Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 26 de xullo de 2017 Páx. 35553

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista para a distribución de gas natural canalizado no núcleo de poboación da Guarda, promovida por Primagás Energía Distribución, S.A.U. (expediente IN627A 2016/25-0).

Logo de examinar o expediente instruído a pedimento da empresa Primagás Energía Distribución, S.A.U., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Beethoven, nº 15, 7ª, 08021 Barcelona, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con respecto da autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no núcleo de poboación da Guarda (Pontevedra), e ante as solicitudes presentadas en concorrencia por dúas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Primagás Energía Distribución, S.A.), a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu, con data 18.7.2016, o trámite de competencia a favor de Primagás Energía Distribución, S.A.U., o que implicou continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa, cuxo proxecto de execución presenta as seguintes características básicas:

– A subministración de gas natural realizarase desde unha planta de GNL que se situará na parcela de referencia catastral 36023A015003160000UP e que disporá das seguintes características xerais: capacidade de almacenamento de GNL de 110 m3; capacidade de regasificación de 2.000 m3(N)/h; e presión de subministración de gas natural de 4 bar.

– A rede de distribución proxectada, que se circunscribe ao núcleo urbano da Guarda, estará constituída por unha rede principal que partirá da citada planta de GNL (en diámetros de 200, 160 e 100 mm e MOP de 4 bar) e discorrerá ata a entrada da ERM (4/0,4 bar), e por unha rede secundaria que partirá da saída desta ERM e ramificarase polas distintas rúas do núcleo urbano (en diámetros de 200, 160, 110, 90 e 63 mm e MOP de 0,4 bar). A rede realizarase en tubaxe de polietileno PE 100 SDR 17,6 e terá unha lonxitude total de 22.311 m (3.207 m a rede principal e 19.104 m a rede secundaria).

Segundo. O 12.12.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista para a distribución de gas natural canalizado no núcleo urbano da Guarda (Pontevedra), promovida por Primagás Energía Distribución, S.A.U. (expediente IN627A 2016/25-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 14.2.2017, no Boletín Oficial da provincia do 17.1.2017 e nos xornais La Voz de Galicia do 31.1.2017 e Faro de Vigo do 30.1.2017, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello da Guarda.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de execución, José Benito Alonso da Costa, na súa condición de veciño da Guarda, presentou un escrito de alegacións no cal fai constar o seguinte:

– Comunica que próxima á súa vivenda existe unha instalación soterrada de GLP, de 99 m3 de capacidade, que subministra os edificios da Urbanización de Santa Cruz, e que se atopa nun estado deplorable de mantemento e semiabandono.

– Pregunta que vai acontecer con esta instalación de GLP no caso de realizarse o proxecto de canalización de gas natural.

– Solicita que se tomen as medidas necesarias para, dunha forma ou doutra, se solucione a problemática de seguridade que padecen pola proximidade da citada instalación de GLP.

Terceiro. O 13.12.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto de execución (infraestrutura gasista para a distribución de gas natural canalizado no núcleo urbano da Guarda), para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens ou dereitos afectados por ela: Servizo de Costas do Estado en Pontevedra, Portos de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación Provincial de Pontevedra e Concello da Guarda.

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade e/ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Primagás Energía Distribución, S.A.U., quen presentou a súa conformidade.

Con respecto das entidades que non contestaron (Axencia Galega de Infraestruturas e Deputación Provincial de Pontevedra), sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Cuarto. O 3.4.2017 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe sobre o citado proxecto de execución (infraestrutura gasista para a distribución de gas natural canalizado no núcleo urbano da Guarda), no cal se conclúe que cumpre cos requisitos previstos no Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorizacións de instalacións de gas natural, e no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-ICG 01 a 11, en concreto as ITC-ICG 01 e 04.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. En contestación ao escrito de alegacións presentado, dicir que a instalación existente de GLP á cal se fai referencia é unha instalación independente da infraestrutura de gas natural canalizado obxecto desta autorización; e, polo que respecta ao estado en que se encontra a dita instalación de GLP, indicar que se deu traslado á xefatura territorial para os efectos das comprobacións oportunas por tratarse do órgano competente.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o exposto, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista para a distribución de gas natural canalizado no núcleo de poboación da Guarda (Pontevedra), promovida por Primagás Energía Distribución, S.A.U.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura gasista citada.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa Primagás Energía Distribución, S.A.U. constituirá no prazo de dous meses, contado desde a notificación desta resolución, unha fianza por valor de 27.477,21 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. A infraestrutura gasista que se autoriza realizarase de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Primagás Energía Distribución, S.A.U., titulado «Proxecto de autorización e execución de instalacións para distribución de gas natural canalizado mediante planta de GNL no termo municipal da Guarda (Pontevedra)», asinado polo enxeñeiro técnico industrial, especialidade en química industrial, Iván Piñeiro Vázquez (colexiado nº 372 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industrias de Lugo), e visado por este colexio con data 4.4.2017 e nº 3852017; e no que figura un orzamento de 1.373.860,35 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución; non obstante, deberá cumprirse o disposto no programa de execución recollido no proxecto e tido en conta no trámite de competencia.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en marcha ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Sétima. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura gasista e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos da competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Novena. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2017

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas