2681/1965, do 14 de agosto (BOE do 14 de setembro), e o acordo da zona foi aprobado pola Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias o 12 de novembro de 2007 e publicado na forma legalmente prevista, na actualidade encóntrase pendente da súa firmeza.

Con posterioridade a estes actos, e dado que o proceso abrangue terreos do Concello de Carnota, este e o Concello de Mazaricos solicitaron a cesión da titularidade dos predios destinados a masas comúns, para os fins que se indican a seguir:

1. O Concello de Mazaricos solicitou os predios números:

– Predio nº 257: para a construción dun punto de auga no lugar de Xián.

– Predio nº 322: para a rehabilitación da fonte pública encravada no lugar de Enxilde.

– Predio nº 176-1 para a preservación do castro.

– Predio nº 329: para depósito de auga veciñal.

– Predio nº 335: para depósito de auga veciñal e traída de augas no lugar de Enxilde.

– Predio nº 675: para ampliación do aparcadoiro do cemiterio de Arcos.

– Predio nº 744: para a creación dunha área recreativa municipal na marxe do río Arcos.

– Predio nº 1140: para a rehabilitación da fonte pública no lugar de Cabanude.

– Predio nº 1499: para a conservación da carballeira no lugar de Figueira.

– Predio nº 1479: para interiores no lugar de Figueira.

– Predio nº 1918: para área recreativa no lugar de Cornes.

2. O Concello de Carnota solicitou os predios números:

– Predio nº 763 para área de descanso.

– Predio nº 929 para aparcadoiro do depósito de auga.

– Predios nº 1708, 1719 e 1723 para aparcadoiro do depósito de auga de Outeiro e mellora de pista forestal.

– Predios nº 1786, 1791 e 1796 para mellora de pistas forestais.

– Predios 1880 e 1903 para área de descanso e mellora de pista forestal.

– Predio nº 2038-2 para mellora de pista forestal.

– Predio nº 2127 para ampliación da estrada a Xestoso.

– Predio nº 2142 e 2143 para mellora de vías.

– Predio nº 2198 para a mellora do acceso a Cubelo.

– Predio nº 2019 para área de lecer dos veciños de Adraño.

Vista a proposta da Xunta Local de Zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973; a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro; a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Á vista dos destinos para os cales se solicitan os referidos predios, entendendo que son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita Lei galega de concentración parcelaria para Galicia, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Arcos (Mazaricos-A Coruña), no sentido de:

1.1. Adxudicar ao Concello de Mazaricos (propietario nº 227) a titularidade dos predios nº 176-1, 257, 322, 329, 335, 675, 744, 1140, 1499, 1479, e 1918, que causan baixa no fondo de terras da zona, para seren destinados aos fins que se recollen na parte expositiva da presente resolución.

1.2. Adxudicar ao Concello de Carnota, a quen se dá de alta como propietario da zona co nº 1002, a titularidade dos predios nº 763, 929, 1708, 1719, 1723, 1786, 1791, 1796, 1880, 1903, 2038-2, 2127, 2142, 2143, 2198 e 2019, que causan baixa no fondo de terras da zona, para seren destinados aos fins que se recollen na parte expositiva da presente resolución.

2. Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades, sen que os predios fosen destinados aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o fondo de terras da zona, o patrimonio da Comunidade Autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

3. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación aos concellos de Mazaricos e Carnota».

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes que contará desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.

A Coruña, 11 de xullo de 2017

Manuel Rodríguez Vázquez
Xefe territorial da Coruña