Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 20 de xullo de 2017 Páx. 34951

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de xullo de 2017 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación Amedis.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Amedis, con domicilio na rúa Salvatierra, núm. 9, local 10, 36209 Vigo.

Feitos.

1. María del Carmen Álvarez Martínez, presidenta do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Amedis constituíuse en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 24 de maio de 2017, modificada por dilixencia de data 20 de xuño de 2017, ante o notario Pablo Rueda Rodríguez-Vila, co número de protocolo 1.013, por María del Carmen Álvarez Martínez e Clemente Pousa Pereira que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto traballar pola mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual en todas as etapas e ámbitos da súa vida e acadar unha integración social real, recoñecendo que o primeiro dereito de calquera persoa discapacitada é chegar a non selo.

A Fundación poderá exercer a tutela daqueles menores que teñan discapacidade intelectual nos casos en que así sexa requirido.

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por María del Carmen Álvarez Martínez como presidenta, Clemente Pousa Pereira como vicepresidente e Jesús Díaz Castro como vogal. Designan secretaria con voz e sen voto a Raquel Pérez Salgado.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Amedis, con base ás materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de xullo de 2017,

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación Amedis, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2017

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza